Nota informativa sobre a Vacinación fronte ao Meningococo B - Xaneiro 2016

Nota informativa sobre a Vacinación fronte ao Meningococo B - Xaneiro 2016

Nota Informativa sobre a Vacinación fronte ao Meningococo B (xaneiro 2016)


A Comisión galega de enfermidades inmunoprevibles da Consellería de Sanidade, na que están representadas as sociedades cientificas e asociacións que agrupan a pediatras, médicos de familia, enfermaría e preventivistas, ante as novas que periodicamente aparecen nos medios sobre a vacina antimeningocócica B (Bexsero®) e os problemas de subministro existentes, que se estima que poden durar aínda uns meses, quere facer chegar aos profesionais sanitarios e ás familias as seguintes consideracións coa finalidade de informar con obxecvidade sobre esta situación.


✔ Queremos reafirmar a gran valía das vacinas como medida para a prevención de enfermidades pero tamén que cada vacina debe utilizarse en relación cos beneficios que achega. Neste sentido cremos necesario facer unha chamada á calma xa que a situación de alarma social e ansiedade naquelas familias que teñen dificultades en acceder á vacina non se corresponde co risco real que supón esta enfermidade neste momento, pois afortunadamente a frecuencia actual da enfermidade por meningococo B é a máis baixa dos últimos anos, nos que houbo unha baixada de casos en todos os tramos de idade, continuando a ser os menores de 2 anos os que teñen incidencias superiores o resto.


✔ A aparición desta vacina fronte ao meningococo B supón unha boa e esperanzadora nova aínda que descoñecemos polo de agora o seu grao de protección, a duración desta ou se serán necesarias doses de recordo para manter esta protección.


✔ Queremos lembrar un principio básico en vacinas, como é que “dose posta dose que conta”, o que significa que se se alargan os tempos recomendados entre doses non hai que volver a recomenzar a pauta, son válidas á hora de considerar se a pauta está completa ou non.


✔ Teñen garantida a súa administración gratuíta todos os nenos e adultos con alto risco de padecer a enfermidade, como son as persoas con certas alteracións na súa resposta inmunitaria, antecedentes de enfermidade meningocócica invasora ou que traballan manipulando estes xermes.


Por elo, neste momento, se os nenos non teñen factores de risco, a utilización desta vacina debe ser unha decisión persoal, informada e libre de nais e pais, sendo conscentes de que o risco é moi baixo e o balance risco/beneficio da vacina, aínda que positivo, é limitado.


Esta comisión asesora técnica continuará analizando os datos epidemiolóxicos, a efectividade e a seguridade así como os novos datos que se publiquen sobre esta vacina.

 

Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2016