Modelos utilizados

Modelos utilizados

Modelo de Poisson

O modelo de Poisson discretiza as variables data de diagnóstico e atraso na notificación, agrupando as datas de diagnóstico en trimestres ou bimestres e os atrasos en intervalos de diferente lonxitude.

Este modelo parte da hipótese de estacionariedade da distribución do atraso con respecto á data de diagnóstico, isto é, unha vez agrupados os casos, suponse que a distribución dos tempos de atraso non depende da data na que foron diagnosticados.

 

Modelo loxístico

No modelo de regresión loxística vólvese utilizar a mesma táboa que no modelo de Poisson. Diferénciase deste último en que unha vez agrupados os casos, non se asume a hipótese de estacionariedade da distribución dos tempos de atraso respecto ás datas de diagnóstico.

Como recomendación xeral, débese utilizar este modelo nos casos en que é evidente a falta de estacionariedade.

 

Modelo de truncamento

O modelo de truncamento diferénciase do loxístico e do de Poisson en que se utilizan a data exacta de diagnóstico e os días de atraso, é dicir, non se agrupan os casos como nos outros modelos; a táboa final só se emprega para a saída dos resultados. Este é un modelo non paramétrico, co que non estamos asumindo ningunha distribución a priori para os nosos datos.

O que si estamos asumindo ao aplicar este modelo é unha hipótese de independencia entre o atraso e a variable de truncamento, ou sexa, a data na que se realiza a estimación menos a data de diagnóstico. Na práctica sería conveniente despreciar os casos do inicio da epidemia, xa que sería de esperar grandes atrasos na notificación neles, o que implicaría sobreestimación nos cálculos realizados na actualidade. A asunción de independencia deste modelo é practicamente a mesma que a hipótese de estacionaridade do modelo de Poisson.

 

Recomendacións

É imprescindible o coñecemento histórico do rexistro sobre o que se pretenda estimar o efecto do atraso. O estudo dos posibles problemas na notificación ao longo do tempo, da situación das unidades declarantes e doutros factores locais que poidan afectar á distribución do atraso, son básicos á hora de seleccionar un modelo ou outro ou establecer unha ou outra data de corte ou un tempo máximo de atraso, posibilidades que ofrece Moucho. Non debe esquecer o usuario que os modelos aquí propostos realizan os cálculos sobre os casos notificados que teñan data de diagnóstico e notificación; polo tanto aqueles rexistros con algunha destas datas en branco serán rexeitados. Obviamente, ao traballar sobre casos notificados, o subrexistro non se considera nas estimacións.