LGTBI e saúde

LGTBI e saúde

As diferentes formas de vivir a sexualidade e a identidade de xénero poden ser tan variadas como persoas hai. Estas diferenzas individuais conforman o que coñecemos como diversidade afectivo-sexual. Coñecer algúns conceptos sobre a diversidade sexual, como os que presentamos a continuación, pode ser útil para evitar prexuízos:

- O sexo é a condición biolóxica e xenética pola cal nacemos con órganos sexuais e características externas femininas, masculinas ou combinadas (intersexualidade).

- O xénero é a construción cultural que asigna roles diferenciais femininos ou masculinos en canto a comportamento, actividades e atributos.

- A identidade de xénero é o sentimento íntimo de identificación cun dos xéneros. Establécese moi cedo na infancia e non ten por que coincidir co sexo biolóxico.

- A orientación sexual refírese á atracción emocional, romántica, sexual ou afectiva que inflúe á hora de desenvolver vínculos coas persoas de distinto sexo (heterosexual), do mesmo sexo (homosexual) ou de ambos sexos (bisexual).

Discriminación por causa de identidade e/ou orientación sexual.

Para poder identificar e combater as situacións inxustas causadas pola discriminación o primeiro é poder recoñecelas.

O concepto discriminación refírese ao trato diferencial desfavorable cara unha persoa ou un colectivo. Con frecuencia a discriminación vai ligada a existencia dun estigma, que consiste na asignación dun atributo ou característica que dota ás persoas dunha identidade social negativa ou devaluada nun determinado contexto.

Existen diferentes tipos de discriminación, uns máis evidentes que outros. No contexto xurídico considéranse os seguintes tipos de discriminación:

- Discriminación directa, cando unha persoa sexa, fose ou puider ser tratada de xeito menos favorable que outra en situación análoga ou comparable por razón da súa orientación sexual ou identidade de xénero.

- Discriminación indirecta, cando unha disposición, criterio ou práctica aparentemente neutros poidan ocasionar unha desvantaxe particular a persoas por razón da súa orientación sexual ou identidade de xénero.

- Discriminación múltiple, cando unha persoa sexa discriminada por razón da súa orientación sexual e/ou identidade de xénero conxuntamente con outra causa ou causas de discriminación (idade, relixión ou crenzas, convicción ou opinión, sexo, orixe racial ou étnica, incapacidade, enfermidade...).

- Acoso discriminatorio, cando se produza unha conduta que, en función da orientación sexual ou identidade de xénero dunha persoa, persiga atentar contra a súa dignidade e/ou crear un espazo intimidatorio, hostil, degradante, humillante, ofensivo ou segregador.

Efectos da discriminación sobre a saúde

A investigación ten atopado que as persoas LGTBI poden estar máis afectadas por algúns problemas de saúde. Teñen con máis frecuencia ansiedade e depresión, e presentan un maior risco de suicidio (chegando a ser a cifra de intentos de suicidio de ata o 20%).

Por outra banda, algunhas enfermidades como as ITS, tamén son máis frecuentes.

Ademais algúns estudos concluíron que as persoas LGTBI presentarían peor calidade de vida e maior risco de morrer independentemente da causa. Estas peores condicións de saúde téñense relacionado co feito de que as situacións de discriminación xeran unha elevada carga de estrés que pode contribuír ao aumento de condutas de risco.  Ademais, a estigmatización que persiste na sociedade e a falta de formación sanitaria neste eido poden condicionar barreiras de acceso ao sistema sanitario que contribúen ao mantemento de desigualdades en saúde.

Loita contra a discriminación. Os teus dereitos.

Tanto a nivel internacional e nacional (España) como autonómico (Galicia) a lei protexe o dereito das persoas LGTBI a non recibir un trato discriminatorio. Esta lexislación garante a igualdade de acceso ao sistema sanitario e contempla o dereito de todos a que se teñan en conta as diferentes necesidades de saúde. As institucións públicas, mediante centros como os Quérote+ ou os CIM dos concellos, e outras organizacións de apoio como o punto Sexpoint da ONG Casco ou o Observatorio Coruñés contra a LGTBIfobia de ALAS Coruña poden orientarche e axudarche cando creas que se está a producir un caso de discriminación.

Centros Quérote+:

- Contacto:
Web http://xuventude.xunta.es/querote-mais
WhatsApp 24 h: 647 018 752

-Servizos:
Información, asesoramento, atención psicolóxica e acompañamento, probas rápidas de VIH.

- Persoal:
Psicólogas, traballadores sociais, educadores sociais.

Sexpoint:

- Contacto:
Web: http://sexpointcasco.com
WhatsApp: 698 140 251
Skype: sexpointcasco@gmail.com
email: sexpointcasco@gmail.com

- Servizos:
Asesoría xurídica, atención psicolóxica, asesoramento, acompañamento, probas rápidas de VIH.

- Persoal:
Abogada, psicóloga e educadores en saúde.

Observatorio Coruñés contra a LGTBIfobia:

- Contacto:
web: http://corunasenodio.org/
WhatsApp: 622 07 29 40.

- Servizos:
Rexistro e declaración de casos de agresión por LGTBIfobia
Atención primaria en situacións de agresión e/ou odio por LGTBIfobia.

Denunciemos estas situacións e apoiemos a quen poida estalas sufrindo.