Metodoloxía: Informe metodolóxico

Metodoloxía: Informe metodolóxico

Datos sobre interrupcións voluntarias do embarazo na páxina web da DXSP

 

Neste apartado da páxina web da DXSP móstranse datos das interrupcións voluntarias do embarazo (IVEs) realizadas en España, dende 1987, por mulleres que residen en Galicia [1]. Os datos proceden dos centros acreditados para realizar IVEs, que teñen a obriga de notificar a sanidade unha serie de datos (anónimos) de cada IVE que nel se realiza [2]. En Galicia os centros acreditados envían estas notificacións ao Rexistro Galego de IVEs, que depende da DXSP, que pola súa banda os envía ao Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad. Estas notificacións enviadas ao Ministerio fan referencia ás IVEs realizadas en Galicia tanto en mulleres que residen nela como fóra dela. Dado que todas as Comunidades Autónomas levan a cabo o mesmo procedemento, o Ministerio está en condicións de devolverlle ás comunidades as IVEs realizadas fóra da comunidade de mulleres que residen nela. Deste xeito, como quedou dito, os datos do Rexistro Galego conteñen todas as IVEs realizadas en España por mulleres que residen en Galicia. Pola contra non constan os datos de IVEs realizadas fóra de España nin, por suposto, aquelas que non foran notificadas.

 

Contidos e consideracións metodolóxicas. As táboas e gráficos que se mostran tratan as IVEs, ademais de como número absoluto, como porcentaxe, taxa e razón.

En concreto, móstrase a taxa de IVE específica por grupo de idade (é dicir, número de IVEs realizadas por mulleres dun grupo de idade determinado dividido polo número de mulleres dese mesmo grupo, multiplicado por mil só para favorecer a lectura do resultado), que, a diferenza do que ocorre cos números absolutos, permite facer comparacións entre os distintos grupos de idade e comparar os valores de distintos períodos.

Ademais da taxa de IVE específica, móstrase a taxa de IVE axustada á poboación de mulleres galegas (datos do Censo de 2001) entre os 15 e 44 anos de idade e os 14 e 49 anos. Este axuste permite controlar as diferenzas que pode haber nas distribucións por idade nas mulleres en distintos períodos (ver, por exemplo a pirámide de poboación que se comenta despois) e entre distintos lugares, como as provincias galegas. Este control fai posible que, a diferenza do que ocorre cos números absolutos, se poidan comparar as taxas de IVEs de diferentes poboacións e de diferentes momentos nunha mesma poboación.

A razón fai referencia ao cociente entre o número de IVEs e o número de nacementos ocorridos en mulleres dunha certa idade ou de certo lugar. A razón multiplícase por 10.000 só para facilitar a lectura do resultado, e ao relacionala coa taxa de IVEs (taxa/razón) pódese obter unha taxa de natalidade (é dicir, número de nenos nados dividido entre o número de mulleres).

Ademais dos números absolutos, taxas e razóns, pódese obter a distribución porcentual de IVEs segundo: o momento da interrupción (semana de xestación, interrupcións precoces e tardías [3]), o motivo da IVE, o método empregado para realizala, os antecedentes das mulleres (número de fillos e de IVEs previas), o lugar onde se soubo da posibilidade da IVE, o lugar de nacemento e a nacionalidade.

Para rematar, móstrase unha pirámide de poboación co número anual medio de mulleres nos grupos quinquenais de idade entre os 15 e 49 anos, durante os distintos períodos de estudo considerados.

Os datos de poboación anual de mulleres para o período 1987-1997 son estimacións intercensuais calculadas na DXSP a partir dos Censos de 1981 e 1991 e os Padróns de 1986, 1996 e 1998; e para o período que comeza en 1998 tomáronse os datos da Renovación Anual do Padrón, procedentes do Instituto Galego de Estatística (IGE). Os nacementos por idade da nai proceden do IGE.

 

[1] A Ley orgánica 9/1985, vixente ata o ano de 2010, despenalizaba a IVE nos tres supostos seguintes: cando existía perigo para a vida ou saúde da embarazada, cando o embarazo fora consecuencia dunha violación e cando existía a presunción de que o feto ía nacer con graves taras. No segundo e terceiro suposto a IVE debía realizarse dentro das 12 e 22 primeiras semanas de xestación, respectivamente.
O 5 de xullo de 2010, entrou en vigor a Ley Orgánica 2/2010, de 3 de marzo, de salud sexual y reproductiva y de la interrupción voluntaria del embarazo (BOE nº 55, do 4 de marzo do 2010). Segundo esta lei poderá interromperse o embarazo a petición da muller (nas 14 primeiras semanas de xestación) ou polas seguintes causas médicas: grave risco para a vida ou saúde da embarazada (nas 22 primeiras semanas de xestación), risco de graves anomalías no feto (nas 22 primeiras semanas de xestación) e, por último, enfermidade extremadamente grave e incurable no feto ou incompatible coa vida.

[2] Obriga que estableceu a Orden de 16 de junio de 1986, na que se que dispoñen as condicións para poder levar a cabo a información epidemiolóxica e mais a explotación estatística dos datos obtidos.

[3] Precoz é a IVE que se realiza antes de 9 semanas de xestación, e tardía a que se realiza despois de 15 semanas.