A hepatite A

A hepatite A

A hepatite A é unha enfermidade infecciosa aguda producida polo virus da hepatite A (VHA). A infección VHA pode dar lugar a formas inaparentes (asintomáticas e sen aumento das enzimas hepáticas), subclínicas (asintomáticas con aumento das enzimas) e clínicas, nas que as manifestacións abranguen dende un período de síntomas inespecíficos, como falta de apetito, náuseas e malestar xeral, ata a ictericia (cor amarela na pel e mucosas) e signos de lesión hepática, con hepatite fulminante en menos do 0'5% dos casos. A duración dos síntomas é variable, de entre unha e dúas semanas ata varios meses nas formas graves. Non se sabe que se produza infección crónica.

A enfermidade, que ten un período de incubación (tempo transcorrido entre o contacto co virus e o inicio dos síntomas) de entre 15 e 50 días, coa media en 28-30 días, adoita ser moi leve en nenos e máis grave nos adultos, nos que non é rara a hospitalización.

O modo máis común de transmisión do VHA é persoa a persoa, por vía fecal-oral, e os abrochos (“brotes” ou “outbreaks”) adoitan relacionarse co consumo de auga contaminada, de alimentos contaminados polos manipuladores infectados, incluídos os alimentos que se comen crus ou que foron manipulados despois da súa cocción; de moluscos crus ou mal cociñados collidos en augas contaminadas e de vexetais, como leitugas e froitas contaminadas; ou polas relacións sexuais oroanais ou oroxenitais.

A excrección do VHA e, polo tanto, a posibilidade de transmisión da infección dende unha persoa a outra, ocorre xa na segunda metade do período de incubación (é dicir, antes de que comecen os síntomas) e continúa algúns días despois da aparición da ictericia (ou durante a actividade máxima das enzimas nos casos sen ictericia). A maioría dos enfermos non elimina virus despois da primeira semana da ictericia. Non hai eliminación crónica do VHA.

As melloras de hixiene xeral e ambiental desenvolvidas en Galicia na segunda metade do século XX, fixeron que cada vez fose menos doada a difusión da infección na poboación e, en consecuencia, que o número de casos da enfermidade fose caendo ano a ano ata acadar na actualidade un nivel moi baixo de enfermidade na poboación (con moi poucos casos ao ano) salpicado, periodicamente, con abrochos que afectan a un maior número de persoas, como o que ocorreu en 2008 e 2009 entre homes que teñen sexo con homes.

Como a infección deixa inmunidade permanente, outra consecuencia da redución da difusión da infección na poboación foi que cada ano foron sendo máis as persoas que non entraron en contacto co VHA de nenos e, polo tanto, chegaron á idade adulta sendo susceptibles (é dicir, sen inmunidade). De feito, a enquisa de seroprevalencia realizada en Galicia en 2013 puxo de manifesto que máis do 85% dos nados de 1984 en diante son susceptibles, como tamén o son o 67% dos nados de 1974 a 1983 e o 31% dos nados de 1949 a 1973.