Gripe H5N1

Gripe H5N1

Áreas afectadas: diferentes países de África e Asia

A gripe A(H5N1) é moi transmisible e altamente patóxena en aves, polo que non son raros os abrochos nos lugares nos que se introduciu o virus.

As persoas en contacto con aves infectadas ou mortas,ou coas súas secrecións e excreccións, pódense infectar e enfermar, dando lugar a un cadro respiratorio grave que pode ser fatal. Ademais, estas persoas poden transmitir a infección a outras persoas, aínda que os eventos de transmisión interhumana son raros.

Na actualidade, nin en Galicia nin na península Ibérica hai abrochos en aves, pero as persoas poderían adquirir a enfermidade nun lugar no que haxa un activo e, para evitalo, deben seguir os sinxelos consellos que contén o documento ao que se accede na ligazón consellos para viaxeiros, no que tamén se indican os países aos que fai referencia.

Por outra banda, se a Galicia chega unha persoa enferma polo virus A(H5N1) compre identificala o máis axiña posible para, ademais de tratala axeitadamente, adoptar as medidas de contro da infección que impidan a súa transmisión a outras persoas. Estas medidas de vixilancia e resposta en Galicia pódense consultar na ligazón do mesmo nome.

Por outra banda, a vixilancia e a resposta axeitadas serían fundamentais para conter na súa orixe unha eventual pandemia polo virus A(H5N1), xa que é un dos virus gripais candidatos a orixinala (para o que se terán que producir cambios no seu xenoma que faciliten a transmisión interhumana). Para avaliar a calidade da resposta que os profesionais de saúde pública de Galicia e da Rexión Norte de Portugal lle darían a unha ameaza deste tipo, en 2006 realizouse un simulacro cuxo resultado pódese consultar na ligazón simulacro coa Rexión Norte de Portugal.