Febre hemorráxica de Crimea-Congo

Febre hemorráxica de Crimea-Congo

A febre hemorráxica de Crimea-Congo (FHCC) é unha enfermidade debida a o virus do mesmo nome. Os humanos adquiren a infección fundamentalmente pola picadura dunha carracha, aínda que tamén poden adquirila por contacto directo con sangue ou fluídos de animais infectados (feito que explica a maior incidencia en profesións como a de gandeiro ou matachín), e mesmo de humanos enfermos, mais pola experiencia dos países endémicos, semella que non é nada doada e adoita quedar limitada ás persoas que coidan dos doentes na fase hemorráxica da enfermidade (feito que explica o risco dos traballadores sanitarios).

Non todas as infeccións producen enfermidade e, cando a producen, esta comeza despois dun período de incubación de entre 3 e 7 días (rango de 1 a 13). Os primeiros síntomas (fase prehemorráxica) son febre elevada (39-40ºC) de aparición brusca (aínda que a febre pode non ser sempre tan elevada e mesmo pode haber unha pequena fracción de casos sen febre), cefalea, mialxia, e mareo. Tamén se pode presentar diarrea, hiperemia facial, do colo e do tórax, conxestión ocular ou conxuntivite. Logo de 3–4 días aparecen as manifestacións hemorráxicas (fase hemorráxica), dende petequias e grandes hematomas na pel e mucosas ata as hemorraxias, fundamentalmente polo nariz, dixestivo, útero, tracto urinario ou respiratorio. Prodúcese tamén fallo hepático e renal. A letalidade varía entre o 5 e o 30%.

O risco de infección co virus da FHCC en Galicia. O risco de infección co virus da FHCC nun territorio depende, entre outros factores, da densidade de carrachas do xénero Hyalomma que haxa nese territorio, xa que para o mantemento do virus precísanse densidades elevadas.

Os datos que hai de Galicia indican que, nos últimos catro anos, detectáronse só uns poucos exemplares (5-6) de carrachas deste xénero, que se recolleron en cabalos. Para os entomólogos expertos neste campo este número de carrachas suxire unha moi baixa densidade do vector.

Deste xeito, o risco de adquirir a enfermidade por picadura de carracha en Galicia pódese cualificar de extremadamente baixo, polo que dito risco queda fundamentalmente a expensas da transmisión secundaria a partir dunha persoa infectada noutro lugar, que tamén se pode considerar moi baixo debido á práctica ausencia de casos autóctonos na nosa contorna.

O risco de infección co virus da FHCC en España. Ao carón hai sendas ligazón ás avaliacións do risco que para o conxunto de España realizaron o Centro de coordinación de alertas sanitarias (CCAES) e o Centro europeo para a prevención e o control das enfermidades (ECDC). Nesta última conclúese que, en España, a probabilidade de infección pola picadura dunha carracha mantense baixa, aínda que no futuro poden ocorrer casos esporádicos adicionais.

Prevención. Fundaméntase en protexerse fronte ás carrachas e, chegado o momento retiralas axeitadamente. Como facelo pódese consultar na seguinte ligazón.

Resposta. Embaixo fica o procedemento para identificar posibles casos de FHCC coa resposta inmediata que lle hai que dar, que inclúe o traslado ao hospital do Meixoeiro, e o procedemento para o manexo dos contactos deses casos posibles.