Febre tifoide

Febre tifoide

A febre tifoide (en diante, FT) é unha enfermidade infecciosa aguda sistémica de comezo insidioso provocada pola bacteria Salmonella typhi  (S. Enterica  subsp. Enterica serovar Typhi ).

As manifestacións clínicas iniciais da FT son malestar xeral, debilidade, perda de apetito, dor de cabeza, estrinximento ou diarrea e febre con temperaturas que acadan os 40 ºC. As lesións vermellas da pel (roséola) son características desta enfermidade, poden permanecer durante 14 días e son visibles en arredor do 30 % dos casos. Nalgúns pacientes aparece unha deterioración do nivel de consciencia. A evolución da enfermidade adoita ser benigna co tratamento adecuado e acada unha letalidade estimada menor do 1 %, fronte ao 10 % a 20 % sen tratamento. Non obstante, ás veces aparecen complicacións, como lesións cardíacas graves, hemorraxias gastrointestinais, perforación intestinal e alteracións neurolóxicas importantes. Despois da curación clínica, hai individuos que continúan eliminando a bacteria polas feces por un período de tempo variable, estes son os chamados portadores, que se chaman crónicos cando este tempo é superior a un ano.

O home é o único reservatario natural de S. typhi. Entre o 2-5 % dos pacientes convértense en portadores crónicos, dependendo da idade, do sexo e do tratamento antibiótico recibido. O risco é maior nas mulleres de idade media, sobre todo naquelas que presentan algunha patoloxía biliar e que non recibiron unha terapia antibiótica axeitada. Os portadores crónicos en ouriños asócianse á presenza conxunta de litiase renal e esquistosomiase.

A FT pódese transmitir por contacto directo, vía fecal-oral, entre unha persoa infectada e unha persoa susceptible, ou por mecanismo indirecto a través da inxestión de auga ou alimentos contaminados, sobre todo as verduras e os moluscos crus. As moscas tamén poden actuar como vehículo de transmisión contaminando os alimentos. Tamén se documentou a transmisión sexual, aínda que é infrecuente.

Hai poucas evidencias de que exista unha alta transmisión secundaria en países non endémicos. De feito, nun estudo realizado en Londres de 635 contactos estreitos de casos coñecidos, non se atopou ningún caso ao realizar o seguimento cunha serie de dous coprocultivos.

O período de incubación varía coa dose infectiva de 3 a 60 días, normalmente de 8 a 14 días. Observouse que nun 96 % dos que regresaban de viaxe tiñan un período de incubación dentro dos primeiros 28 días.

A transmisión persiste durante todo o período no que se excreten os microorganismos nas feces ou nos ouriños. Habitualmente, a excreción comeza unha semana despois do inicio dos síntomas, dura todo o período de convalecencia e persiste durante un tempo variable. O 10 % dos pacientes eliminan microorganismos durante os 3 meses que seguen á desaparición dos síntomas. Nos portadores crónicos a excreción pode ser intermitente.