Día mundial da sida

Día mundial da sida

MANIFESTO DÍA MUNDIAL DA SIDA 2019

Rematando a terceira década despois do descubrimento do Virus da Inmunodeficiencia Humana (VIH), ONUSIDA, o organismo da ONU creado para afrontar unha das maiores crises sanitarias desencadeada pola pandemia do VIH/sida, informa que os datos a nivel mundial indican que o problema da infección polo VIH entrou nunha fase na que o control da epidemia nos próximos anos é posible.
A constante mellora da terapia antirretroviral e a amplificación da súa subministración fai posible propoñer que o fin da epidemia da sida sexa un obxectivo irrenunciable.

A estratexia 90-90-90 posta en marcha por ONUSIDA para o vindeiro ano 2020  trata de acadar que o 90% das persoas infectadas polo VIH sexan diagnosticadas, que o 90% das persoas diagnosticadas da infección polo VIH sexan tratadas coa medicación antirretroviral e que o 90% das persoas que reciben o tratamento manteñan unha carga viral indetectable. Tras este primeiro paso, ONUSIDA xa contempla acelerar o proceso mediante a estratexia 95-95-95 de cara ao ano 2030.
En Galicia, estímase que é posible acadar a estratexia 90-90-90 no próximo ano 2020.
Para cumprir co reto marcado, a Consellería de Sanidade está centrando os seus esforzos ao redor do diagnóstico precoz do VIH tanto en centros sanitarios, mediante a realización da proba convencional de VIH, como en contornas comunitarias utilizando un programa de probas rápidas anónimas. Diagnosticar os novos casos, para romper a cadea epidemiolóxica desta infección na poboación, constitúe neste momento unha prioridade.

A atención ás persoas máis vulnerables a esta infección implica redobrar os esforzos, tanto no diagnóstico precoz e o tratamento, como nas medidas de prevención. Este ano, acaba de comezar na nosa Comunidade o Programa de Profilaxe pre Exposición (PrEP) ao VIH co fin de protexer ás persoas máis expostas mediante un tratamento preventivo e diferentes medidas como reforzar o uso do preservativo e o abandono das prácticas de risco.
O respecto dos seus dereitos e a discriminación cero das persoas afectadas, seguen a ser unha das principais metas que ten marcadas a Consellería de Sanidade na abordaxe deste importante problema de saúde.

Este 2019, coa unidade e a participación de todos e todas queremos dar un decidido paso cara adiante que nos permita chegar nos próximos anos, sen deixar a ninguén atrás, ao fin da epidemia de sida en Galicia e contribuír con iso ao fin da pandemia no mundo.