Análises microbiolóxicas. Ano 2010

Análises microbiolóxicas. Ano 2010

As zonas de baño son lugares de recreo moi concorridas nos meses de verán e as actividades acuáticas brindan beneficios importantes para a saúde e benestar das persoas. Isto beneficia ós veciños e tamén atrae a numerosos turistas cuxos desembolsos favorecen as economías locais. Con todo, o baño nas augas recreativas pode representar riscos para a saúde dos usuarios. A contaminación bacteriana das augas pode provocar gastroenterite ou enfermidades respiratorias nas persoas. Aínda que estas enfermidades raramente son graves, o número de persoas expostas é moi elevado polo que se trata dun risco que hai que ter en conta.

Por este motivo, a Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública executa o Programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño co obxecto de establecer os criterios sanitarios que deben cumprir as augas de baño para garantir a súa calidade e así protexer a saúde humana dos efectos adversos derivados de calquera tipo de contaminación.

Neste sentido considérase prioritaria a difusión de información suficiente e oportuna sobre a calidade das zonas de baño. Entre as actividades de difusión elabórase esta publicación como resultado do desenvolvemento do programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño de Galicia no ano 2010, no que o 98,8 % das zonas de baño censadas obtiveron a cualificación de aptas para o baño.

 

María Pilar Farjas Abadía

Conselleira de Sanidade