Como combater os piollos

Como combater os piollos

A pediculose, ou presenza de piollos na cabeza (pelo e coiro cabeludo): Está producida por un parasito que se chama Pediculus humanus capitis, que só afecta os humanos. Pode atoparse en forma de adulto, ninfa e lendia (ovo). Os piollos sobreviven un ou dous días fóra da cabeza e as lendias fano menos dunha semana.

Epidemioloxía: Normalmente afecta os nenos entre os tres e os once anos de idade. Trátase dun problema común en todo o mundo e transmítese persoa a persoa polo contacto de cabeza con cabeza, que é máis frecuente que se produza na familia e na escola, durante os xogos, actividades deportivas, campamentos, etc. Tamén se pode transmitir por obxectos: polo uso de peites, toallas, uniformes deportivos, roupa de cama e xoguetes (peluches), entre outros. Non se transmite polos animais domésticos.

Que síntomas producen?: A maioría das veces non producen ningún síntoma, mais poden ter picor na cabeza, debido á reacción alérxica á saliva do piollo, sensación de cóxegas por algo que se move no cabelo, irritabilidade e rascado frecuente da cabeza, que pode provocar a aparición de infeccións bacterianas.

Diagnóstico da pediculose: Faise ao observar o piollo adulto movéndose no pelo ou no coiro cabeludo do neno. A observación de numerosas lendias na cabeza é altamente suxestiva de infestación activa, mais atopar só lendias non sempre indica infestación, xa que poden estar mortas debido a unha infestación antiga. Cando a infestación está activa as lendias sitúanse a 6 mm do coiro cabeludo, e se é antiga fano a máis de 2 cm do coiro cabeludo e non constitúen perigo. Convén revisar sobre todo a parte da noca e detrás das orellas. Recoméndase facelo co cabelo húmido e cun peite para lendias

Como se poden previr e medidas de control:

Cando se sabe que un neno/nena ten piollos hai que iniciar o tratamento rapidamente e, se acode á escola, avisarase desta situación o máis pronto posible. Tamén é preciso revisar a cabeza de todas as persoas que viven no fogar e nos contactos estreitos. Ademais, tomaranse as medidas seguintes:

• Lavar a roupa interior, toallas, roupa de cama en uso e outras roupas e obxectos do neno infestado usados dende dous días antes a máquina cun programa de temperatura mínima de 55ºC e secala na secadora cunha temperatura elevada. Aquela que non se pode lavar (peluches, bonecos, cintas para o cabelo...) pecharase nunha bolsa durante dúas semanas ou ben lavaranse en seco.

• Fregar os cepillos e peites con alcohol, ou ben con auga quente a 55ºC durante 5 a 10 minutos.

• Aspirar alfombras e mobles tapizados.

• Non compartir prendas de vestir, peites, cepillos e toallas.

• Non recostarse nas camas, sofás, almofadas, alfombras ou bonecos cos que a persoa con piollos  tivo contacto recente.

• Non se recomenda fumigar nin pulverizar con insecticidas o fogar. 

 

Tratamento dos piollos:

Para tratar os piollos hai produtos con diferentes presentacións chamados pediculicidas (ver táboa) e constitúen o tratamento de elección. O tratamento consta de dúas aplicacións, unha no día do diagnóstico, e a outra 7 a 10 días despois, xa que non existe ningún tratamento totalmente eficaz contra os ovos. Deberase de tratar cando se diagnostique infestación activa.

• O tratamento aplicarase segundo as instrucións que figuren no prospecto que acompaña ao produto.

• Recoméndase: Non usar enxaugues en crema nin champú e acondicionador antes de aplicar o tratamento.

• Aplicar con maior atención na parte da noca e detrás das orellas.

• Peitear o cabelo cun peite metálico para lendias, para quitar as lendias e os piollos mortos.

• Deixar secar o cabelo ao aire. Non usar secador, xa que pode eliminar a acción do produto.

• Despois do tratamento poñerse roupa limpa.

• Se de 8 a 12 horas tras a aplicación do tratamento atopa:

- uns poucos piollos vivos pero con movemento lento, non repita o tratamento. Peitee o cabelo para eliminar as lendias co fin de sacar os que xa estean mortos e os que sigan vivos

- os piollos parecen estar tan activos como antes, non repita o tratamento. Consulte cun profesional sanitario. Pode ser necesario cambiar de produto.

Como complemento ao tratamento, recoméndase realizar a revisión do cabelo húmido co peite específico para lendias cada dous ou tres días durante 15 días dende a primeira aplicación do tratamento. Revisar sobre todo a noca e detrás das orellas. Examine visualmente o cabelo durante 2 a 3 semanas ata asegurarse que todos os piollos e lendias desapareceron.

Nos nenos menores de dous anos, é mellor consultar sempre co pediatra.


Un consello xeral: Revise a cabeza do seu neno, de cando en vez, co pelo húmido e cun peite específico para lendias.

Exclusión da escola: Non é necesaria.

 

Para calquera dúbida, consulte co seu médico ou farmacéutico.

 
 

Táboa: Pediculicidas

 

COMPOSICIÓN​ COMPOSICIÓN (ingredientes principais) MODO DE EMPREGO
​Siliconas ​Dimeticona 4% e outras siliconas
Dimeticona 5% e outras siliconas
Dimeticona 92%
Ciclometicona, isopropilmiristato
​Repetir á semana.
Permitido no embarazo e entre 6 meses e 2 anos.
De elección no Reino Unido.
Menos resistencias porque actúa por asfixia.
​Permetrina Permetrina 1%​
Permetrina 5%
​Máis utilizado. Repetir á semana.
ALTERNATIVA. En casos de resistencia á permetrina ao 1%.
Non en menores de dous anos.
​Piretrinas Piretrinas con butóxido de piperonilo ​Repetir á semana.
​Ivermectina Ivermectina ao 0’5% tópica ​Unha soa aplicación.
​Malatión Malatión loción 0’5% ​Aplicar e deixar 10-12 h, lavar e repetir á semana.
Non dar en menores de 6 anos.
Único parcialmente ovicida.
​Spinosad-alcohol bencílico Fórmula maxistral ​Tópico. Repetir á semana. Non empregar en menores de 6 meses.
 

Describíronse resistencias a todos os fármacos agás á ivermectina.

 

Bibliografía:

1. https://www.cdc.gov/parasites/lice/es/index.html  [Última consulta 02/11/2017].

2. https://www.cdc.gov/parasites/lice/head/treatment.html  [Última consulta 15/11/2017].

3. https://www.nhs.uk/conditions/head-lice-and-nits/  [Última consulta 02/11/2017].

4. Actualización del tratamiento de la pediculosis. Infac. Información farmacoterapéutica de la comarca. 2011; 19(2). https://www.osakidetza.euskadi.eus/contenidos/informacion/cevime_infac/eu_miez/adjuntos/infac_v19 . [Última consulta 02/11/2017].

5. Mensa J, Gatell J, García-Sánchez JE et al. Guía Terapéutica antimicrobiana 2017. Ed. Antares. Pág. 473-474

 

DATA ÚLTIMA REVISIÓN: 15/11/2017