As carrachas son pequenos parasitos externos (ectoparasitos) que pertencen á mesma clase que as arañas. Son abundantes no campo, nos bosques e mesmo nos parques e xardíns, e aparecen dende principios da primavera ata finais do outono. Son hematófagos, o que quere dicir que necesitan chupar o sangue dos animais (mamíferos, réptiles e paxaros) para vivir e reproducirse. En ocasións, tamén pican aos humanos.
Existen dúas familias fundamentais de carrachas –as carrachas duras e as carrachas brandas–, cunha ampla variedade de especies. A súa cor varía dende a avermellada, ata a castaña escura ou a negra. Teñen tamén tamaños diferentes dependendo da especie, da idade e do sexo, e de se comeron ou non.
As carrachas en si non causan enfermidades, pero se a carracha está infectada cun axente patóxeno (transmiten bacterias, virus rickettsias e protozoos) este pódese transmitir a través da picadura e pode causar enfermidades nos humanos, en cuxo proceso as carrachas actúan como vectores. Pode ocorrer que o enfermo non lembre a picadura.
No noso medio, as enfermidades máis importantes que poden transmitir as carrachas son:
• A borreliose de Lyme, causada pola Borrelia burgdorferi, transmítese fundamentalmente pola Ixodes ricinus.
• A febre exantemática mediterránea (ou botonosa mediterránea), causada pola bacteria Rickettsia conorii, transmítese fundamentalmente pola carracha do can Riphicephalus sanguineus.
• A febre Q, causada pola Coxiella burnetii, rara vez se transmite ao home directamente a través das carrachas, aínda que estas son importantes para manter a enfermidade nas áreas endémicas.
• A encefalite centroeuropea, causada por un arbovirus, non se dá no noso país. Pero actualmente ten importancia no caso daquelas persoas que viaxen a países do centro e do leste de Europa ou a Rusia e que vaian estar ou traballar en zonas onde poida haber carrachas; a estas persoas recoméndaselles que se vacinen.
Ademais destas enfermidades, moitas outras tamén se transmiten polas carrachas, como por exemplo certas meningoencefalites, a febre Crimea-Congo, a erliquiose, a babesiose ou a tularemia.