Capacitación para realizar tratamentos con biocidas

Capacitación para realizar tratamentos con biocidas

Coa entrada en vigor da Orde do 30 de xullo de 1997, conxunta das consellerías de Agricultura, Gandería e Montes e Sanidade e Servizos Sociais, establécese na Comunidade Autónoma de Galicia, a normativa reguladora para a homologación de cursos de capacitación para realizar tratamentos con praguicidas así como para a obtención dos carnés de manipuladores destes produtos. En virtude desta orde, realizábanse nesta comunidade autónoma os correspondentes cursos para a obtención dos ditos carnés de aplicador de biocidas tanto no seu nivel básico como cualificado, impartidos por diferentes entidades de formación previa homologación e posterior/es comunicacións á Dirección xeral de saúde pública e publicación no DOG das repeticións dos mesmos.

Trala entrada en vigor do Real Decreto 830/2010, de 25 de xuño, polo que se establece a normativa reguladora de capacitación para realizar tratamentos con biocidas, créase un novo marco para a obtención de dita capacitación. Na súa disposición transitoria primeira “Validez dos carnés actuais”, concédese un prazo de 6 anos durante os que se prorrogará a validez dos carnés, nivel básico e cualificado ata o momento homologados para uso ambiental e na industria alimentaria a contar dende o dia seguinte da publicación do dito real decreto, sendo o prazo de validez dos carnés de aplicador de biocidas o 15 de xullo de 2016.

Como consecuencia disto, a partir do 1 de xaneiro de 2015, non se autoriza ás entidades de formación á realización de máis repeticións dos cursos de aplicador de biocidas que tiñan homologados segundo a Orde 30 de xullo de 1997 e que daban dereito á obtención dos respectivos carnés emitidos por esta Dirección xeral de saúde publica.

A capacitación para traballar como aplicador e/ou responsable técnico dun servizo de control de pragas obtense en base ao RD 830/2010 e na CA de Galicia vense realizando convocatorias anuais para a obtención dos correspondentes certificados de profesionalidade via a experiencia laboral. Ver ligazóns de interese.

Non obstante, durante este periodo transitorio facúltase ás comunidades autónomas para adoptar as disposicións que consideren oportunas para paliar os eventuais problemas que se poidan ocasionar no mercado de traballo, pola carencia de profesionais que son obxecto de regulación no real decreto. Constatouse que, estando próximo a rematar o período transitorio, as comunidades autónomas non concluiron os distintos procesos extraordinarios postos en marcha para posibilitar a obtención dos correspondentes certificados de profesionalidade.

Por todo iso e co obxecto de harmonizar, a nivel nacional, a aplicación do devandito período transitorio e garantir o cumprimento da Lei 20/2013, do 9 de decembro, de garantía de unidade de mercado, acórdase prorrogar ata o 15 de xullo de 2020 a validez dos actuais carnés, nivel básico e cualificado, no ámbito dos biocidas dos tipos 2, 3, 4, 14, 18 e 19. Orde do 29 de xuño de 2016 pola que se prorroga o prazo de validez dos carnés de biocidas.

 

Requisitos mínimos a esixir nas notificacións de Cursos dos Anexos do RD 830/2010 na modalidade de Teleformación semipresencial.

Documento orientativo para o recoñecemento de titulacións universitarias para exercer a responsabilidade técnica dos servizos biocidas.