Campaña 2019

Campaña 2019

En 2019, a Consellería de Sanidade aprobou dúas prestacións sanitarias dirixidas a homes que teñen sexo con homes:

1. Vacinación de:

  • virus do papiloma humano (VPH) (ata os 45 anos) 
  • virus da hepatite A
  • virus da hepatite B

2. Aprobación do uso da profilaxe pre-exposición ao VIH (PrEP).

 

Vacina do virus do papiloma humano (VPH)

Estímase que o virus do papiloma humano (VPH) é o axente causal do 5% dos casos de cancro, sendo causa necesaria para o desenvolvemento de cancro cervical e responsable tamén doutros cancros de menor incidencia, como o de vulva, vaxina, pene, ano e orofarinxe, de aí a importancia da súa prevención.

Existen moitos tipos de virus VPH, non todos oncoxénicos (que produzan cancro), que se identifican cun número. Entre os VPH de alto risco oncoxénico destacan o 16 e 18, responsables do 70% do total do cancro cervical, e existen ademais outros tipos oncoxénicos, como o 31, 33, 45, 52 e 58, que representan unha porcentaxe non desprezable no número total de casos de cancro por este virus.

A Consellería de Sanidade emprega a vacina nonavalente Gardasil 9®, do laboratorio MSD, que contén na súa composición os virus de alto risco 16, 18, 31, 33, 45, 52 e 58, ademais dos virus non oncoxénicos 6 e 11 responsables das verrugas xenitais.

En Galicia, os homes que teñen sexo con homes teñen indicada a vacina do VPH ata os 45 anos. Podes achegarte á túa consulta médica e solicitar a vacina de xeito totalmente gratuíto. A pauta desta vacina require poñer tres doses.

Para máis información sobre esta indicación, pinche aquí: https://www.sergas.es/Saude-publica/Documents/6140/Vacinacio%CC%81n%20en%20grupos%20de%20risco_agosto2019%20.pdf

 

Profilaxe pre-exposición ao VIH

A profilaxe pre-exposición (PrEP) é unha intervención biomédica dirixida a previr a transmisión da infección polo virus da inmunodeficiencia humana (VIH) en persoas seronegativas para o VIH que teñen un elevado risco de contraer a infección. A pauta aprobada pola Axencia Europea do Medicamento (AEM) consiste na administración diaria dunha pílula, que contén dous fármacos antirretrovirais, Tenofovir disoproxil fumarato (TDF) e Emtricitabina(FTC), antes da exposición ao VIH.

A quen vai dirixida a PrEP?

1. Homes que teñen sexo con homes (HSH) e persoas transexuais seronegativas para o VIH, adultas (≥ 18 anos), que cumpran, polo menos, con dous dos seguintes criterios:

  • Máis de 10 parellas sexuais diferentes no último ano
  • Practicar sexo anal sen protección no último ano
  • Usar drogas en relación co mantemento de relacións sexuais sen protección no último ano
  • Administración da profilaxe post-exposición ao VIH en varias ocasións no último ano
  • Ser diagnosticado polo menos dunha ITS bacteriana no último ano

2. Persoas que exercen a prostitución seronegativas para o VIH que refiran un uso non habitual do preservativo.

En que consiste a participación no programa da PrEP?

Neste programa farase unha primeira valoración para comprobar que a persoa cumpre cos requisitos do programa e solicitaránselle as probas necesarias para descartar a infección polo VIH, outras ITS e un bo estado de saúde para recibir a PrEP.

Unha vez que a persoa estea incluída no programa recibirá a PrEP no Servizo de farmacia hospitalaria do hospital no que se encontre a consulta de VIH que lle faga o seguemento do programa da PrEP.

A participación neste programa implica o compromiso dunha boa adherencia ao tratamento e revisións médicas cada 3 meses. En todas as consultas de seguimento farase consello preventivo sobre as prácticas de risco e detección precoz doutras infeccións de transmisión sexual como a sífilis, a gonococia ou a clamidiase.


Como se pode solicitar en Galicia?

A persoa que desexe participar no programa da PrEP debe solicitar unha cita na súa consulta médica de Atención Primaria ou na consulta hospitalaria de VIH de calquera dos 7 grandes hospitais galegos do Servizo Galego de Saúde. A cita nas consultas hospitalarias de VIH pode solicitarse chamando por teléfono a calquera destas consultas.

Se tes prácticas sexuais de risco, podes solicitar a inclusión no programa da PrEP pedindo unha cita en calquera das seguintes consultas de VIH do Servizo Galego de Saúde:


Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol

Hospital Arquitecto Marcide

Avda. Residencia, s/n. 15405. Ferrol (A Coruna)

Tfno: 981 337 855


Complexo Hospitalario Universitario da Coruna

Hospital Universitario da Coruña

Lugar Xubias de Arriba, 84. 15006. A Coruna (A Coruna)

Tfno: 981 178 394


Complexo Hospitalario Universitario de Santiago

Hospital Clínico de Santiago

Rua da Choupana, s/n. 15706. Santiago de Compostela (A Coruna)

Tfno: 981 951 266


Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra

Hospital Montecelo

Rua Mourente, s/n. Planta 0. Consulta num. 2. 36071. Pontevedra (Pontevedra)

Tfno: 986 800 378


Complexo Hospitalario Universitario de Vigo

Hospital Álvaro Cunqueiro

Carreteira Clara Campoamor, 341. 36312. Vigo (Pontevedra)

Tfno: 986 811 111 (extension 515 520)


Complexo Hospitalario Universitario de Lugo

Hospital Universitario de Lugo – HULA

Rua Ulises Romero, 1. 27003. Lugo (Lugo)

Tfno: 982 296 000 (extension 536 260)


Complexo Hospitalario Universitario de Ourense

Rua Ramon Puga, 52. 32005. Ourense (Ourense)

Tfno: 988 369 875 / 988 389 508


Para máis información sobre o protocolo da implementación da profilaxe pre-exposición, pinche aquí:https://www.sergas.es/Saude-publica/Protocolo-implementacion-profilaxe-VIH-Galicia