A proba do VIH

A proba do VIH

O diagnóstico do VIH soamente pode establecerse de modo definitivo por métodos de laboratorio, xa que as manifestacións clínicas de estadíos iniciais da infección non son específicas do VIH.

Proba do VIH en sangue

A proba do VIH é unha analítica específica de sangue que soamente detecta a infección se pasou un período de tempo mínimo dende o momento da infección. Este período denomínase "período ventá" e está establecido, xeralmente, nos tres meses. Non obstante, estímase que as probas de VIH actuais poden ofrecer un resultado fiable dende que pasaron aproximadamente uns 10 días dende a práctica de risco.
Durante este período, a persoa infectada aínda non sabe que o está e pode transmitir o VIH a terceiras persoas sen o saber. Por iso, é moi importante que durante o período ventá non se realicen prácticas de risco ata obter un resultado definitivo da infección polo VIH.


Proba do VIH en fluído oral

Ademais da proba do VIH en sangue, pode realizarse a proba rápida do VIH en fluído oral de xeito anónimo, gratuíto e confidencial en numerosos puntos da xeografía galega. No caso de dar un resultado reactivo, debe confirmarse sempre cunha proba de VIH en sangue.
Nas probas rápidas tamén existe o "período ventá" que debemos ter sempre presente á hora de realizar e interpretar os resultados da proba así como para non realizar prácticas de risco ata obter un resultado definitivo.


Solicitude da proba do VIH

En Galicia, tanto a proba do VIH en sangue como a proba rápida do VIH son totalmente gratuítas. A primeira pode solicitarse nas consultas de Atención Primaria ou nas consultas de VIH dos principais hospitais do Servizo Galego de Saúde. As probas rápidas poden solicitarse en calquera Centro Quérote+ de Galicia ou en diferentes entidades que colaboran coa Consellería de Sanidade no desenvolvemento do Programa de Diagnóstico Precoz do VIH en Galicia: http://www.sergas.es/Saude-publica/Programa-da-proba-rapida-de-VIH

 
Cada canto tempo debo facer a proba do VIH?

As persoas que teñen prácticas de risco deben facer a proba do VIH cando menos unha vez ao ano.