Preguntas Frecuentes

Preguntas Frecuentes

17 de xaneiro do 2018


Relaciónanse de seguido as preguntas máis frecuentes nos apartados: comúns, concurso de traslados e listas de contratación. Tamén poderá atopar un manual de usuario do Expediente-e máis detallado no apartado de Emprego Público / Oficina do profesional Expediente-e (FIDES), na páxina web da consellería de Sanidade.


COMÚNS:


LISTAS DE CONTRATACIÓN:


CONCURSO DE TRASLADOS XERAL:​


CONTACTA




COMÚNS:

Como funciona o sistema FIDES?

O/A profesional rexistra os seus datos e méritos e constrúe o seu currículo. Nós axudarémoslle mediante axudas en liña e a través de puntos de acceso e información nos centros correspondentes.​


​Onde se atopan as Unidades de Validación e os PAE (Puntos de Acreditación Electrónica)?

As Unidades de Validación sitúanse nos principais centros do Sergas. Poderá acceder á relación e enderezos a través de www.sergas.es seguindo a ruta: Emprego Público / Oficina do profesional - Expediente-e (FIDES), no Directorio de Puntos de Acreditación Electrónica (PAE) e no Directorio de Unidades de Validación. O persoal validador autorizado, que compón cada unidade de validación, está publicado nos taboleiros de anuncios dos centros.


Que integran as EOXI?

As EOXI son estruturas organizativas de xestión que integran centros hospitalarios, unidades e servizos do Servizo Galego de Saúde nos ámbitos territoriais determinados de Galicia: A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.


Cales son os pasos fundamentais para comezar a empregar o Expedient-e?

Como resumo do proceso, destacamos os seguintes puntos para comezar a empregar o Expediente-e:

1º. Recompilar toda a documentación que vaia ser achegada, acreditativa dos requisitos e dos méritos que posue. Consulte antes os baremos aplicables.

2º. Acceder:

 

  • Se es un/unha profesional en activo do SERGAS debes ter usuario e contrasinal corporativa.
  • Se es novo/a no Servizo Galego de Saúde, poderás acceder mediante o sistema CHAVE365 da Xunta de Galicia, ao completar o seu proceso de alta, ou directamente, mediante DNI-e ou certificado dixital da FNMT (Fábrica Nacional da Moeda e Timbre) ou certificado Camerfirma. O interesado deberá dispoñer dunha conta de correo electrónico persoal, xa que resulta obrigatoria para poder xestionar o Expedient-e.

 

3º. Rexistrar: Unha vez teña acceso ao Expedient-e, o profesional deberá introducir ou modificar os datos persoais e méritos novos. Cando os rexistre, imprima a solicitude de validación que aparecerá na pestana Informe do Expedient-e.

4º. Participar: Entre na pestana de Procesos do Expedient-e e cubra o formulario do proceso no apartado que lle interese. Confirme, imprima e firme o formulario de inscrición.

5º. Achegar: Achegue o formulario de inscrición, a solicitude de validación (se non o fixo con anterioridade) e a folla de taxas, ademais da documentación que se lle indique en cada convocatoria ou proceso, no rexistro dun órgano administrativo ou algún dos referidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administración Públicas.

6º. Consultar: Recibida a solicitude de validación xunto cos documentos, a Administración comezará a validar, segundo a orde dos procesos convocados. Consulte no seu Expedient-e o resultado do estado de cada mérito.


Problemas no acceso ou na alta sen certificado dixital

Se esqueceu o seu contrasinal, na ventá de acceso a Fides, onde se escolle o modo de acceso (con ou sen certificado dixital) pode atopar a ligazón: Esqueciches o contrasinal?, que deberá premer para que o sistema lle envíe automaticamente unha nova clave ó correo electrónico que nos indicou na fase de alta no sistema. Lembre que o usuario é sempre o seu DNI coa letra.

Se non recorda ou desexa modificar o enderezo de correo electrónico que figura no seu expediente, deberá enviar un correo electrónico ao enderezo: modificacion.correo.fides@sergas.es indicando os seus datos persoais (nome, apelidos, DNI, novo conta, ...) e solicitar o cambio.

Para outras incidencias na alta ou no acceso sen certificado dixital terá que dirixirse para a súa resolución a un PAE (Punto de acreditación electrónica), ou obter un certificado dixital valido, na FNMT (Fabrica Nacional de Moeda e Timbre) ou na Policía Nacional a través do DNI-e, que lle habilite para o acceso mediante certificado.


Como podo coñecer o importe da última nómina aboada polo Sergas?

A vía máis doada e obter información a través da entidade financeira onde teña domiciliada a súa nómina, comprobando o total mensual percibido. Tamén podería dirixir unha consulta a persoal e nóminas do centro no que prestou os servizos.


Como se acreditan os méritos rexistrados no Expedient-e?

Os méritos poden estar xa acreditados automaticamente no sistema ou ser de nova incorporación.

Os méritos dos que xa dispón o sistema, visibles para aspirantes e profesionais, e que polo tanto, non é preciso volver acreditalos son:

 

  • Servizos prestados no Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade.
  • Cursos coma docente e discente na programación da FEGAS e da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas.
  • Cursos achegados e baremados na convocatoria anterior de listas de selección temporal no Servizo Galego de Saúde. Os méritos dos que xa dispón o sistema e que xa consten no Expedient-e como validados, non precisarán a súa acreditación.

 

Os novos datos e os novos méritos introducidos deberán acreditarse documentalmente. Estes, non puntuarán mentres non sexan correctamente acreditados polo/a interesado/a e validados polo persoal específico autorizado e nomeado para esta tarefa. Cada convocatoria indicará a data límite para cargar e acreditar os requisitos de participación e os méritos das persoas aspirantes.

Cando cargue novos méritos no seu expediente, terá que imprimir unha solicitude de validación destes dende a pestana “Informe”. Elixirá todos os que vaia a achegar con esa solicitude e a unidade de validación do Servizo Galego de Saúde onde os dirixe.

Premendo no botón de Gardar xérase automaticamente o documento imprimible que ten que achegar xunto coa documentación acreditativa dos méritos por medio de orixinais ou copias debidamente compulsadas nos rexistros das administracións públicas ou dos centros sanitarios, así coma por outros medios que garantan súa autenticidade. Se a documentación figurase nun idioma distinto dos idiomas oficiais do Estado Español, terá que achegar tamén a súa tradución xurada.


Problemas para obter a solicitude de validación na pestana Informe?

Para a correcta xeración do informe compre que teña instalado no seu equipo a aplicación Adobe Acrobat Reader compatible coa lectura de arquivos pdf. É posible tamén que a nova pestana que se abre automaticamente ao premer no botón Gardar sexa bloqueada polo mesmo explorador de Internet, se ten activada a ferramenta de bloqueo de pestanas emerxentes, polo que se recomenda probar con outros programas (Mozilla Firefox, Google Chrome, Internet Explorer ...) ou permitir a apertura, antes de solicitar mais información.


Onde presentar a documentación?

A documentación presentarase mediante rexistro administrativo, ou mediante calquera dos procedementos indicados no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administración Públicas, dirixíndoa a calquera das Unidades de Validación do Sergas.


En que idioma debe presentarse a documentación acreditativa de requisitos ou méritos?

Pode presentala en galego ou castelán. No caso de que o documento acreditativo de requisitos ou méritos estea noutra lingua cooficial distinta do castelán, poderá solicitar á Administración emisora da documentación, de conformidade coa normativa vixente, a tradución a este último idioma.

De atoparse no suposto de títulos ou certificacións redactados nun idioma distinto a calquera dos oficiais ou cooficiais do Estado Español, deberá achegar copia traducida por tradutor xurado ou equivalente.


Como se asigna a puntuación correspondente a cada mérito?

O propio sistema informático encargarase de asignar a puntuación de cada mérito, atendendo ao baremo establecido en cada proceso e/ou categoría. Compre distinguir entre o que significa que o mérito estea validado (rexistrouse e acreditouse correctamente polo interesado e foi comprobado polo persoal validador) e por outra banda, que o mérito reciba unha puntuación na baremación (a cal dependerá das bases da convocatoria ou baremos de cada proceso e categoría). Os méritos que estean en estado distinto ao de validado nunca recibiran puntuación.


Cal é o motivo do rexeitamento do mérito en estado DI e DE?

Certos estados dos méritos como o DI (documentación incompleta) e DE (descartado) implican a necesidade de especificar o seu motivo, que poderá consultar o/a usuario/a premendo no botón coa icona do ollo a beira do estado correspondente, dende o modo Editar dos méritos do Fides.


Que ocorre se non rexistro os méritos?

Os méritos non rexistrados e os non validados por non ter aportada a documentación acreditativa en prazo, non serán computados para os procesos correspondentes.


Que prazos teñen que terse en conta?

Os prazos de inscrición nos procesos e a data límite de cómputo de méritos, que é a data a partires da cal os novos méritos obtidos e rexistrados polos aspirantes xa non serán computables para o proceso en curso. Como norma xeral para os procesos de listas de selección temporal, aínda que a data límite de acreditación de méritos é o día 31 de outubro de cada ano, só se terán en conta os méritos xerados ata o 15 de outubro. No resto dos procesos teranse en conta as datas da publicación das correspondentes convocatorias no DOG e na páxina web do Servizo Galego de Saúde.


Como aboar as taxas?

Existen dúas vías para efectuar o pago das taxas:
 
A través de Expediente-e(FIDES):
Na icona con forma de tarxeta de crédito que atopará a dereita da inscrición electrónica unha vez confirmada, no apartado de Procesos de Expediente-e. Esta vía pode non excluir a necesidade de ir presencialmente a súa entidade financeira e ter que completarse en dous pasos unha vez lle faciliten o código NRC da operación.
 
A traves da Axencia Tributaria de Galicia dende a súa Oficina virtual:​
Presencialmente obtendo o modelo en branco (Modelo AI), que deberá encher cos seus datos persoais, importe total e códigos asociados a taxa dispoñible nesta ligazón;
Presencialmente logo de facilitar os seus datos en liña e imprimir o modelo (Modelo 731).
Telematicamente con cargo en conta ou con tarxeta de crédito.

As entidades colaboradoras autorizadas para efectuar o pago de xeito presencial relacionanse na seguinte ligazón. Para efectuar o pago telemático estas entidades poden variar en función do acceso e dispoñibilidade. 
 

 

 

 

 

 

 

 

Cales son as exencións e bonificacións ao pago de taxas?

Estarán exentos do pagamento da taxa por dereito de inscrición:

 

  • As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.
  • As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

 

Aplicarase unha bonificación do 50 % á inscrición solicitada:

 

  • Para persoas que sexan membros de familias numerosas de categoría xeral.
  • Para persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data da convocatoria das probas selectivas en que soliciten a súa participación e que non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

 

As circunstancias de exención e bonificación deberán ser acreditadas, segundo o suposto que corresponda, presentando xunto coa solicitude de participación no proceso a seguinte documentación:

 

  • Copia compulsada da cualificación de discapacidade,
  • Copia compulsada do título oficial de familia numerosa, de carácter ordinario ou especial.
  • Certificación negativa da percepción actual de prestación/subsidio por desemprego e da antigüidade como demandante de emprego expedida polo Servizo Público de Emprego.

 


Como cargo a miña titulación?

A titulación académica é un dos primeiros méritos que debería rexistrar. Este mérito cargarase no apartado de Formación / Formación Académica. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberá achegarse, ademais da correspondente tradución xurada, o documento que acredite fidedignamente a súa homologación ou recoñecemento.


Podo incorporar o Curso de Adaptación Pedagóxica?

Non é un ítem no currículo, polo que non poden ser introducido no Expedient-e, e non ten ningunha repercusión no baremo.​


Como introducir as materias da titulación na formación académica?

Para introducir as materias primeiro debe elixir o seu plan de estudos correspondente e se vai a introducir por materias ou créditos

Deberá sumar o número total de materias ou créditos computables e que teñan una mesma cualificación (matrícula de honra, sobresaínte, notable ou aprobado), e consignar o dato no recadro correspondente.


Como cargo a miña especialidade sanitaria?

As posibles especialidades que podan ter as diferentes titulacións sanitarias teñen que consignarse no seu recadro específico de Especialidades, onde consta a denominación, datas e vía de acceso, dentro mesmo da titulación cargada previamente, nunca por separado como mérito independente.


Como cargo os másters universitarios?

Os másters, aínda que forman parte da formación académica, e mesmo se valoran como tal nos baremos, deben introducirse no apartado da formación continuada coma o resto de cursos recibidos.


Como cargo os cursos de formación continuada?

Para a introdución dun novo curso de formación continuada deberanse cubrir os campos obrigatorios de entidade organizadora e impartidora, as horas ou os créditos do mesmo e as datas de inicio e finalización. Unha vez feito isto, procederase a buscar o curso para comprobar se xa existe na base de datos do sistema. De non ser así, introducirase manualmente o título do curso e premerase en gardar para rematar de introducir o mérito.


Como acreditar a formación continuada?

Presentarase o orixinal ou unha copia compulsada do diploma/certificado, no que é indispensable que conste: a entidade acreditadora da actividade ou as entidades que convocaron/impartiron o curso, os destinatarios do mesmo ou o programa da actividade formativa, as datas, os créditos e/ou horas. Para os cursos acreditados pola Comisión de Formación Continuada nacional/autonómica do Sistema Nacional de Saúde é preciso ademais que figure impreso o número de expediente e o logotipo da dita comisión se o curso é posterior a abril do 2007. Os diplomas/certificados que non estean en castelán ou nun dos idiomas cooficiais do estado deberan achegar tradución xurada.


Que fago se os meus cursos non teñen data de inicio nin de fin?

Debe introducir nos campos de inicio e fin a data de expedición que figure no diploma ou certificado.

Se nas datas aparece o mes, consignará o último día natural do dito mes.


Que experiencia se ten en conta como regra xeral?

Como norma xeral, nas listas de contratación e na OPE, valoraranse os seguintes servizos prestados:

 

  • ​Por cada mes completo na mesma categoría por conta e baixo a dependencia de institucións sanitarias do sistemas sanitario público dun país da Unión Europea/Espazo Económico Europeo/Suíza.
  • Por cada mes completo na mesma categoría por conta e baixo a dependencia doutras administracións públicas de España ou dun país da Unión Europea/Espazo Económico Europeo/Suíza ou en programas de cooperación internacional debidamente autorizados ao servizo de organizacións de cooperación internacional ou en postos das clases de diplomados sanitarios da escala de saúde pública e administración sanitaria ou equivalentes doutras administracións públicas de España/Unión Europea/Espazo Económico Europeo/Suíza.
  • Por cada mes completo na mesma categoría por conta e baixo a dependencia de institucións sanitarias privadas concertadas e/ou acreditadas para a docencia de especialidades de ciencias da saúde de España ou dun país da Unión Europea/Espazo Económico Europeo/Suíza.
  • Por cada mes completo de servizos prestados noutra categoría ou especialidade por conta e baixo a dependencia de institucións sanitarias públicas dun país da Unión Europea/Espazo Económico Europeo/Suíza.

 


Como se acredita a experiencia profesional no Sergas?

Con carácter xeral, esta información xa ven cargada e validada polo propio sistema. Só no caso de detectar algunha ausencia deberá pórse en contacto co departamento de persoal ou recursos humanos do centro de xestión correspondente.


Como acreditar outra experiencia profesional?

A experiencia profesional en institucións públicas acreditarase mediante certificación emitida pola Dirección de Recursos Humanos do centro ou órgano equivalente na cal deberá constar a seguinte información:

categoría/especialidade, tipo de vínculo (fixo, temporal, atención continuada, formación, promoción profesional temporal), réxime xurídico de vinculación (laboral, funcionario, estatutario), data de inicio e de fin de cada unha das vinculacións/nº de horas no suposto de vínculos de atención continuada, total de días de vinculación, réxime de xornada (xornada completa, tempo parcial).

A experiencia profesional en centros privados acreditarase mediante certificación da empresa na cal deberá constar a información arriba indicada, ou contrato laboral. En ámbolos dous supostos, xunto coa citada documentación, deberá achegarse un informe de vida laboral emitido polo INSS.

No suposto de institucións sanitarias públicas, tal certificación deberá facer constar expresamente a natureza pública da institución e a súa integración no sistema sanitario público do Estado respectivo.

No suposto de institucións sanitarias concertadas deberá quedar debidamente acreditado no certificado a existencia dun concerto co respectivo servizos de saúde autonómico ou sistema sanitario público dun país da Unión Europea nos períodos de vinculación.

No suposto de institucións sanitarias privadas acreditadas para a docencia, deberá quedar debidamente acreditado no certificado que se achegue, a condición de institución acreditada no ámbito do SNS ou sistema sanitario público dun país da Unión Europea para a formación de especialidades de profesións sanitarias.


Onde se introducen no Expedient-e as publicacións?

Deberá introducilas na pestana de “Actividade investigadora” e dentro desta, nas opcións específicas para libros e revistas científicas.


Teño que aportar toda a documentación publicada en revistas indexadas en PUBMED?

Como excepción, as publicacións indexadas en PUBMED non será necesaria a súa acreditación documental. Abondará con que introduza o número de identificación PMID e cubra manualmente a información relativa ao número de sinaturas, número de orde e tipo de publicación para a súa acreditación. O sistema fará a captura automática da información relativa aos outros campos da base de datos de PUDMED.


 

E nas revistas científicas indexadas no CSIC (ICYT, ISOC) IBECS, Web of Knowledge (Wos), Embase, PsycINFO, CUIDEN e CINAHL?

Acreditaranse tales mérito mediante certificación ou copia impresa autenticada pola editorial responsable ou organismo público con competencias en xestión e arquivo de publicacións. Na certificación ou copia impresa deberá constar o nome da revista, o título do traballo, seu autor e a data de publicación.


no caso de Libros editados en papel?

Será suficiente achegar copia compulsada das follas nas que conste o título do libro, o título do capítulo, o autor, a editorial, o seu depósito legal e ISBN/NIPO, lugar e a data de publicación e índice da obra. Ademais, deberá quedar acreditado o número de páxinas do libro/capítulo e que tal publicación está avalada por unha institución pública, académica, sociedade científica ou realizada por editoriais científicas de recoñecido prestixio.


Como é a acreditación para os libros editados en formato electrónico?

Acreditarase tal mérito mediante certificación ou copia impresa autenticada pola editorial ou organismo público con competencias de xestión e arquivo de publicacións, na cal se fará constar a autoría do capítulo e demais datos bibliográficos básicos que identifiquen a obra e/ou capítulo (autores, data de publicación, edición, ano, URL e data de consulta e acceso). Tal publicación deberá estar avalada por unha institución pública, académica, sociedade científica ou realizada por editoriais científicas de recoñecido prestixio.


LISTAS DE CONTRATACIÓN:

Como me inscribo nas listaxes por primeira vez?

As persoas aspirantes que por primeira vez soliciten a súa inscrición nunha categoría con listas elaboradas consonte o novo pacto, así como aquelas persoas que non tivesen participado no proceso de xeración inmediatamente anterior, deberán formalizar a súa inscrición, en modelo normalizado, a través da Oficina Virtual do Profesional FIDES.

Logo da súa formalización, ou se o/a aspirante realizase algunha modificación na solicitude unha vez formalizada, deberá confirmar electronicamente a solicitude, imprimila, asinala e achegala nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos do artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, no prazo correspondente.

Debe achegar tamén a solicitude de validación dos méritos que quere que se lle valoren xunto cos orixinais ou copias compulsadas destes, e o recibo de ter feito o pago de taxas de ser o caso.

Non serán admitidas no respectivo proceso de xeración as solicitudes que consten en estado borrador na data de finalización do prazo de inscrición.


E se xa figuro inscrito/a nas anteriores listaxes de contratación do Sergas?

As persoas que xa figuraban en lista nas anteriores convocatorias e non desexen realizar ningún cambio sobre as mesmas, non terán que realizar ningunha inscrición.

Se se desexa facer algún cambio nas condicións de participación no proceso respecto ás listas vixentes, poderá realizalo na copia editable da inscrición vixente. No suposto de que as modificacións introducidas requiran a achega de documentación adicional, o sistema informará a persoa aspirante desta circunstancia. O/A aspirante deberá imprimir a solicitude, asinala e achegala xunto coa documentación acreditativa exixida nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos do artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administración Públicas, antes da finalización do prazo de inscrición.


Podo renunciar a unha inscrición vixente?

As persoas aspirantes poderán renunciar a unha inscrición vixente mediante solicitude escrita dirixida á mesma Unidade de validación da inscrición e que deberán presentar nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administración Públicas.


Cando podo inscribirme nas listaxes de contratación?

O proceso de inscrición permanece permanentemente aberto ao longo do ano. Con carácter xeral os méritos a valorar das persoas que participan no proceso de listas en curso, teñen como data límite o 31 de outubro. Non se entrará a formar parte da listaxe ata que non se produza a seguinte actualización periódica da mesma.


Se figuro nas listaxes anteriores, teño que pagar taxas?

Se continúas como aspirante na mesma categoría non terás que pagar taxas. Se cambias de categoría ou te inscribes nunha nova terás que aboar as taxas correspondentes. Os novos aspirantes que non figuraban na listaxe anterior terán que pagar as taxas de acordo coa Lei.


Onde aparece a nota das dúas últimas OPEs?

As notas das dúas últimas OPEs non figura no Expedient-e, posto que é un valor que só se ten en conta para os procesos de selección temporal. Daquela, cargarase e visualizarase automaticamente cando se resolva o proceso de inscrición nas listas de contratación, polo que non require xustificación documental en ningún caso.


Se non me presentei aos dous últimos procesos selectivos, podo anotarme nas listaxes?

Podes participar no sistema de acceso, pero non terás puntuación no mérito correspondente a notas dos exercicios. Terás a puntuación que resulte de aplicar o baremo correspondente da categoría aos méritos que rexistres. Ten en conta que se valorará o coñecemento da lingua galega.


Se non teño ningún mérito?

Podes participar no sistema de acceso, pero non terás puntuación nas listas; o que si terás é un número de orde. Debes ter os requisitos de acceso esixidos para cada categoría profesional e que figuran na web do Servizo Galego de Saúde, no apartado de listaxes de contratación nos baremos e requisitos da categoría na que se quere participar.


Cal é o requisito para inscribirse en Áreas Especiais?

Como se recolle no Pacto, é requisito ter, ben una experiencia profesional mínima de dous meses na referida área e categoría e dentro do Sistema Nacional de Saúde, ou ben una formación práctica, na categoría e área solicitada, impartida polo Servizo Galego de Saúde.

 

Poderán equipararse á formación práctica específica impartida polo Servizo Galego de Saúde determinadas titulacións académicas nas que a formación práctica estea incluída no programa curricular da propia titulación, previo informe favorable da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria e o acordo da Comisión Central.

A formación, no caso de posuíla, cárgase automaticamente. Se vostede solicita e recibe formación nunha area especial e resulta apto, quedará automaticamente incluído na area especial. De non querer figurar na lista de area especial, cando se publique a lista provisional de admitidos e excluídos, debera solicitar a unidade de validación correspondente que desclique o check que aparece a esquerda da area especial no formulario de inscrición.


Cando podo elixir a área sanitaria na que quero inscribirme ?

Aberto o prazo de inscrición na lista da categoría correspondente, poderá elixir un ámbito de área/zona de traballo.

Nas listas de ámbito autonómico, agás as correspondentes á Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os/as aspirantes poderán indicar a área/s sanitaria/s na/s que solicitan prestar servizos con carácter preferente. De non concretar ningunha, entenderase que optan por calquera delas.


Cales son a listas compatibles?

As listas compatibles aparecen especificadas no Anexo I do Novo Pacto de contratación. Pode atopalo accedendo a páxina web do Sergas: www.sergas.es, no apartado de Emprego público, premendo nos listados de contratación e seleccionando calquera das categorías.

As compatibilidades daranse exclusivamente dentro das categorías que figuran en cada bloque.

A xeración da lista definitiva dunha categoría dará lugar de forma automática á baixa da persoa aspirante daquelas listas doutra/s categoría/s xeradas con anterioridade nas cales conste admitida con carácter definitivo e que resulten incompatibles con aquela nos termos do anexo II do vixente pacto.


Como acceder á promoción interna?

Os aspirantes que accedan á quenda de promoción interna deberán reunir, ademais dos requisitos xerais de acceso establecidos, os seguintes requisitos:

 

  • Ter a condición de persoal estatutario fixo nunha categoría/especialidade de nivel académico igual ou inferior á que se opta.
  • Estar en servizo activo e con nomeamento como persoal estatutario fixo durante, polo menos, un ano na categoría/especialidade de procedencia. Motivadamente, previo acordo da Comisión Central de Seguimento do Pacto, poderá excepcionarse do cumprimento do requisito de permanencia mínima dun ano na categoría/especialidade de procedencia, a aquela/s categoría/s na/s que se produza unha indispoñibilidade de aspirantes que non teña carácter transitorio.

 

Ao persoal integrado no réxime estatutario seralle computado, para os efectos do prazo previsto no parágrafo anterior, o tempo de servizos prestado como funcionario de carreira ou laboral fixo.

 

  • Posuír a titulación requirida. De conformidade co previsto no artigo 34.5 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, non se esixirá o requisito de titulación para o acceso ás categorías do artigo 7.2.b) da citada lei, agás que sexa necesaria unha titulación, acreditación ou habilitación profesional específica para o desempeño das novas funcións, sempre que o interesado prestase servizos durante cinco anos na categoría de orixe e teña a titulación esixida no grupo inmediatamente inferior á categoría a que opta.

 


Como se valora a experiencia como regra xeral?

Agás para os nomeamentos de atención continuada ou gardas en atención extrahospitalaria, o cómputo dos servizos prestados efectuarase por meses. Para iso, calcularase en cada epígrafe do baremo o número total de días e dividirase entre 30, de tal xeito que o que se valorará en cada punto será o cociente enteiro, desprezándose os decimais.

En ningún caso, a suma dos servizos prestados con distintos nomeamentos dentro do mesmo mes natural, poderá valorarse por riba da puntuación fixada para o devandito período dun mes. En ningún suposto, un mesmo período de servizos prestados poderá ser obxecto de valoración en distintas epígrafes do baremo. De igual xeito, un mesmo período de tempo de servizos prestados non poderá ser obxecto de valoración en máis dunha categoría/especialidade, ou en varios servizos ou unidades, tanto do mesmo como de diferente centro.

Os servizos prestados con nomeamento de atención continuada ou gardas en urxencias extra-hospitalarias, computaranse co criterio de equivalencia dun mes completo por cada 130 horas traballadas no devandito mes, ou a parte proporcional que corresponda á fracción. Se dentro dun mesmo mes natural realizáronse máis de 130 horas, soamente poderá valorarse un mes de servizos prestados, sen que o exceso de horas efectuado poida ser aplicado ao cómputo de servizos prestados noutro mes.


Como se valoran os contratos a tempo parcial?

O cómputo será de acordo co baremo da última OPE. En canto á valoración dos servizos prestados a tempo parcial serán valorados coa conseguinte redución.

As persoas que manifesten a súa voluntariedade para ser chamadas para nomeamentos a tempo parcial, están declarando a súa dispoñibilidade para prestar Servizos en xornadas reducidas.


Como se valoran os servizos prestados nunha redución de xornada?

Os servizos prestados durante o período no que se goce dunha redución de xornada por coidado de fillos ou familiares valoraranse como prestados en xornada completa.


Como son os baremos de acceso a listas para vínculos temporais?

Son os baremos da última OPE convocada e resolta polo Servizo Galego de Saúde na categoría na que desexe optar o/a aspirante. Así tamén, hai baremos novos para aquelas categorías que non tiveron OPE. Os baremos poden consultarse na páxina do Sergas: www.sergas.es no apartado de emprego público nas diferentes categorías do novo pacto e dende dentro de FIDES no enlace directo a axuda baremos.

A puntuación total será a máxima acadable no Concurso-Oposición da categoría correspondente ou nos novos baremos que se publiquen.

Os baremos de méritos para ordenar aos/ás aspirantes teñen en conta o seguinte:

 

  • A/s nota/s obtida/s no/s exercicio/s: esta puntuación supón un 60% do total do baremo (máximo tope de puntos dos exercicios).
  • A experiencia, a formación e outras actividades: segundo o baremo correspondente: 40% da puntuación restante do baremo.

 


Fun excluído/a da lista provisional, que reclamación podo achegar?

As persoas excluídas poden consultar as súas causas de exclusión no seu Expedient-e na pestana de Procesos. A documentación declarada co estado de incompleta (DI) no apartado correspondente do Expedient-e, así como os erros materiais que cometeran as persoas aspirantes poden ser emendados no prazo de dez días naturais contados dende o día seguinte á publicación da lista provisional de admitidos/as e excluídos/as.


Non estou de acordo coa puntuación provisional, obtida, cando podo reclamar?

As persoas aspirantes admitidas, poden presentar reclamación contra os resultados da baremación provisional ante a Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde no prazo de dez días naturais contados dende o día seguinte á data da publicación das listas provisionais.


Fun excluído/a definitivamente, que recurso podo achegar?

Contra as listas definitivas de admitidos/as e excluídos/as as persoas interesadas potestativamente poderán interpor recurso de reposición ante a Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da data de publicación destas listas definitivas.

Tamén se poderá acudir ao contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da Resolución pola que se declaran as listas definitivas, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. .


Devolución de taxas, quen ten dereito á devolución de taxas?

As persoas excluídas, disporán do prazo dun mes, contado a partires do día seguinte ao da data da publicación da resolución pola que se publiquen as listas definitivas de aspirantes excluídos, para solicitar a devolución das taxas aboadas para a inscrición.

Os/as aspirantes que renuncien despois de publicarse as listas definitivas de admitidos/as e excluídos/as non terán dereito á devolución das taxas ingresadas.


Como solicito a devolución de taxas?

Na solicitude de devolución deberá consignarse o nome, apelidos, NIF, número de conta bancaria e localidade ou datos de contacto do interesado, así mesmo achegar copia compulsada do impreso de auto-liquidación das taxas aboadas. As solicitudes deben dirixirse á Subdirección Xeral de Selección e Políticas de Persoal do Servizo Galego de Saúde en Santiago de Compostela.


CONCURSO DE TRASLADOS XERAL:

Como acreditar os requisitos de acceso no caso de non pertencer ao Sergas?

O persoal estatutario fixo procedente doutro Servizo de Saúde que solicite a participación no procedemento de concurso deberá rexistrar electronicamente no formulario de inscrición os requisitos de admisibilidade establecidos na cláusula terceira e cuarta das bases da convocatoria e acreditar o seu cumprimento mediante a presentación, xunto coa solicitude de participación, da seguinte documentación:

Para o persoal que participe dende a situación de activo:

 

  • Copia compulsada do nomeamento coma persoal estatutario fixo na categoría / especialidade dende a que concursa.
  • Copia compulsada da dilixencia de toma de posesión no último destino definitivo obtido, ou de ser o caso, resolución de reingreso provisional.
  • Certificación orixinal de servizos prestados expedida pola Unidade de Recursos Humanos do centro no que actualmente preste seus servizos con carácter definitivo.
  • O/A concursante deberá proceder ademais ao rexistro no seu expediente electrónico do período de servizos acreditado en dita certificación, para que poida ser tido en conta coma mérito a valorar na fase de baremación.

 

Persoal que participe dende situación distinta de activo:

 

  • Deberá achegar xunto co formulario de solicitude, a copia compulsada da resolución que declare a situación administrativa dende a que concurse.

 


Que experiencia se ten en conta no concurso de traslados?

Como norma xeral, valoraranse os seguintes servizos:

Servizos prestados con vínculo fixo:

Por cada mes completo de servizos prestados con vínculo fixo na categoría na que se concursa por conta e baixo a dependencia de institucións sanitarias do sistema sanitario público dun país da Unión Europea/Espazo Económico Europeo/Suíza.

Por cada mes completo de servizos prestados con vínculo fixo noutra categoría por conta e baixo a dependencia de institucións sanitarias do sistema sanitario público dun país da Unión Europea/Espazo Económico Europeo/Suíza.

Servizos prestados con vínculo temporal.

Por cada mes completo de servizos prestados con vínculo temporal na categoría na que se concursa por conta e baixo a dependencia de institucións sanitarias do sistema sanitario público da Unión Europea/Espazo Económico Europeo/Suíza.

Por cada mes completo con vínculo temporal noutra categoría por conta e baixo a dependencia de institucións sanitarias do sistema sanitario público dun país da Unión Europea/Espazo Económico Europeo/Suíza.

Os meses serán computados por días naturais. Salvo para os nomeamentos de atención continuada ou gardas en urxencias extrahospitalarias, o cómputo dos servizos prestados efectuarase por meses. Para iso calcularase en cada epígrafe do baremo o número total de días e dividirase entre 30, de tal maneira que o que se valorará en cada epígrafe será o cociente enteiro, desprezándose os decimais.

O período de formación para a obtención do título de especialista non poderá ser valorado como tempo de servizos prestados.


Non estou de acordo coa puntuación provisional obtida no concurso, cando podo reclamar?

Os/As concursantes admitidos/as disporán dun prazo de quince días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución que faga pública a baremación provisional no Diario Oficial de Galicia, para formular reclamacións contra a dita resolución.

As citadas reclamacións serán rexeitadas ou admitidas na resolución de adxudicación definitiva que aprobará a autoridade convocante.



CONTACTA:

De ter problemas cos accesos ao Expedient-e poderá dirixirse a un PAE situado nos principais centros sanitarios do Sergas. Na web do Servizo Galego de Saúde www.sergas.es poderá atopar unha listaxe dos PAEs na ligazon: Directorio de Puntos de Acreditación Electónica (PAE).

A información sobre o Pacto poderá consultala na sección de Emprego Público, na ligazon a contidos directos. Tamén poderá atopalo nas listaxes de contratación seleccionando a documentación xenérica da súa categoría profesional.

 

  • De ter algunha dúbida sobre listaxes de contratacións poderá dirixirse ao enderezo de correo electrónico novopacto@sergas.es e seralle respondida á maior brevidade.
  • De ter algunha dúbida sobre o proceso de OPE da CTG poderá dirixirse ao enderezo de correo electrónico oposicions.ctg@sergas.es e seralle respondida á maior brevidade.
  • De ter algunha dubida sobre concurso de traslados poderá dirixirse á dirección de correo electrónico concurso.traslados@sergas.es e seralle respondida á maior brevidade.
  • As bases do concurso de traslados poderá consultalas en Internet na páxina web do Servizo Galego de Saúde: http://www.sergas.es/Recursos-Humanos/Concurso-de-traslados.

 


​​

 

 

​​​​​