Volver al menú

Presentación

A publicación dunha Guía de Práctica Clínica é sempre un motivo de ledicia, dada a súa posible contribución á mellora da calidade asistencial dos usuarios do Sistema Sanitario Público de Galicia. É por iso una satisfacción presentar esta GUIA DE PRÁCTICA CLÍNICA DA HERNIA INGUINO-CRURAL, que pretende poñer ó alcance dos profesionais galegos unha ferramenta de traballo útil para mellorar a atención que se presta as persoas con esta doenza.

A hernia inguino-crural representa un importante problema de saúde na nosa sociedade, debido a súa frecuencia, repercusión e variabilidade na práctica médica. Afecta a todos os grupos de poboación, idades e sexos, deteriora a calidade de vida, limita a autonomía persoal, pode supoñer un grave risco da saúde e provoca un enorme custo no presuposto sanitario. Por todo isto considero que o abordaxe desta patoloxía é moi oportuno e un gran acerto.

Esta Guía pretende centrarse en aspectos relativos á anamnesis, o diagnóstico e os criterios de derivación do paciente con hernia inguino-crural dende a Atención Primaria a Asistencia Especializada, analiza as distintas modalidades de tratamento cirúrxico da hernia e o seu desenvolvemento mediante cirurxía maior ambulatoria e finalmente fai un conxunto de recomendacións, desenvolvidas de forma sistemática, co propósito de proporcionar axuda para a toma de decisións sobre os coidados máis axeitados.

Expresar o meu agradecemento os autores e revisores, así como a todas as persoas que dalgunha maneira participaron no proceso da súa elaboración. Espero que esta guía favoreza unha atención sanitaria máis eficiente e mellore a calidade de vida e os resultados en saúde da cidadanía galega.

 

Mª José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade

[ Volver Arriba ]