A Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde, colaboran tradicionalmente na organización e desenvolvemento de actividades docentes e de investigación non ámbito da saúde, considerándose esenciais para o progreso do sistema sanitario e dos seus profesionais.
A reordenación das ensinanzas universitarias oficiais no 2007 supuxo grandes cambios tanto estruturais como nas metodoloxías docentes. As prácticas académicas externas adquiren unha especial relevancia na formación do alumnado universitario, como ferramenta imprescindible na adquisición de competencias para o exercicio profesional.
En xeral, as bases para a realización destas prácticas en centros do sistema sanitario establécense nos convenios de colaboración asinados entre a Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde e a/s universidade/s correspondente/s, recolléndose neles a forma e condicións da colaboración. O obxectivo é establecer criterios homoxéneos para o desenvolvemento e avaliación das prácticas, sempre tendo en conta criterios de índole didáctica e organizativa.
No caso de solicitudes de prácticas con carácter ocasional por parte de universidades non pertencentes ao sistema universitario galego, aplícase o establecido na Orde do 13 de novembro de 2007 polo que se establece o procedemento para a tramitación e xestión das solicitudes de formación práctica de alumnos/as de universidades non pertencentes ao sistema universitario de Galicia en centros asistenciais adscritos ao Servizo Galego de Saúde.