Orde do 8 de xuño de 1992 pola que se crea a Oficina da Coordinación de Transplantes da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde acordou, na súa reunión do día 26 de marzo de 1990, implantar en tódalas comunidades autónomas a figura do coordinador de transplantes.

Doutra banda, a crecente importancia que no ámbito sanitario teñen os programas de transplantes, co impacto social e sanitario que iso leva consigo, fai cada vez máis necesario dispoñer dunha infraestructura organizativa que realice o labor de conexión entre os órganos de decisión e xestión da Consellería de Sanidade e os profesionais vinculados a esta actividade, co obxectivo básico de concienciar e potenciar, na Comunidade Autónoma de Galicia, a doazón e extracción de órganos, así como efectua-lo seguimento e avaliación do conxunto da actividade transplantadora.

Na súa virtude, no uso das atribucións que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

 

DISPOÑO:

 

1. Créase, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a Oficina de Coordinación de Transplantes, que, como unidade administrativa, depende orgánica e funcionalmente do director xeral do Servicio Galego de Saúde.

 

2. A Oficina de Coordinación de Trasplantes terá as seguintes funcións:

a) Representar, en todo o concernente ós programas de transplantes, a Comunidade Autónoma de Galicia, no seu Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, actuando en defensa dos seus intereses.

b) Intervir cos distintos responsables dos programas de transplantes e cos coordinadores hospitalarios para potenciar tódalas actuacións tendentes a mellora-lo funcionamento destas actividades, e de maneira moi especial as dirixidas á consecución de doazóns.

c) Emiti-los informes pertinentes sobre propostas de acreditación de programas de transplantes, implantes de tecidos e extraccións de órganos e tecidos, para o que poderá solicita-lo asesoramento dos xefes do servicio e dos responsables dos programas.

d) Actuar de interlocutor coas representacións cidadás, medios de comunicación e asociacións de enfermos incluídos nos diferentes programas.

e) Todas aquelas que, no desenvolvemento da súa actividade, lle sexan atribuídas polo director xeral do Servicio Galego de Saúde.

 

3. Á fronte da Oficina de Coordinación de Transplantes existirá un responsable-director que será nomeado polo conselleiro de Sanidade por proposta do director xeral do Servicio Galego de Saúde.

 

DISPOSICIÓN ADICIONAL

 

A creación da unidade administrativa que é realizada pola presente orde non comporta incremento do gasto.

 

DISPOSICIÓN DERRADEIRA

 

Quedan derrogadas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cantas disposicións de igual ou inferior categoría se opoñan ó disposto na presente orde que entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vease también