Preguntas frecuentes no Ámbito Sanitario. Manual de Consulta para a Cidadanía

Preguntas frecuentes no Ámbito Sanitario. Manual de Consulta para a Cidadanía

Neste Manual os usuarios do Sistema Sanitario Público de Galicia poderán atopar as respostas ás preguntas que con máis frecuencia pódenlles xurdir.

INTRODUCIÓN

A participación cidadá no ámbito da saúde aumentou considerablemente ao longo dos últimos anos grazas á potenciación dos sistemas de información, comunicación e atención ao paciente impulsados polo Servizo Galego de Saúde e a Consellería de Sanidade.

A diario, os cidadáns formúlannos preguntas, dúbidas, achegas, suxestións ou reclamacións, e fano habitualmente, en gran parte sobre os mesmos temas, como poden ser: tarxeta sanitaria, información sobre trámites de cambio de médico, requisitos para solicitude de documentación clínica, solicitude de citas en atención primaria, achegas dos pacientes na prescrición farmacéutica, etc.

Para dar resposta a esta necesidade, nace esta publicación, como un instrumento de mellora da comunicación cos cidadáns, que permita contestar a estas preguntas con modelos de resposta homologados e validados.

Entender as necesidades dos pacientes, fomentar que os cidadáns coñezan o Sistema público de saúde de Galicia e dese modo poidan exercer os seus dereitos e o seu deber de corresponsabilidade con este, é un compromiso do Servizo Galego de Saúde.

¿COMO ELABORAMOS ESTE MANUAL?

Este manual elaborouse grazas ao coñecemento acumulado a partir das preguntas
realizadas polos cidadáns a través de distintos medios como “Contacte Connosco” e “Queres” da web do Servizo Galego de Saúde ou, a nivel presencial, nas Unidades de Atención e Información ao Cidadán dos diferentes centros sanitarios ou en unidades administrativas dos Servizos Centrais do Sergas.

Para a documentación e elaboración das respostas utilizáronse diferentes fontes de consulta: lexislación autonómica e nacional, webs do Sergas e doutras consellarías de saúde así como do Ministerio de Sanidade, Ministerio de Emprego, Instituto Nacional da Seguridade Social, etc.

Para a súa redacción definitiva constituíuse un grupo de traballo formado por representantes de todas as Estruturas Organizativas de Xestión Integrada (EOXI) do Sergas e do Hospital Povisa, coa misión de revisar o borrador inicial do manual, avaliar e corrixir a información recollida no texto, agrupar as cuestións por áreas temáticas e propoñer suxestións de ampliación de novos temas de información.

É fundamental destacar que este manual que se presenta deberá estar en revisión permanente de forma que actualice as respostas ou as preguntas que máis habitualmente formulen os cidadáns.

ESTRUTURA

Conta cun índice interactivo que contén aproximadamente 200 preguntas coas súas correspondentes respostas, agrupadas en 14 capítulos, organizadas por áreas temáticas e con enlaces mediante hipervínculos a formularios, procedementos e outra información de interese.

OBXECTIVOS

  • Este manual pretende resultar útil aos profesionais sanitarios que traballan no ámbito de atención ao paciente xa que lles proporciona unha información clara e concreta sobre temas que comunmente demandan os cidadáns.
  • Tamén é útil para a cidadanía xa que pode acceder directamente a unha única fonte de consulta na web, con respostas ás súas dúbidas máis frecuentes e información fiable e de calidade.
  • E finalmente cremos que é útil para toda a nosa organización, porque promove a rigorosidade, a homoxeneidade e a consistencia na emisión de respostas ás preguntas que preocupan aos nosos usuarios, fortalecendo deste modo a nosa identidade corporativa.