Introdución CBG

Introdución CBG

A disposición adicional primeira do Decreto 177/2000, do 22 de xuño, polo que se regula a creación e autorización dos comités de ética asistencial, sinala que por orde da Consellería de Sanidade, antes Consellería de Sanidade e Servizos Sociais, se regularían a creación, composición e funcións da Comisión Galega de Bioética, que tería como ámbito xeográfico e institucional de actuación á Comunidade Autónoma de Galicia e que actuaría como órgano asesor da consellería nesta materia. 

A Orde do 13 de febreiro de 2001, pola que se crea a Comisión Galega de Bioética, deu cumprimento ao establecido no dito decreto ao constituírse esta como un órgano colexiado de carácter permanente e consultivo. 

A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de administración e funcionamento da Administración xeral e do sector público de Galicia, establece que os órganos colexiados da Administración xeral con funcións de asesoramento reciben o nome de consellos, motivo polo cal a denominación do novo órgano é a de Consello de Bioética de Galicia. 

O Consello de Bioética de Galicia pretende completar as características da Comisión Galega de Bioética, ampliar e perfilar as súas funcións e revisar a súa composición e o seu funcionamento para que a regulación exprese a evolución da bioética no ámbito asistencial. 
Con tal finalidade, configúrase como un órgano asesor de carácter independente e interdisciplinar, que amplía o perfil dos seus membros na procura de afondar no debate social sobre a bioética e de se constituír como referente para os profesionais e as institucións públicas e privadas do ámbito da saúde e para a cidadanía.​