CGCP - Obxectivos e funcións

CGCP - Obxectivos e funcións

A Comisión Galega de Coidados Paliativos é un órgano colexiado de carácter permanente e consultivo, dependente da Consellería de Sanidade e adscrito á Dirección de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde.
  • 1. Misión

    A misión da Comisión Galega de Coidados Paliativos estará acorde coa do Plan Galego de Coidados Paliativos: prestar atención integral e integrada aos pacientes con enfermidade avanzada e complexa, garantíndolles a mellor calidade de vida posible e dándolles resposta axeitada ás súas necesidades e ás dos seus familiares e/ou coidadores/as.
  • 2. Visión

    A visión da Comisión Galega de Coidados Paliativos está posta en conseguir o maior calidade de vida aos enfermos que se atopan na fase final da vida e ás súas familias, independentemente de onde vivan e dos profesionais e dispositivos que os atendan, dentro dun proceso asistencial integrado, dando unha atención integral baseada nas súas necesidades.
  • 3. Valores

    Os valores da Comisión Galega de Coidados Paliativos son a universalidade, a equidade, a integridade, a accesibilidade, a promoción da autonomía e dignidade das persoas, a atención interdisciplinar, a satisfacción e a transparencia.
  • 4. Principios

    Segundo o estipulado no Plan Galego de Coidados Paliativos a Comisión Galega de Coidados Paliativos traballará na busca da maior calidade de vida e confort dos pacientes, con atención integral ao paciente baseada nas necesidades, incluíndo á familia dentro da unidade obxecto de atención e respectando a autonomía persoal.

Funcións

Segundo o artigo 2º, punto 1, do Decreto 181/2010, de 21 de outubro, a Comisión Galega de Coidados Paliativos terá como funcións as seguintes:
  • Asesorar á Consellería de Sanidade e ao Servizo Galego de Saúde en materia de coidados paliativos.
  • Emitir informes e realizar estudos sobre as cuestións de coidados paliativos que a Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde consideren de interese para a comunidade sanitaria galega.
  • Ser órgano de referencia en materia de coidados paliativos para as áreas de saúde e os seus respectivos Comités Técnico Asistenciais de Coidados Paliativos.
  • Colaborar na xestión da Plataforma de coidados paliativos do Servizo Galego de Saúde, así como na elaboración de guías e protocolos de coidados paliativos.
  • Promover que a asistencia, formación e investigación en coidados paliativos se desenvolvan de acordo co establecido no Plan Galego de Coidados Paliativos.
  • Contribuír a que a información sobre os coidados paliativos chegue tanto aos cidadáns como aos profesionais.
  • Calquera outra que lle sexa encomendada ou solicitada pola Consellería de Sanidade ou polo Servizo Galego de Saúde.
As súas principais liñas de traballo serán:
  • Promover a aplicación do proceso asistencial integrado de coidados paliativos e a consolidación da rede de atención paliativa.
  • Traballar na mellora da calidade da atención ao paciente e á familia.
  • Promover o desenvolvemento da formación dos profesionais e da investigación.
  • Asegurar unha adecuada información á cidadanía.
A Comisión Galega de Coidados Paliativos poderá ser consultada pola Consellería de Sanidade en calquera outro asunto relacionado coas materias indicadas anteriormente.