Segunda opinión médica

Segunda opinión médica

GARANTÍA DO DEREITO Á SEGUNDA OPINIÓN MÉDICA:
Información para pacientes

 

Que é a segunda opinión médica?
A segunda opinión médica é o dereito a obter, a través do Sistema público de saúde de Galicia, un novo informe médico para aqueles/as pacientes que xa dispoñen dun primeiro diagnóstico completo ou unha proposta terapéutica, realizado por un profesional diferente do que emitiu o primeiro diagnóstico ou proposta terapéutica.
A súa finalidade é contrastar un primeiro diagnóstico completo ou unha proposta terapéutica que axude o/a paciente a tomar unha decisión entre as opcións clínicas dispoñibles.
Cando un/unha paciente pide unha segunda opinión médica, un/unha facultativo experto estuda a información procedente da súa historia clínica e emite un informe que se envía ao solicitante, ou a quen o/a paciente teña autorizado para actuar no seu nome.
Quen pode exercer este dereito?
As persoas titulares dos dereitos á protección da saúde e á atención sanitaria, e que acrediten o dereito á asistencia no Sistema Público de Saúde de Galicia conforme a normativa vixente.
En determinadas circunstancias, este dereito pode ser exercido por outra persoa no nome do/da paciente.
Que condicións previas se requiren para exercer este dereito?
Dispoñer dun diagnóstico concluído e/ou dunha proposta terapéutica emitido por un/unha facultativo/a especialista do Servizo Galego de Saúde.
En que casos se pode solicitar a segunda opinión?
En relación con algunha das seguintes enfermidades:
  • Enfermidades neoplásicas malignas
  • Enfermidades neurolóxicas inflamatorias e dexenerativas invalidantes.
  • Confirmación de diagnósticos de enfermidade rara.

No caso de tratarse dunha recidiva tumoral maligna ou dunha proposta de tratamentos de nova aparición, poderá solicitarse novamente unha segunda opinión médica.
Na páxina web do Servizo Galego de Saúde está publicado un catálogo en liña, ao que tamén se pode acceder desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, no que se identifi­can as patoloxías respecto das cales se poderá exercer o dereito á segunda opinión médica.

Cal é o prazo para poder exercer este dereito?

Non hai un prazo temporal para que vostede poda exercer este dereito dende a data do diagnóstico ou proposta terapéutica.

Como se solicita?
A solicitude de segunda opinión médica realizarase por escrito, segundo o modelo incluído no Anexo I do Decreto 54/2015, do 12 de marzo, e dirixirase á xerencia da estrutura organizativa de xestión integrada (EOXI) da cal forme parte o centro hospitalario de referencia do/a paciente.
 
As solicitudes poderán presentarse a través dos seguintes métodos:
  • Por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es.  O prazo comenza no momento da tramitación.
  • En soporte papel no servizo de admisión do seu hospital de referencia.O prazo comenza ao ser entregado
    Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Neste caso o prazo non comenza a contar ata que a solicitude é recibida nos servizos de admisión do centro tramitador.
     O centro tramitador é o seu hospital de referencia, polo tanto as solicitudes deberán ser dirixidas a el, independentemente do lugar onde se presente.
Que documentación debe presentar xunto á solicitude?
  • Fotocopia do documento nacional de identidade (DNI) ou documento substitutivo do/da solicitante , no caso de que este/a non prestase o consentimento para a comprobación dos seus datos persoais.
  • Se é o caso, documentación acreditativa da concorrencia das seguintes circunstancias:
  • Cando o/a paciente estea circunstancialmente incapacitado para tomar decisións o dereito corresponderalles aos seus familiares ou ás persoas vinculadas de feito: ◾Se o/a solicitante é un familiar, achegará certificado médico acreditativo da imposibilidade do/a paciente para formular por si mesmo/a a solicitude e copia compulsada do DNI do/a paciente e do/a solicitante.
  • Se o/a solicitante é parella ou persoa vinculada de feito, achegará certificado médico acreditativo da imposibilidade do/a paciente para formular por si mesmo/a a solicitude, declaración xurada ou documento oficial que acredite a súa vinculación ou relación de parella e copia compulsada do DNI do/a paciente e do/a solicitante.
  • Cando o/a paciente estea incapacitado legalmente, o dereito corresponderá ao seu representante legal, acreditando de forma clara e inequívoca, en virtude da correspondente sentenza de incapacitación, que está legalmente habilitado para tomar decisións que afecten a persoa incapacitada. Neste suposto, achegarase copia compulsada da correspondente sentenza de incapacitación.
  • Informe médico que certifique o diagnóstico e/ou proposta terapéutica, no caso de non constar na propia historia clínica electrónica.
  • Calquera outro documento que se considere relevante para o caso.
Como se presenta a documentación complementaria?
  • Por vía electrónica utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal.
  • En soporte papel, cando a solicitude de segunda opinión médica se presente no servizo de admisión do hospital de referencia do/a paciente.
A que se compromete a administración sanitaria?
A persoa titular da xerencia da EOXI, logo de requirir, se o considera oportuno, os informes complementarios necesarios, resolverá de forma motivada sobre a solicitude no prazo de 10 días hábiles computados dende que a solicitude tivo entrada na unidade tramitadora competente.
 Transcorrido o prazo para resolver a solicitude de segunda opinión sen que se emitise a resolución, entenderase que esta é favorable por silencio administrativo e a data de resolución será a do día no que venza ese prazo de 10 días.
 A resolución (favorable ou desfavorable) notificarase de forma inmediata ao/a solicitante, a través do medio que indicase na súa solicitude.
 No caso de que a resolución sexa favorable, a emisión da segunda opinión deberá realizarse no prazo de 15 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da emisión da resolución.
Quen propón ao/a facultativo responsable de emitir a segunda opinión?
O/a paciente ou quen o/a represente, poderá propoñer un/unha facultativo/a especialista do Sistema público de saúde de Galicia.
 No caso de que na solicitude non se propoña ningún/ningunha facultativo/a concreto/a, será designado pola xerencia da EOXI de que forma parte o centro hospitalario de referencia do/a paciente, atendendo a criterios de especialidade e dispoñibilidade.
Que ocorre se o facultativo proposto non está dispoñible?
Se o/a facultativo/a proposto/a non vai estar dispoñible para poder emitir a segunda opinión médica dentro do prazo establecido, por un motivo debidamente xustificado, ou non ten a competencia necesaria para emitir a segunda opinión médica, esta circunstancia será comunicada á persoa interesada e se lle proporá un novo profesional.
No prazo de 3 días hábiles, o/a paciente ou quen o/a represente deberá indicar unha das seguintes opcións:
  • Aceptar a proposta realizada pola xerencia da EOXI
  • Indicar o seu desexo de esperar ata que o/a facultativo/a da súa elección estea dispoñible
  • Propoñer outro/a profesional.

No caso da última opción, no suposto de que o novo profesional proposto non estea dispoñible ou non reúna a competencia profesional adecuada, designarase ao proposto pola xerencia de xestión integrada. Se a persoa interesada non contesta no prazo de tres días, entenderase conforme coa designación do/a profesional proposto/a pola xerencia de xestión integrada.

O prazo para a resolución suspenderase durante o período de contestación da persoa interesada. Así mesmo, se o/a paciente, ou quen o/a represente, manifesta a súa vontade de esperar ata que o/a facultativo/a da súa elección estea dispoñible, o prazo de emisión do informe quedará en suspenso ata ese momento, circunstancia que se comunicará a persoa interesada.
A que se compromete o/a paciente?

  • A presentar a solicitude e a documentación complementaria acreditativa segundo o estipulado no Decreto 54/2015, do 12 de marzo, polo que se regulan o procedemento e os efectos da garantía do dereito á segunda opinión médica no Sistema público de saúde de Galicia.Se a solicitude non cumpre algunha das condicións necesarias, o solicitante será informado para que proceda a emendala no prazo de 10 días. Mentres non se reciba a documentación requirida, permanecerá en suspenso o prazo para resolver sobre a autorización da segunda opinión, que se volverá computar, segundo os casos, a partir do momento en que se reciba a documentación solicitada en calquera dos rexistros do Servizo Galego de Saúde.
  • A non impedir e/ou dificultar a realización de calquera trámite, consulta ou proba, necesarios para a emisión do informe de segunda opinión médica.
  • A asistir ás consultas ou probas que se lle puideran programar no marco do procedemento para poder emitir o informe de segunda opinión médica.
  • Unha vez emitida a segunda opinión médica, deberá elixir entre as distintas alternativas diagnósticas ou terapéuticas.
Debe saber que:
  • Unha segunda opinión médica non é un cambio de especialista que se xestiona desde o seu centro de saúde.
  • Non é unha derivación fóra da Comunidade Autónoma, que só pode propoñer o médico especialista responsable do seguimento do proceso cando o considera necesario.
  • Non inclúe certificados médicos a compañías aseguradoras, mutuas de accidentes de traballo e/ou enfermidades profesionais da Seguridade Social.
  • O dereito á segunda opinión médica só se poderá exercer unha vez en cada proceso asistencial, entendido este como un diagnóstico completo e/ou proposta terapéutica, excepto no caso dunha recidiva tumoral maligna ou dunha proposta de tratamentos de nova aparición, nos que poderá solicitarse novamente unha segunda opinión.
  • A segunda opinión realízase cos informes e probas xa dispoñibles do/a paciente. Pode ser que, excepcionalmente, o facultativo experto indique algunha nova proba ou exploración ao/a paciente coa finalidade de emitir a súa opinión, que será realizada na oxi orixe do paciente.
  • O informe de segunda opinión será emitido, sempre que sexa posible, polos centros públicos do Sistema de Saúde de Galicia. Excepcionalmente, poderase solicitar que a segunda opinión médica sexa emitida nun centro público doutra comunidade autónoma, se o primeiro diagnóstico ou proposta terapéutica fose emitido no único servizo do Sistema público de saúde de Galicia con dispoñibilidade e competencias na patoloxía correspondente.
  • O modelo de solicitude recolle expresamente que o exercicio do dereito implicará que, os profesionais do Sistema público de saúde de Galicia implicados no proceso de xestión e emisión da segunda opinión médica, poderán acceder aos datos relacionados coas súas propias funcións, contidos na historia clínica do/a paciente, de conformidade co previsto na normativa reguladora da protección de datos de carácter persoal e de acceso á historia clínica dos/as pacientes.
Onde pode obter máis información?
Normativa
  • DECRETO 54/2015, do 12 de marzo, polo que se regulan o procedemento e os efectos da garantía do dereito á segunda opinión médica no Sistema público de saúde de Galicia (DOG nº 72, do 17 de abril de 2015)
  • LEI 12/2013, do 9 de decembro, de garantías de prestacións sanitarias.EI 12/2013, do 9 de decembro, de garantías de prestacións sanitarias.