Programas sociosanitarios para a prevención do suicidio

Programas sociosanitarios para a prevención do suicidio


O suicidio é un problema da sociedade no seu conxunto, de xeito que para que unha estratexia nunha poboación resulte eficaz é preciso unha resposta multisectorial e integral.


No informe publicado pola Organización Mundial da Saúde “O suicidio, un imperativo global” determínase unha maior taxa de suicidio nos países de alto nivel económico, salientando a necesidade de ter en conta aspectos como as experiencias relacionadas con conflitos, desastres, violencia, abusos, perdas e sensación de illamento que están estreitamente ligadas a condutas suicidas.


As taxas de suicidio tamén son elevadas entre os grupos vulnerables obxecto de discriminación. Diferentes factores psicolóxicos, sociais, e culturais poden interactuar para conducir a unha persoa a ter un comportamento suicida. Aínda que se ten avanzado no coñecemento acerca do comportamento suicida, non hai unha explicación única de porque unha persoa pode actuar deste xeito, pero existen medidas que podemos levar a cabo para modificar as consecuencias persoais e familiares do suicidio.


A análise epidemiolóxica axuda a identificar tanto factores de risco como de protección fronte ao suicidio, o que é de utilidade para deseñar os plans de prevención, quedando os resultados descritos no documento. Loitar contra o estigma asociado a esta conduta é outro aspecto clave sobre o que incidir para fomentar que as persoas accedan ás canles de axuda.


Por cada suicidio cometido hai moitos máis intentos de suicidio polo que para unha prevención

eficaz cómpre desenvolver estratexias indicadas dirixidas á poboación vulnerable mediante o apoio, a capacitación do persoal de saúde, educación e servizos sociais e unha mellora na identificación dos trastornos mentais e de consumo de substancias.


O plan de prevención do suicidio en Galicia, publicado no ano 2017 ten como obxectivo diminuír a incidencia e a prevalencia da conduta suicida:

1. Aumentando a coordinación entre as institucións e os axentes implicados na prevención da conduta suicida.

2. Aumentando a sensibilización e a concienciación da sociedade sobre o suicidio como un problema de saúde.

3. Mellorando a atención que dende a organización sanitaria se lles presta tanto ás persoas que presentan conduta suicida como aos seus achegados.

4. Fomentando a investigación e o coñecemento respecto da conduta suicida en Galicia.


Dende o Servizo de Saúde Mental da Dirección xeral de Asistencia Sanitaria colabórase coa realización de programas sociosanitarios no ámbito da prevención do suicidio.