A pandemia de COVID-19 creou unha crise mundial para a saúde mental, alimentando o estrés a curto e longo prazo e socavando a saúde mental de millóns de persoas.
As crecentes desigualdades sociais e económicas, os conflitos prolongados, a violencia e as emerxencias de saúde pública afectan a poboacións enteiras, ameazando o progreso cara a un mellor benestar. Debemos fortalecer a atención da saúde mental para que se satisfaga todo o espectro de necesidades de saúde mental a través dunha rede comunitaria de servizos e apoios accesibles, alcanzables e de calidade.
O estigma e a discriminación seguen sendo un obstáculo para a inclusión social e o acceso á atención adecuada; É importante destacar que todos podemos desempeñar o noso papel no aumento da conciencia sobre que intervencións preventivas de saúde mental funcionan e o Día Mundial da Saúde Mental é unha oportunidade para facelo colectivamente.
Sumámonos á iniciativa da OMS para lanzar unha campaña en torno ao tema de facer da saúde mental e o benestar para todos unha prioridade mundial. Esta será unha oportunidade para que as persoas con afeccións de saúde mental, defensores, gobernos, empregadores, empregados e outras partes interesadas se reunan para recoñecer o progreso neste campo e expresar o que debemos facer para garantir que a saúde mental e o benestar convértanse nunha prioridade global para todos.
A saúde mental é algo máis que a ausencia de trastornos mentais. A saúde mental é un estado completo de benestar físico, mental e social, no que as persoas poden acadar os seus obxectivos e son capaces de facer fronte o estrés da vida, traballar de xeito frutífero e contribuír a súa comunidade. A saúde mental é unha materia de interese para todos e non só para aqueles afectados por un trastorno mental.
Os cambios sociais rápidos, as condicións de traballo estresantes, a discriminación de xénero, a exclusión social, os estilos de vida pouco saudables, o baixo nivel educativo, a violencia e a mala saúde física son factores de risco para o desenvolvemento de trastornos mentais.
Tamén hai factores da personalidade e psicolóxicos así como condicionantes biolóxicos e xenéticos que fan que unhas persoas sexan máis vulnerables que outras a padecer un trastorno mental. Pero o máis importante é que existen estratexias e intervencións intersectoriais eficaces e rendibles de promoción, protección e restablecemento da saúde mental.
O Plan de Saúde Mental poscovid 19. Período 2020-2024 prioriza a realización de proxectos dirixidos a diminuír o impacto do COVID 19 na saúde mental e no benestar emocional das persoas. Para iso, reforza o número de profesionais nos dispositivos asistenciais do Sergas para desenvolver programas específicos orientados a atención ao trauma, ao dó e a depresión. Tamén ten en conta a atención aos maiores e persoas ingresadas en centros sociosanitarios, así como a teleasistencia como ferramenta de reforzo das consultas presenciais, o apoio aos/as profesionais sanitarios/as de primeira liña de acción fronte ao COVID-19, e o fortalecemento dos programas de prevención do suicidio.
Tomando como referencia o Plan de acción sobre Salud mental 2013-2020 da OMS, o Plan de Saúde Mental de Galicia poscovid-19 prevé o desenvolvemento de actuacións dirixidas a incrementar a autonomía dos/das pacientes, garantindo que sexan acordes aos seus dereitos e necesidades e promovendo a normalización social e a desestigmatización das persoas que presentan un trastorno mental.
Para o desenvolvemento do plan contouse coa participación de persoas usuarias e profesionais da rede de entidades que colaboran co Servicio Galego de Saúde e coa Consellería de Sanidade na atención ao trastorno mental severo. O traballo levado a cabo nos diferentes centros e programas permite que as persoas con problemas de saúde mental se manteñan na comunidade e se lles preste apoios á súa autonomía.
Este proxecto representa un avance na aproximación que facemos á enfermidade mental, dando voz en primeira persoa aos afectados por estes trastornos, ademais de a persoas profesionais de atención directa.
“A saúde mental continúa vivindo rodeada de mitos. Favorecer a información á sociedade e a inclusión das persoas que padecen trastornos mentais son accións fundamentais para romper as ideas erróneas preconcibidas.”
“As accións de sensibilización levadas a cabo desde diferentes sectores para dar a coñecer os trastornos mentais poden favorecer a integración social das persoas que o presentan”