Os dereitos, os deberes e as garantías no Sistema Público de Saúde de Galicia

Os dereitos, os deberes e as garantías no Sistema Público de Saúde de Galicia

En Galicia, os dereitos e deberes básicos en saúde son establecidos por Lei, tomando como base os instrumentos intergubernamentais, tratados, convenios internacionais, directivas e lexislación estatal.
 
O Sistema Público de Saúde de Galicia recoñece unha serie de dereitos que inciden especialmente na autonomía do paciente, na información e na documentación clínica, na protección especial dalgunhas persoas, e na participación da cidadanía na xestión do Sistema Sanitario Galego.
 
A Xunta de Galicia e as autoridades sanitarias teñen o deber de adoptar as medidas oportunas que garantan os dereitos da cidadanía. Unha figura administrativa está encargada de velar polo cumprimento dos dereitos recoñecidos á cidadanía e mediar activamente nos conflitos que, en relación co exercicio efectivo destes, se poidan presentar.
 
Titulares do dereito
 
Segundo a Lei Xeral de Sanidade:
  • os españois e os cidadáns estranxeiros que teñan establecida a súa residencia no territorio nacional.
  • os estranxeiros non residentes e os españois fóra do territorio nacional teñen garantido tal dereito na forma que as leis e convenios establezan.
En Galicia:
  • as persoas que residan nos municipios da Comunidade Autónoma e os transeúntes no territorio da comunidade, na forma e condicións que estableza a lexislación vixente, dereito comunitario e europeo e os convenios nacionais ou internacionais que resulten de aplicación.
  • os galegos e galegas de orixe ou ascendencia que, residindo fóra de Galicia, se vexan amparados polos convenios para o efecto, no xeito e condicións establecidos neles.
  • os menores e as mulleres xestantes, calquera que sexa a súa residencia ou situación.
  • todas as persoas en situación de urxencia e emerxencia.
Sistema de Saúde
Os poderes públicos teñen a competencia de organizar e tutelar a saúde pública, mediante un sistema de saúde que alcance a todos e contemple, tanto a prevención, como a prestación de servizos sanitarios.
  • As accións xerais e comúns, fundamento dos servizos sanitarios de todas as Comunidades Autónomas, levaranse a cabo a través do Sistema Nacional de Saúde; que asegura o equilibrio territorial no acceso a prestacións e servizos sanitarios seguros, efectivos e eficientes.
  • O Sistema Nacional de Saúde concíbese como unha rede integrada de servizos de saúde xestionados polas Comunidades Autónomas, convenientemente coordinados.
  • En Galicia, os recursos, actividades, servizos e prestacións de promoción da saúde e de asistencia sanitaria organízanse a través do Sistema Público de Saúde de Galicia.