O dereito á saúde

O dereito á saúde

O goce do grado máximo de saúde é un dereito fundamental da cidadanía, inherente á dignidade da persoa.
 
Trátase dun dereito que leva implícita unha acción de conservación e outra de restablecemento. Por tanto, non se limita á simple atención da saúde, senón que abarca unha ampla gama de factores que favorecen unha vida san.
 
Ademais, é un dereito tutelado polo Estado, en tanto que implica facer uso de medios que abordan de forma equitativa e eficiente a prevención e a asistencia, para achegar os servizos sanitarios de forma universal á cidadanía.
 
A autoridade directiva e coordinadora en materia de labor sanitaria mundial é a Organización Mundial da Saúde (OMS), axencia especializada das Nacións Unidas (ONU), establecida en 1948, formada por 160 estados membros.
 
A OMS é responsable de axudar a todos os pobos a acadar o máximo nivel posible de saúde, a través de servizos de carácter orientador ou técnico.
 
A súa estrutura central está formada por un órgano decisorio chamado Asemblea Mundial da Saúde, integrada por delegados de todas as nacións membros e unha Secretaría, composta por unha directora xeral e persoal técnico e administrativo. A axencia mantén organizacións rexionais para o suroeste de Asia, a parte oriental do Mediterráneo, Europa, África, América e a zona occidental do Pacífico. A OMS ten a súa sede en Xenebra (Suíza).
 
A Administración sanitaria galega establece políticas en materia de saúde, orientadas a garantir e tutelar a atención sanitaria de toda a cidadanía, adoptando os instrumentos xurídicos para o seu goce efectivo e aplicando os programas da Organización Mundial da Saúde.