Información para o profesional

Información para o profesional

Rexistro galego de instrucións previas
Que é o documento de instrucións previas?
É o documento no que unha persoa maior de idade, capaz e libre, manifesta anticipadamente a súa vontade sobre os coidados e tratamentos que podería precisar no futuro e sobre o destino final do seu corpo, co fin de que esta vontade sexa coñecida e respectada no momento en que non teña capacidade para manifestala.
Quen pode outorgar un documento de instrucións previas?
Calquera persoa maior de idade que estea capacitada e actúe libremente.
Cal debe ser o contido deste documento?
O documento deberá ter en todo ou parte o seguinte contido:
  • Instrucións e opcións acerca dos coidados e o tratamento da saúde da persoa outorgante.
  • Instrucións sobre o destino do corpo e dos seus órganos, unha vez chegado o falecemento.
 
No documento tamén se poderá nomear unha persoa representante para que, chegado o caso, sirva como interlocutor co médico ou co equipo sanitario que presta a asistencia para procurar o cumprimento das instrucións previas.
 
O outorgante poderá tamén designar un substituto do representante, que exercerá as súas funcións en caso de falecemento, incapacidade ou imposibilidade de consulta co representante.
Que é o Rexistro Galego de instrucións previas (REGAIP)?
É un rexistro dependente da Consellería de Sanidade, no cal os outorgantes , se así o desexan e cumprindo os requisitos establecidos, poderán inscribir o seu documento de instrucións previas, ou se é o caso, a súa substitución ou a súa revogación.
 
Este rexistro é de natureza administrativa, sendo a inscrición das instrucións previas de carácter voluntario e declarativo.
 
Este rexistro estará suxeito ás debidas precaucións de seguridade e confidencialidade.
Cal é a función do REGAIP?
A finalidade do rexistro é facilitar o coñecemento da existencia do documento de instrucións previas aos profesionais que prestan a asistencia sanitaria, así como a consulta do seu contido chegada a situación en que sexa necesario telo en conta.
 
A ausencia de inscrición dun documento de instrucións previas validamente outorgado non impide a súa aplicabilidade no ámbito sanitario.
 
Co fin de garantir a súa eficacia en todo o territorio nacional, o Rexistro galego de instrucións previas estará interconectado co Rexistro nacional onde se recollen as instrucións previas inscritas nos distintos rexistros autonómicos.
En que circunstancias se pode acceder ao REGAIP?
Chegada unha situación en que o paciente non sexa quen de expresar persoalmente a súa vontade, o médico ou o equipo sanitario que presta a asistencia deberán acceder ao rexistro para comprobar a existencia ou non dun documento de instrucións previas.
 
Sen prexuízo de que na historia clínica exista copia do mesmo, tamén deberá acceder ao rexistro para verificar se foi inscrito un documento cunha data posterior e, de ser o caso, coñecer o seu contido.
 
Así mesmo, o médico poderá acceder ao rexistro cando sexa autorizado pola persoa outorgante.
Como se accede ao REGAIP?
O acceso dos facultativos do Servizo Galego de Saúde ao Rexistro galego de instrucións previas farase a través da historia clínica electrónica (IANUS). No caso de que o paciente teña inscrito un documento no rexistro, farase referencia á existencia do mesmo na citada historia clínica electrónica tal e como se mostra a continuación (Imaxe 1).
IPimaxe1.jpg
Imaxe 1: Visualización do documento de instrucións previas a través da historia clínica electrónica (IANUS)
 
 
De non constar tal referencia, será preciso realizar unha consulta ao Rexistro nacional de instrucións previas -a través de IANUS- para comprobar a existencia ou non dun documento rexistrado noutra comunidade autónoma.
 
Para recoñecer aos pacientes que teñen un documento de instrucións previas inscrito no rexistro, dende as unidades de admisión e a través do Sistema de Información Hospitalaria de Galicia (SIHGA) identificarase cun aviso a aqueles que teñan un documento de instrucións previas rexistrado (Imaxe 2). Cada hospital establecerá os circuítos necesarios para achegar esta información aos servizos clínicos e aos facultativos responsables dos pacientes.
IPimaxe2.jpg
Imaxe 2: Aviso no SIHGA da existencia dun documento de instrucións previas inscrito no Rexistro galego de instrucións previas

Os facultativos que traballen en centros que non pertenzan ao Servizo Galego de Saúde accederan ao sistema a través dunha comunicación telemática segura, e para iso deberán ter solicitado á Consellería de Sanidade autorización para uso da aplicación e dispor dun certificado de sinatura electrónica recoñecida (Imaxes 3 e 4).
IPimaxe3.jpg
Imaxe 3: Pantalla inicial da aplicación do Rexistro galego de instrucións previas: identificación do facultativo
 
 
IPimaxe4.jpg
Imaxe 4: Identificación do paciente na aplicación
 
 
As actuacións relativas á aplicación ou non do contido no documento de instrucións previas faranse constar razoadamente na historia clínica do paciente.