902 077 333 "O TELÉFONO ÚNICO DO SERGAS"

902 077 333 "O TELÉFONO ÚNICO DO SERGAS"

Marcando o número 902 077 333, vostede entra en contacto co "Teléfono único do SERGAS", servizo de atención á cidadanía a través do que terá acceso a múltiples servizos e trámites do sistema sanitario galego:

  • Pedir cita para ser atendido no seu centro de saúde
  • Solicitar a anulación ou retraso de citas hospitalarias
  • Solicitar atención telefónica por parte de profesionais sanitarios
  • ... e máis servizos que estarán á súa disposición en breve

INFORMACIÓN SOBRE O SEU USO

Rápido, sinxelo e barato

O teléfono 902 077 333, é un número fácil de memorizar, e ademais de darlle acceso rápido e sinxelo ao servizo que vostede precisa, apenas ten o custo dunha chamada local. Vostede entrará en contacto cunha central de atención telefónica, na que un amplo equipo de profesionais e sistemas tecnolóxicos de última xeración estarán á súa disposición para facilitarlle o acceso ao sistema sanitario sen perda de tempo. Non obstante, en cada provincia este servizo está conectado a un número telefónico convencional, ao que, tamén poderá chamar para aproveitar as vantaxes da tarifa que teña contratada coa súa compañía telefónica.

Estes números son: 

  • Na provincia de A Coruña: 981 952 950
  • Na provincia de Ourense: 988 398 350
  • Na provincia de Lugo: 982 269 893
  • Na provincia de Pontevedra: 986 806 350

As 24 horas do día, os 7 días da semana

O Servizo telefónico está operativo de continuo, as 24 horas do día, os 7 días da semana. Dá cobertura a toda a poboación galega, para calquera centro sanitario.

 

PETICIÓN DE CITAS

 

A través deste número poderanse solicitar citas para os seguintes profesionais e actos sanitarios:

  • Medicina de familia: Solicitude de consulta por enfermidade. Solicitude de consulta para emisión de receitas.
  • Pediatría: Solicitude de consulta por enfermidade. Solicitude de consulta para emisión de receitas. Revisión de control de idade incluída no programa do neno san.
  • Enfermaría: Solicitude de consulta para enfermaría. Toma e recollida de mostras de sangue (é preciso dispor dun volante coa solicitude da proba!). Revisión de control de idade incluída no programa do neno san. Citas para outras vacinas como tétano, alerxias, etc ...
  • Odontoloxía: Solicitude de consulta para odontoloxía. Cita para a primeira consulta de odontoloxía da embarazada. Cita para a primeira consulta de odontoloxía do neno.
  • Matrona: Solicitude de consulta para matrona. Cita para a primeira consulta do embarazo.
  • Traballo social: Solicitude de consulta para traballo social.
  • Vacina da gripe: No período da campaña de vacinación antigripal poderá solicitar cita directamente a través deste número.

Os únicos servizos non cubertos a través deste teléfono único son aqueles que requiren da intervención directa de persoal do centro de saúde, polo que para solicitalos deberá utilizar o teléfono de contacto do seu centro de saúde ou acudir ao mostrador de atención ao público do centro de saúde.

 

Como pedir unha cita en atención primaria

Cando vostede precise solicitar / cambiar / anular unha cita para o profesional de Medicina de familia, Pediatría, Enfermaría, Matrona ou Odontólogo poderá: 

  1. Chamar ao teléfono único 902 077 333
  2. Chamar ao Teléfono de cita previa do seu Centro de Saúde:

De novo, todos os Centros de saúde dispoñen dun número de teléfono de cita previa.

Se na súa Tarxeta sanitaria non está rexistrado, infórmese no seu Centro de Saúde. Tamén pode atopalo no buscador de centros da web do Sergas.

O Sergas garántelle que a súa chamada sempre será atendida a través dalgún dos seguintes sistemas:

  • Atención directa polo persoal administrativo do Centro de Saúde: Este servizo estará dispoñible en horario de funcionamento habitual do centro. O persoal administrativo que atenda o teléfono programaralle unha cita no Centro de Saúde.
  • Atención a través do novo sistema automático de citación (IVR): Este servizo estará dispoñible as 24 horas os 365 días do ano. Entrará en funcionamento:
    1. cando solicite unha cita fóra do horario habitual do Centro de Saúde
    2. cando o persoal administrativo non poida responder a súa chamada, por estar atendendo a pacientes no mostrador do Centro de Saúde

Se quere aclarar calquera dúbida sobre o funcionamento deste novo sistema de citación, pode consultar as recomendacións para a utilización do IVR, dispoñibles na columna lateral desta páxina.

 

ANULACIÓN OU RETRASO DE CITAS HOSPITALARIAS

 

No caso de xurdir algún imprevisto que lle impida acudir a unha cita hospitalaria previamente concertada, a través do "Teléfono único do SERGAS" tamén poderá solicitar a anulación ou retraso das mesmas.

 

ASISTENCIA TELEFÓNICA POR PROFESIONAIS SANITARIOS

 

Vostede tamén dispón dun acceso directo ao servizo de atención telefónica por parte de profesionais sanitarios, no que poderá realizar en calquera momento consultas sanitarias con persoal sanitario da F.P. Urxencias Sanitarias 061. Estes profesionais especializados daranlle os consellos máis axeitados para calquera dúbida ou incidencia de saúde que lle poida xurdir, e encamiñarano dentro do sistema sanitario en caso de que sexa preciso.

A través do teléfono único do SERGAS poderá acceder ó servizo de atención telefónica por parte de profesionais sanitarios, onde atopará información e consellos relacionados coa saúde e coidados asistenciais sobre situacións que non requiran atención sanitaria urxente.

Todas as chamadas son atendidas, en función do motivo da súa consulta, por médicos/as e enfermeiros/as que responderán ás súas dúbidas e facilitarán a información solicitada.

Situacións sanitarias non urxentes

  • Problemas relacionados con enfermidades/síntomas.
  • Problemas relacionados co embarazo, parto e puerperio.

Coidados asistenciais

  • Información sobre medicamentos.
  • Problemas sobre o manexo de dispositivos implantados: sondas (urinarias, nasogástricas...), dispositivos de diálise, dispositivos de osíxeno, soros...
  • Dúbidas sobre o manexo de aparellos: glicómetro, tensiómetro...
  • Consultas sobre curas.
  • Coidados de pacientes crónicos e puericultura.

Probas médicas

  • Preparación e interpretación de probas diagnósticas.


Prevención e hábitos saudables

  • Campañas de Saúde Pública (gripe, vaga de calor...).
  • Vacinación.
  • Métodos anticonceptivos.
  • Consellos aos viaxeiros.
  • Información sobre drogas.
  • Dieta e exercicio físico.

Información sobre centros e servizos sanitarios

 

Asesoría a profesionais sanitarios (persoal médico e de enfermaría)