Obxectivo e finalidades

Obxectivo e finalidades

A implantación deste modelo de xestión leva implícita a creación de estruturas organizativas que coa autonomía necesaria incorporen tanto a xestión clínica como a xestión por procesos mediante a superación dos diferentes niveis asistenciais existentes e a racionalización dos recursos. O desenvolvemento e a organización dos procesos asistenciais implica a definición do papel que cada profesional ten de cara á atención ao paciente, así como o desenvolvemento de novos procedementos operativos e de estándares sanitarios que permitan a mellora continua.

O modelo de xestión que se implanta dá cumprimento aos principios reitores e de actuación do sistema público de saúde de Galicia e, en consecuencia, os seus obxectivos son:
  • a) Centrar a atención no paciente coa implicación de todos os profesionais na toma de decisións mediante o uso da xestión clínica como ferramenta para evolucionar dun sistema xa superado de organización por compartimentos a outro transversal ou horizontal;
  • b) Garantir a equidade, accesibilidade, continuidade, calidade e seguridade da atención, mediante a xestión por procesos, con priorización segundo os criterios de planificación, gravidade, urxencia e frecuencia establecidos.
  • c) Minimizar a variabilidade clínica e eliminar a duplicidade de procedementos diagnósticos e terapéuticos mediante a implantación das recomendacións contidas nas guías e vías de práctica clínica.
  • d) Garantir a transparencia e a autonomía de decisión dos pacientes establecida na lexislación vixente, mediante o desenvolvemento adecuado dos sistemas de información e comunicación.
  • e) Orientar a planificación dos procesos arredor dos problemas de saúde, e especialmente os priorizados polas directrices sanitarias da Consellería de Sanidade segundo a súa repercusión sanitaria na saúde dos doentes.
  • f) Utilizar eficientemente todos os recursos mediante a promoción do traballo en equipo e a implicación dos profesionais na xestión.Utilizar eficientemente todos os recursos mediante a promoción do traballo en equipo e a implicación dos profesionais na xestión.
A Comunidade Autónoma de Galicia dispón de competencias para a organización das súas institucións de autogoberno e en uso desas competencias deriva a creación dos órganos e a determinación das estruturas organizativas.