Resolución do 24 de abril de 2007, da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional, pola que se declaran, con carácter definitivo, os aspirantes admitidos e excluídos para participar no concurso-oposición para o ingreso en determinadas categorías de persoal estatutario do organismo.

 

Por resolución deste Centro Directivo do 12 de marzo de 2007 (Diario Oficial de Galicia nº 56, do 20 de marzo), decláranse con carácter provisorio os admitidos e excluídos para participar no concurso oposición para o ingreso na categoría de celador de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, convocado pola resolución da Secretaría Xeral do Servizo Galego de Saúde do 8 de agosto de 2006 (Diario Oficial de Galicia nº 155, do 14 de agosto).

 

Rematado o prazo previsto para corrixir, se é o caso, o defecto que motivou a súa exclusión, procede agora, de conformidade co disposto no número 4 da base cuarta da convocatoria, ditar resolución en que se publican as listaxes definitivas de aspirantes admitidos e excluídos para estas categorías convocadas sinalando os lugares onde poder ser examinadas.

 

Por todo iso, esta división,

ACORDA:

Primeiro.-Publicar as listaxes definitivas de aspirantes admitidos e excluídos da categoría de celador de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, do proceso selectivo convocado pola Resolución da Secretaría Xeral do Servizo Galego de Saúde do 8 de agosto de 2006 (Diario Oficial de Galicia nº 155, do 14 de agosto).

 

Segundo.-As listaxes coa relación definitiva de aspirantes admitidos e excluídos poderán examinarse nos taboleiros de anuncios dos servizos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, nos dos centros de xestión de atención primaria e especializada do Servizo Galego de Saúde e na páxina web do Sergas (www.sergas.es).

 

Terceiro.-Contra esta resolución se poderá interpoñer recurso potestativo de reposición ante devandito órgano no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou se poderá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde a mesma data, de conformidade co disposto no artigo 8.2º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, en relación co artigo 10.1º do mesmo texto legal.

 

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2007.

 

Antonio José Fernández Paniagua

Director xeral da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional.