Resolución do 9 de maio de 2007, da
División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional, pola que se fai
público o lugar e a data de celebración dos exercicios da fase de oposición do
proceso selectivo para o ingreso en determinadas categorías de persoal
estatutario do organismo.
O número 4 da base sexta da Resolución da Secretaría
Xeral do Servizo Galego de Saúde do 8 de agosto de
2006 (DOG nº 155, do 14 de agosto) e da Resolución da Secretaría Xeral do Servizo
Galego de Saúde do 22 de decembro de 2006 (DOG nº 247, do 27 de decembro) polas
que se convoca concurso-oposición para o ingreso en determinadas categorías de
persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, prevé que os exercicios de
oposición da fase de selección realizaranse nun lugar e á hora anunciada no
Diario Oficial de Galicia, cun mínimo de cinco días naturais de antelación,
polo que, este centro directivo,
RESOLVE:
Primeiro.-Convocar
os aspirantes admitidos con carácter definitivo na fase de oposición do
concurso-oposición para o ingreso nas categorías do grupo técnico da función
administrativa, grupo de xestión da función administrativa, celador e matrona
de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, convocado pola resolución da
Secretaría Xeral do Servizo Galego de Saúde do 8 de agosto de 2006 (DOG nº 155,
do 14 de agosto) e da resolución da Secretaría Xeral do Servizo Galego de Saúde
do 22 de decembro de 2006 (DOG nº 247, do 27 de decembro) para a realización
dos exercicios consonte a seguinte distribución:
Día 2 de xuño de 2007: ás 10.00 horas: grupo técnico da función
administrativa; ás 15.30 horas: grupo de xestión da función administrativa e
matrona.
Día 3 de xuño de 2007: ás 10.00
horas: celador.
Segundo.-Os
exercicios realizaranse no recinto da Feira Internacional de Galicia en Silleda
(Pontevedra).
Os aspirantes terán que ir provistos necesariamente do
documento nacional de identidade ou documento fidedigno acreditativo da súa
identidade e de bolígrafo azul ou negro.
Non se permitirá no recinto onde se realice o
exercicio, o acceso e posesión de teléfonos móbiles, axendas electrónicas e
calquera outro soporte con memoria.
Terceiro.-O
chamamento é único polo que se excluirá deste proceso a quen non compareza por
calquera causa.
De conformidade co establecido no segundo parágrafo do
número 4 da base sexta da convocatoria e no artigo 15 do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, realizaranse os diversos exercicios, na
mesma data, para a mesma categoría en unidade de acto. Así, por acordo do
respectivo tribunal, en atención ás necesidades organizativas
e dado o seu carácter non eliminatorio, executarase en primeiro lugar o
exercicio de coñecemento da lingua galega e a continuación, en unidade de acto,
o exercicio sobre o contido do programa, coas súas dúas partes, agás nas
categorías do grupo técnico da función administrativa e grupo de xestión da
función administrativa que soamente realizarán o primeiro exercicio.
Cuarto.-Esta
resolución poderá ser impugnada polos interesados nos termos previstos no
número 2 da base décima da citada convocatoria.
Santiago de Compostela, 9 de
maio de 2007.
Antonio José
Fernández Paniagua
Director
xeral da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional