Diario Oficial de Galicia

luns, 7 de febreiro de 2011

 

I. DISPOSICIÓNS XERAIS


 

Número do Dog:

25


Páxina do Dog:

2.055


Data da Disposición:

20 de xaneiro de 2011


Sección:

I. DISPOSICIÓNS XERAIS


Organismo:

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Rango:

Decreto


Título:

Decreto 11/2011, do 20 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 42/1998, do 15 de xaneiro, polo que se regula o transporte sanitario.



Decreto 11/2011, do 20 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 42/1998, do 15 de xaneiro, polo que se regula o transporte sanitario.

O transporte sanitario inclúese na carteira de servizos do Sistema Nacional de Saúde e faise efectivo como tal no Real decreto 1030/2006, do 15 de setembro, polo que se establece a carteira de servizos comúns do Sistema Nacional de Saúde e o procedemento para a súa actualización. A dita normativa especifica as condicións de acceso e os requisitos xerais da devandita prestación e estipula que esta se facilitará de acordo coas normas que establezan regulamentariamente as administracións sanitarias competentes.


De igual modo, establece que os vehículos de transporte sanitario por estrada deben cumprir os requisitos sinalados no Real decreto 619/1998, do 17 de abril, polo que se establecen as súas características técnicas, o equipamento sanitario e a dotación de persoal, así como os da normativa da correspondente comunidade autónoma en que teñan a súa base de actuación.


A Xunta de Galicia ten atribuídas, de conformidade co establecido no artigo 33º do Estatuto de autonomía de Galicia, as competencias de desenvolvemento lexislativo e de execución da lexislación básica en materia de sanidade interior e, no uso desas competencias, aprobouse o Decreto 42/1998, do 15 de xaneiro, polo que se regula o transporte sanitario.


Desde a aprobación dese decreto, as prestacións sanitarias do Sistema Público de Saúde de Galicia sufriron modificacións como consecuencia do cambio das condicións sociais da poboación.


De feito, a prestación de transporte sanitario quedou definitivamente establecida na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, como unha garantía para todos os titulares do dereito á protección da saúde e á atención sanitaria.


A experiencia acumulada aconsella establecer unha nova tipoloxía de vehículos que, dentro do marco legal existente, permita dispoñer dos recursos necesarios para atender as necesidades concretas que se presenten.


Por outra parte, a modificación da normativa estatal, a través do Real decreto 295/2004, do 20 de febreiro, polo que se establecen determinadas cualificacións profesionais que se inclúen no Catálogo nacional de cualificacións profesionais, así como os seus correspondentes módulos formativos que se incorporan ao Catálogo modular de formación profesional, no relativo á cualificación profesional do persoal que presta servizo no transporte sanitario, obriga a establecer o marco que se lle debe exixir a esta e sinalar as vías de obtención da cualificación específica.


Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, por iniciativa conxunta da conselleira de Sanidade e dos conselleiros de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e de Economía e Industria, de conformidade co Consello Consultivo de Galicia e segundo o disposto no artigo 37º.1 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte de xaneiro de dous mil once,


DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifícase o artigo 2º do Decreto 42/1998, do 15 de xaneiro, polo que se regula o transporte sanitario, que queda redactado como segue:


«Para os efectos deste decreto, terá a consideración de transporte sanitario o transporte especial de persoas accidentadas ou enfermas cando concorra unha situación de urxencia que implique risco vital ou dano irreparable para a saúde da xente afectada, ou cando exista unha imposibilidade física ou outras causas clínicas que impidan ou incapaciten para a utilización de transporte ordinario para desprazarse a un centro sanitario ou ao seu domicilio logo de recibir atención sanitaria, en vehículos especialmente acondicionados para o efecto e debidamente autorizados.


O transporte deberá ser accesible ás persoas con discapacidade».

Artigo 2º

Modifícase o artigo 4º do Decreto 42/1998, do 15 de xaneiro, polo que se regula o transporte sanitario, que queda redactado como segue:


«En consonancia co establecido na lexislación vixente, o transporte sanitario realizarase exclusivamente en vehículos autorizados que se axusten aos seguintes tipos:


a) Ambulancias asistenciais: vehículos acondicionados para permitir asistencia técnico-sanitaria en ruta. Nesta categoría consideraranse incluídos os seguintes tipos:


1. Ambulancias asistenciais de soporte vital básico (SVB). Son vehículos dotados de material de soporte vital básico, acondicionados para levar material de soporte vital avanzado cando sexa preciso e con deseño específico para asistencia en ruta.


2. Ambulancias medicalizadas. Son vehículos dotados de material de soporte vital avanzado (SVA) e con deseño específico para asistencia en ruta, de acordo coas características que se sinalan no anexo II a.2.1, a.2.2 e a.2.3.1 deste decreto.


3. Ambulancias sanitarizadas. Son vehículos dotados de material de soporte vital avanzado (SVA) e con deseño específico para asistencia en ruta, de acordo coas características que se sinalan no anexo II a.2.1, a.2.2 e a.2.3.2 deste decreto.


b) Ambulancias non asistenciais:

1. Ambulancias convencionais. Destinaranse ao desprazamento de pacientes en padiola, cun equipamento mínimo para prestar primeiros auxilios e sen dispor de acondicionamento nin dotación para a asistencia específica en ruta.


2. Vehículos de servizos sanitarios. Son vehículos que se destinan ao traslado, con urxencia ou non, de persoal ou material sanitario e que están acondicionados para funcións sanitarias.


3. Ambulancias todoterreo 4×4. Son vehículos dotados para o desprazamento de pacientes en padiola, con equipamento mínimo para poder prestar soporte vital básico e que posibilitan o transporte sanitario en zonas de difícil acceso, ben por dificultades do terreo ou ben por condicións meteorolóxicas adversas.


c) Vehículos de transporte sanitario colectivo. Son vehículos especialmente acondicionados para o traslado colectivo de pacientes cando non revista carácter de urxencia e a situación clínica o permita, por non supoñer un risco para a saúde do paciente ou dun terceiro».


Artigo 3º

Modifícase o artigo 11º do Decreto 42/1998, do 15 de xaneiro, que queda redactado da forma seguinte:


«1. Considerarase prestación de transporte sanitario, de conformidade co establecido na Lei de saúde de Galicia, o transporte de persoas enfermas ou accidentadas, cando concorran algunha das circunstancias seguintes:


a) Unha situación de urxencia que implique risco vital ou dano irreparable para a saúde da xente afectada.


b) A imposibilidade física do paciente ou outras causas clínicas que impidan ou que o incapaciten para a utilización de transporte ordinario para desprazarse a un centro sanitario ou ao seu domicilio, logo de recibir a atención sanitaria correspondente.


2. A prescrición corresponderalle ao facultativo que preste asistencia e/ou á inspección de servizos sanitarios e a súa prestación seguirá o procedemento regulado pola Administración sanitaria».


Artigo 4º

Modifícase a disposición adicional primeira do Decreto 42/1998, que queda redactada da seguinte forma:


«Os vehículos autorizados para a realización de transporte sanitario de calquera clase non poderán continuar dedicándose a esa función, unha vez que transcorran oito anos contados desde a súa primeira matriculación».


Artigo 5º

Engádese a disposición adicional terceira ao Decreto 42/1998, que queda redactada da seguinte forma:


1. Os condutores e axudantes que operen tanto en ambulancias asistenciais como non asistenciais deberán adquirir, nun prazo non superior a 10 anos, contados desde a entrada en vigor do Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, a cualificación profesional de transporte sanitario, aprobada polo Real decreto 295/2004, do 20 de febreiro.


Esta cualificación profesional poderá adquirirse mediante unha das seguintes vías:


a) Certificación de profesionalidade da formación profesional para o emprego asociado á cualificación profesional de transporte sanitario -SAN025-2- e do Catálogo nacional de cualificacións profesionais.


b) Título de grao medio de formación profesional específica, segundo o Real decreto 1397/2007, do 29 de outubro, polo que se establece o título de técnico en emerxencias sanitarias.


c) Mediante a acreditación das unidades de competencia da cualificación profesional de transporte sanitario, obtidas mediante o procedemento que desenvolve o Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral.


Non obstante, o persoal que na data de entrada en vigor deste decreto veña prestando os seus servizos, que teña superado o período de proba e contrato fixo de traballo, nas empresas ou institucións titulares de autorizacións de transporte sanitario, poderá seguir prestando os seus servizos nestas, sempre e cando cumpran co establecido na normativa de ámbito nacional nese suposto.




2. Durante o período transitorio para a obtención da acreditación establecida por este decreto, o persoal deberá cumprir os requisitos de formación establecidos no Real decreto 619/1998 e no Decreto 42/1998.


Os condutores e axudantes que operen en ambulancias asistenciais xestionadas pola Fundación Urxencias Sanitarias de Galicia-061 deberán contar, ademais, coa formación relacionada coas súas competencias profesionais que en cada momento se lle exixa a esta.


Artigo 6º

Modifícase o anexo IA co encabezado «Características técnico-sanitarias dos equipamentos comúns a todos os vehículos definidos nesta norma», que pasa a ser anexo I, coa seguinte redacción:


«Condicións xerais aplicables a todos os vehículos que realicen transporte sanitario».


A empresa ou entidade responsable debe garantir e demostrar en todo momento que o material sanitario se atopa en condicións de uso, especialmente que o material funxible non exceda a data de caducidade, e que se realice a limpeza, desinfeccións periódicas e esterilización, cando proceda, do habitáculo e do equipamento.


1. Persoal.

O persoal que preste servizo en vehículos ambulancia deberá contar coas acreditacións establecidas na disposición adicional terceira deste decreto.


O persoal que preste servizo no transporte sanitario deberá dispor de uniforme adecuado. No uniforme deberá constar a razón social da empresa. O persoal deberá identificarse co seu nome e a categoría profesional.


2. Documentación.

2.1. Ademais dos documentos preceptivos establecidos no código de circulación, deberán contar con:


a) Libro de rexistro de inspeccións para a certificación técnico-sanitaria.

b) Libro de reclamacións á disposición dos usuarios, en que poderán facerse todas as observacións que consideren oportunas en relación co servizo. Os libros deberán estar encadernados, foliados e dilixenciados pola entidade designada pola Consellería de Sanidade.


c) Libros de rexistro das revisións do material sanitario.

d) Rexistro de desinfeccións do habitáculo e do equipamento.

2.2. A empresa está obrigada a levar un rexistro de solicitudes e prestacións da actividade diaria da totalidade dos vehículos desta, que estará á disposición da Administración cando sexa requirido. No rexistro deberán constar os seguintes datos: data, nome e apelidos do usuario, matrícula do vehículo que realiza o traslado e orixe e destino do traslado.


Artigo 7º

Modifícase o anexo 1B, co encabezado «Características técnico-sanitarias comúns a todos os vehículos definidos nesta norma, salvo as aplicables aos concertados por Urxencias Sanitarias-061», que pasa a ser anexo II, co encabezado e redacción seguintes:


«Características técnico-sanitarias comúns a todos os vehículos.»

1. Identificación exterior e sinalización.

Todos os vehículos de nova matriculación deberán dispor de carrozaría de cor EuroYellow RAL 1016.


Deberán dispor ademais de:

-Banda de cor azul identificativa da comunidade autónoma no terzo inferior, que abrangue todo o perímetro do vehículo. Entre esta banda e os dous terzos superiores cor Euro-Yelow RAL 1016 inserirase unha banda reflectora de cor azul escura. A parte superior do vehículo disporá doutra banda reflectora de cor azul escura.


-Inscrición da palabra «Ambulancia» lexible por reflexión na parte frontal e, na parte posterior e nos laterais, coas letras de cor azul escura reflectoras. Os vehículos de servizos sanitarios levarán as palabras «Asistencia sanitaria». O tamaño das letras será, polo menos, 2/3 do tamaño da banda reflectora azul.


-Inscrición da razón social da entidade (nome, enderezo e teléfono), exclusivamente na parte inferior das portas dianteiras, xusto debaixo da banda de cor azul. O tamaño das letras non será superior a 1/3 do tamaño das letras do rótulo «Ambulancia».


-Sinalización óptica de preferencia de paso e acústica específica, que se axustarán ao disposto na normativa vixente.


Os vehículos concertados pola Fundación Pública de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 serán rotulados de conformidade coas características que determine a xerencia desta, en cumprimento dos acordos de identidade corporativa adoptados polo padroado da fundación.


2. Características técnico-sanitarias dos distintos tipos de ambulancias.

a) Ambulancias asistenciais.

a.1. Ambulancias asistenciais de soporte vital básico.

a.1.1. Características do vehículo:

a.1.1.1. Xerais.

-Vehículo tipo furgón, categoría M e homologado segundo a normativa vixente.

-Faros antinéboa anteriores e posteriores.

-Porta lateral corrediza e acristalada, situada no lado dereito e con chanzo de acceso. O chanzo deberá ser practicable.


-A porta traseira será acristalada e con apertura de 180 graos. Deberá dispor de chanzo de acceso. Todas as portas disporán dun sistema de apertura e peche desde o exterior e o interior, con piloto indicador de portas abertas no taboleiro de condución.


-Os cristais do habitáculo sanitario deberán levar lámina translúcida homologada para protexer a intimidade dos usuarios.


-Os vehículos de nova matriculación deberán levar unha porta corrediza no costado esquerdo para a colocación de botellas de oxíxeno.


-Indicadores intermitentes de parada.

-Iluminación auxiliar halóxena de longo alcance, extensible e extraíble.

a.1.1.2. Sinalización acústica.

-Un zoador de seguridade, consistente nun ton alternante (ton-non-ton), con accionamento automático ao colocar a marcha atrás.


-O habitáculo debe estar totalmente illado acusticamente.

-Sirena electrónica de 100 w e tres tons, que incluirá o tipo ecolóxico (modelo francés), con control de volume para o día e a noite, con dispositivo que impida a súa utilización independente da sinalización óptica. Estará colocada no frontal do vehículo. No seu uso respectaranse os decibelios recomendados pola Dirección Xeral de Tráfico e a Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública da Consellería de Sanidade.


-Mando de control de megafonía e da sirena electrónica que deberán estar situados no cadro de instrumentos do vehículo, ao alcance e manexo directo do condutor.


-Altofalante exterior situado no teito do vehículo.

a.1.1.3. Sinalización óptica.

-Na zona frontal, debe dispor dunha ponte de sinalización de emerxencia con luz e rotativos halóxenos ou sistema de iluminación por leds no teito e focos oscilantes sobre o capó ou integrados na grella frontal do vehículo.


-Na zona posterior, debe dispor de ponte de sinalización de dirección sobre o teito ou integrado neste. Un foco que estará integrado na mesma ponte ou no interior das portas do vehículo, de luz branca, que permita a iluminación da parte posterior da ambulancia.


-Nos laterais deberá dispor de focos intermitentes na parte central e traseira, con buscabeiravías de accionamento independente situados na carrozaría sobre as portas da cabina de condución e focos halóxenos escintilantes nas aletas dianteiras.


Todas estas características serán conformes coa lexislación vixente.

a.1.1.4. Instalación de oxíxeno.

-Instalación fixa de achega de oxíxeno que cumpra coa normativa vixente para este tipo de instalacións.


a.1.1.5. Instalación eléctrica.

-A instalación eléctrica do vehículo e da cabina asistencial serán totalmente distintas e independentes. A do vehículo alimentará todos os equipos eléctricos non asistencias. A da cabina sanitaria alimentará todos os equipos asistenciais.


-Os vehículos disporán dunha fonte de enerxía auxiliar, con saídas de 12 V CC e 220 V CA.


-Disporá das seguintes tomas de corrente: 3 para 12 V CC e 3 para 220 V CA.

-Disporán ademais dunha toma exterior de 220 V CA.

-Sistema autónomo de subministración de enerxía eléctrica á cabina asistencial consistente en equipamento electróxeno ou sistema alternativo de baterías.


A instalación eléctrica será conforme co establecido no Regulamento electrotécnico de baixa tensión e as súas instrucións complementarias.


a.1.2. Condicións de habitabilidade.

Habitáculo do condutor con capacidade para acompañante. Terá comunicación coa cabina sanitaria mediante portelo ou interfono.


a.1.2.1. Cabina sanitaria.

-Disporá das seguintes medidas mínimas útiles:

Longo: 250 centímetros.

Largo: 150 centímetros.

Alto: 180 centímetros de altura libre entre o chan e o teito.

-Disporá de sistemas de aire acondicionado, calefacción independente, ventilación e iluminación independentes da cabina do condutor e axustables desde a propia cabina, así como extractor/ventilador eléctrico no teito que permita a renovación do aire. Igualmente, deberá dispor de medidas de illamento térmico e acústico aplicadas á carrozaría.




-Os revestimentos interiores serán lisos. Chan en que non se escorregue. Todos eles serán impermeables, lavables e resistentes aos axentes desinfectantes habituais.


-Cristais translúcidos fixos.

-Carrís para soporte, fixación e corremento da padiola con rodas ou patíns, cun sistema de seguridade que impida a saída fortuíta do carril.


-Asentos de encartar, con cinto de seguridade con tres puntos de ancoraxe, un deles rotatorio e situado á altura da cabeceira da padiola.


-Superficie ou taboleiros de traballo.

-Armarios e caixóns suficientes para material sanitario, cun sistema de encravamento seguro.


Dispensador de xabón e toallas desbotables.

Caldeiro, ou bolsas de residuos, fixo e con sistemas de tapa ou peche.

a.1.2.2. Equipamento.

-Sistema de telecomunicación eficaz en toda a área de actividade.

-Sinais reflectores triangulares de perigo.

-Extintor de lume adecuado, tipo portátil de categoría II.

-Ferramentas para a atención e o mantemento do vehículo, segundo a normativa vixente.


-Kit de rescate básico, que conterá como mínimo un cortacintos, panca tipo «pata de cabra» e lanterna portátil.


a.2. Equipamento sanitario.

Os vehículos deberán dispor do seguinte equipamento:

-Padiola de dimensións adecuadas para un adulto, con dobre cinto de seguridade, situada no sentido da marcha e colocada de forma que quede espazo libre na cabeceira.


-Portapadiolas que permita o desprazamento lateral. Deberá garantir unha altura de traballo da superficie da padiola, excluíndo o colchón, entre 400 mm (mínimo) e 650 mm (máximo).


-O sistema de suxeición da padiola ao carro ou bancada terá que estar deseñado para ofrecer a máxima seguridade en caso de colisión ou envorcadura do vehículo, cun mínimo de tres puntos de ancoraxe.


-Sistema de ancoraxe para berce ou incubadora.

-Cadeira de rodas de encartar.

-Mantas, sabas e almofadas.

-Plástico para padiola.

-Cuña de material plástico e botella irrompible.

-Colares cervicais de diferentes tamaños, incluídos os pediátricos.

-Colchón de baleiro.

-Dispositivo que permita colgar envases de soro.

-Sistema de aspiración de secrecións, coas correspondentes sondas.

-Instalación fixa de polo menos tres tomas rápidas, nos laterais, rotuladas coa palabra «Oxíxeno» ou o seu símbolo «O2», con capacidade mínima de 3.000 litros subministrada polo menos por dúas balas.


-Dous caudalímetros con humidificador (15 litros/minuto). O mantemento dos humidificadores seguirá os criterios establecidos no Real decreto 865/2003, do 4 de xullo.


-Máscaras de oxíxeno para uso adulto e pediátrico con conexións.

-Balón resucitador manual con entrada de oxíxeno e bolsa reservorio de tamaños adulto e pediátrico.


-Cánulas orofarínxeas de tamaño adulto e pediátrico.

-Dispositivo de aspiración de secrecións.

-Desfibrilador semiautomático.

-Táboa para resucitación cardiopulmonar.

-Fonendoscopio, esfigmomanómetro, termómetro e lanterna de exploración.

-Caixa de primeiros auxilios de socorrismo e primeiros auxilios, incluído material de curas básico.


-Padiola de pas.

-Xogo de férulas de inmobilización de extremidades.

-Sistema de retención pediátrico con arnés de fixación de tres puntos de ancoraxe.


-Tesoiras para cortar roupa.

-Luvas estériles e desbotables non estériles.

-Materiais de curas (vendas, algodón, esparadrapo de tea e de papel, compresas, gasas estériles e non estériles).


-Material de farmacia: deberá dispor da medicación mínima establecida pola normativa vixente, que debe seguir as condicións de rexistro, uso e mantemento establecidos nesta.


a.1.3. Persoal requirido.

-Un condutor e un axudante, coa titulación de técnicos en emerxencias sanitarias, ou coa acreditación ou os requisitos mínimos de formación e experiencia profesional establecidos por este decreto na disposición adicional terceira.


-Polo menos, un membro da dotación deberá contar coa formación exixida no Decreto 99/2005, do 21 de abril, polo que se regula a formación e o uso dos desfibriladores externos por persoal non médico.


-O condutor deberá posuír o carné de conducir previsto pola normativa vixente para este tipo de vehículos.


a.2. Ambulancias medicalizadas e ambulancias sanitarizadas.

a.2.1. Características do vehículo.

a.2.1.1. Xerais.

-Vehículo tipo furgón, categoría M e homologado segundo a normativa vixente.

-Faros antinéboa anteriores e posteriores.

-Porta lateral corrediza e acristalada, situada no lado dereito e con chanzo de acceso. O chanzo deberá ser practicable.


-A porta traseira será acristalada e con apertura de 180 graos. Deberá dispor de chanzo de acceso. Todas as portas disporán dun sistema de apertura e peche desde o exterior e o interior, con piloto indicador de portas abertas no taboleiro de condución.


-Os cristais do habitáculo sanitario deberán levar lámina translúcida homologada para protexer a intimidade dos usuarios.


-Os vehículos de nova matriculación deberán levar porta corrediza no costado esquerdo para a colocación de botellas de oxíxeno.


-Indicadores intermitentes de parada.

-Iluminación auxiliar halóxena de longo alcance, extensible e extraíble.

a.2.1.2. Sinalización acústica.

-Un zoador de seguridade consistente nun ton alternante (ton-non-ton), con accionamento automático ao colocar a marcha atrás.


-O habitáculo debe estar totalmente illado acusticamente.

-Sirena electrónica de 100 w e tres tons que incluirá o tipo ecolóxico (modelo francés), con control de volume para día e noite, con dispositivo que impida a súa utilización independente da sinalización óptica. Estará colocada no frontal do vehículo. No seu uso respectaranse os decibelios recomendados pola Dirección Xeral de Tráfico e a Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública da Consellería de Sanidade.


-Mando de control de megafonía e da sirena electrónica que deberán estar situados no cadro de instrumentos do vehículo ao alcance e manexo directo do condutor.


-Altofalante exterior situado no teito do vehículo.

a.2.1.3. Sinalización óptica.

-Na zona frontal debe dispor dunha ponte de sinalización de emerxencia con luz e rotativos halóxenos ou sistema de iluminación por leds no teito e focos oscilantes sobre o capó ou integrados na grella frontal do vehículo.


-Na zona posterior debe dispor de ponte de sinalización de dirección sobre o teito ou integrado neste. Un foco que estará integrado na mesma ponte ou no interior das portas do vehículo, de luz branca, que permita a iluminación da parte posterior da ambulancia.


-Nos laterais deberá dispor de focos intermitentes na parte central e traseira, con buscabeiravías situados na carrozaría sobre as portas da cabina de condución e focos halóxenos escintilantes nas aletas dianteiras.


Todas estas características serán conformes coa lexislación vixente.

a.2.1.4. Instalación de oxíxeno.

-Instalación fixa de achega de oxíxeno que cumpra coa normativa vixente para este tipo de instalacións.


a.2.1.5. Instalación eléctrica.

-A instalación eléctrica do vehículo e da cabina asistencial serán totalmente distintas e independentes. A do vehículo alimentará todos os equipos eléctricos non asistencias. A da cabina sanitaria alimentará todos os equipos asistenciais.


-Os vehículos disporán dunha fonte de enerxía auxiliar, con saídas de 12 V CC e 220 V CA.


-Unha vez efectuada a conexión de todos os aparellos de uso habitual no vehículo, deberán quedar libres, polo menos, dúas conexións de 12 V e dúas de 220 V.


-Disporán ademais dunha toma exterior de 220 V CA.

-Sistema autónomo de subministración de enerxía eléctrica á cabina asistencial consistente en equipamento electróxeno ou sistema alternativo de baterías.


A instalación eléctrica será conforme co establecido no Regulamento electrotécnico de baixa tensión e as súas instrucións complementarias.


a.2.1.6. Condicións de habitabilidade.

Habitáculo do condutor con capacidade para acompañante. Terá comunicación coa cabina sanitaria mediante portelo ou interfono.


a.2.1.6.1. Cabina sanitaria.

-Disporá das seguinte medidas mínima útiles:

Longo: 325 centímetros.

Largo: 150 centímetros.

Alto: 180 centímetros de altura libre entre o chan e o teito.

-Disporá de sistemas de aire acondicionado, calefacción, ventilación e iluminación, todos eles independentes da cabina do condutor e axustables desde a propia cabina, así como extractor/ventilador eléctrico no teito que permita a renovación do aire. Igualmente, deberá dispor de medidas de illamento térmico e acústico aplicadas á carrozaría.


-Os revestimentos interiores serán lisos. Chan en que non se escorregue. Todos eles serán impermeables, lavables e resistentes aos axentes desinfectantes habituais.


-Carrís para soporte, fixación e movemento da padiola con rodas ou patíns, cun sistema de seguridade que impida a saída fortuíta do carril.


-Asentos de encartar, con cinto de seguridade con tres puntos de ancoraxe, un deles rotatorio e situado á altura da cabeceira da padiola.


-Superficie ou taboleiros de traballo.

-Dispensador de xabón e toallas desbotables.

-Caldeiro de residuos fixo con tapa automática e bolsas de plástico.

-Sistema de telecomunicación eficaz en toda a área de actividade.

-Sinais reflectores triangulares de perigo.

-Extintor de lume adecuado, tipo portátil de categoría II.

-Ferramentas para a atención e o mantemento do vehículo, segundo a normativa vixente.


-Kit de rescate básico, que conterá como mínimo un cortacintos, panca tipo «pata de cabra» e lanterna portátil.


a.2.2. Equipamento sanitario.

a.2.2.1. Xeral.

Os vehículos deberán dispor do seguinte equipamento:

-Padiola de dimensións adecuadas para un adulto, con dobre cinto de seguridade, situada no sentido da marcha e colocada de forma que quede espazo libre na cabeceira.


-Portapadiolas que permita o desprazamento lateral e posicións de Trendelemburg e Anti-Trendelemburg de 30 graos mínimo. Deberá garantir unha altura de traballo da superficie da padiola (excluíndo o colchón) entre 400 mm (mínimo) e 650 mm (máximo).


-O sistema de suxeición da padiola ao carro ou bancada terá que estar deseñado para ofrecer a máxima seguridade en caso de colisión ou envorcadura do vehículo, cun mínimo de tres puntos de ancoraxe.


-Sistema de retención pediátrico con arnés de fixación de tres puntos de ancoraxe.


-Sistema de ancoraxe para berce ou incubadora.

-Cadeira de rodas de encartar.

-Mantas, sabas e almofadas.

-Plástico para padiola.

-Cuña de material plástico e botella irrompible.

-Colares cervicais de diferentes tamaños, incluíndo os pediátricos.

-Xogo de férulas de inmobilización de extremidades.

-Colchón de baleiro.

-Padiola de pas.

-Dispositivo que permita colgar envases de soro.

-Recipiente frigorífico ou isotermo con capacidade suficiente.

a.2.2.2. Sistema circulatorio.

-Monitor cardíaco e desfibrilador portátil con paletas que sirvan como eléctrodos para ECG e para desfibrilar. Rexistrador de eléctrodos de doce derivacións.


-Maletín para resucitación cardiopulmonar.

-Táboa para resucitación cardiopulmonar.

-Fonendoscopio e esfigmomanómetro fixo.

a.2.2.3. Sistema respiratorio.

-Ventilador artificial para respiración asistida e controlada con posibilidades de regulación da presión inspiratoria máxima, frecuencia respiratoria e volume minuto.


-Aspirador eléctrico fixo ou portátil que alcance polo menos 300 mm Hg e fluxo de aire libre de 20 l/m mínimo.


-Equipamento de intubación.

-Instalación fixa de polo menos tres tomas rápidas, nos laterais, rotuladas coa palabra «Oxíxeno» ou o seu símbolo «O2», con capacidade mínima de 3.000 litros subministrada, polo menos, por dúas balas.


-Dous caudalímetros con humidificador (15 litros/minuto). O mantemento dos humidificadores seguirá os criterios establecidos no Real decreto 865/2003, do 4 de xullo.


-Bala de oxíxeno portátil de 300 litros mínimo.

-Máscaras de oxíxeno para uso adulto e pediátrico con conexións.

-Balón resucitador manual con entrada de oxíxeno e bolsa reservorio de tamaños adulto e pediátrico.


-Equipo de drenaxe pleural.

-Cánulas orofarínxeas tamaño adulto e pediátrico.

a.2.2.4. Outro equipamento.

-Xiringas e agullas estériles e desbotables.

-Tesoiras para cortar roupa.

-Luvas estériles e desbotables non estériles.

-Materiais de curas (vendas, algodón, esparadrapo de tea e de papel, compresas, gasas estériles e non estériles).


-Caixa de material estéril para pequena cirurxía.

-Sondas nasogástricas e de Foley.

-Bolsas de diurese.

-Termómetros clínicos.

-Lanternas de exploración.

-Martelo de reflexos.

-Lubricante hidrosoluble.

-Máquinas de rasurar.

-Material de farmacia: deberá dispor da medicación mínima establecida pola normativa vixente, que debe seguir as condicións de rexistro, uso e mantemento establecidos nesta.


a.2.3. Persoal.

a.2.3.1. Ambulancias medicalizadas.

-Médico e DUE, con capacidade demostrable en transporte asistido, técnicas de reanimación e de soporte vital avanzado, así como experiencia profesional en áreas relacionadas coa atención e o manexo de pacientes con patoloxías urxentes.


-Un condutor, como mínimo, con titulación de técnico en emerxencias sanitarias ou coa acreditación ou os requisitos mínimos de formación e experiencia profesional establecidos na normativa vixente. Este técnico deberá dispor do carné de conducir establecido pola normativa vixente para este tipo de vehículos.


a.2.3.2. Ambulancias sanitarizadas.

-Diplomado universitario en enfermaría con capacidade demostrable en transporte asistido, técnicas de reanimación e técnicas de soporte vital avanzado, así como experiencia profesional en áreas relacionadas coa atención e o manexo de pacientes con patoloxías urxentes.


-Un condutor, como mínimo, con titulación de técnico en emerxencias sanitarias ou coa acreditación ou os requisitos mínimos de formación e experiencia profesional establecidos na normativa vixente. Este técnico deberá dispor do carné de conducir establecido pola normativa vixente para este tipo de vehículos.


b) Ambulancias non asistenciais.

b.1. Ambulancias convencionais.

b.1.1. Características do vehículo.

b.1.1.1. Xerais.

-Vehículo tipo furgón, categoría M e homologado segundo a normativa vixente.

-Faros antinéboa anteriores e posteriores.

-Porta lateral corrediza e acristalada, situada no lado dereito e con chanzo de acceso. O chanzo deberá ser practicable. Porta traseira con apertura de polo menos 90º.


Todas as portas disporán dun sistema de apertura e peche desde o exterior e o interior, con piloto indicador de portas abertas no taboleiro de condución.


-Os cristais do habitáculo sanitario deberán levar lámina translucida homologada para protexer a intimidade dos usuarios.


-Indicadores intermitentes de parada.

As características serán conformes coa normativa vixente.

-Medidas interiores útiles mínimas:

Longo: 210 centímetros.

Largo: 140 centímetros ao nivel do asento do acompañante.

Alto: 130 centímetros de altura libre interna entre o chan e o teito.

-O habitáculo do condutor con capacidade para acompañante separado por unha mampara cerrada do habitáculo sanitario, terá comunicación coa cabina sanitaria mediante un portelo ou interfono.


b.1.1.2. Cabina sanitaria.

-Disporá de mobiliario no lateral esquerdo con distintos compartimentos e soportes para a localización de material sanitario e outros.


-Disporá de sistemas de aire acondicionado, calefacción independente, ventilación e iluminación independentes da cabina do condutor e axustables desde a propia cabina, así como extractor/ventilador eléctrico no teito que permita a renovación do aire. Igualmente, deberá dispor de medidas de illamento térmico e acústico aplicadas á carrozaría.


-Os revestimentos interiores serán lisos. Chan en que non se esvare. Todos eles serán impermeables, lavables e resistentes aos axentes desinfectantes habituais.




-Carrís para soporte, fixación e movemento da padiola con rodas ou patíns, cun sistema de seguridade que impida a saída fortuíta do carril. As padiolas terán un sistema de fixación ao carro ou bancada de tres puntos de ancoraxe como mínimo.


-Asento de acompañante con cinto de seguridade situado xunto á padiola, homologado segundo a normativa vixente, individual, con respaldo reclinable con dous apoiabrazos e tapizado lavable e resistente aos desinfectantes habituais. Ao lado de cada asento, deberase situar unha barra asa ao alcance do usuario durante a marcha do vehículo.


-Porta lateral corrediza e acristalada, situada no lado dereito e con chanzo de acceso. O chanzo deberá ser retráctil con apertura e peche automático, ao mesmo tempo que a porta e con avisador do seu estado na cabina de condución.


-Sistema de comunicación eficaz en toda a área de actividade.

-Sinais reflectores triangulares de perigo.

-Extintor de lume adecuado, tipo portátil de categoría II.

-Ferramentas para a atención e o mantemento do vehículo, segundo a normativa vixente.


-Deberá dispor, como mínimo, de dúas conexións eléctricas de 12 V CC na cabina sanitaria que deberán cumprir o Regulamento electrotécnico de baixa tensión e as súas instrucións complementarias.


-Kit de rescate básico, que conterá como mínimo un cortacintos, panca tipo «pata de cabra» e lanterna portátil.


b.1.2. Equipamento sanitario.

Os vehículos deberán dispor do seguinte equipamento:

-Padiola de dimensións adecuadas para un adulto, con dobre cinto de seguridade, situada no sentido da marcha.


-Portapadiolas que permita a fixación segura da padiola.

-O sistema de suxeición da padiola ao carro ou bancada terá que estar deseñado para ofrecer a máxima seguridade en caso de colisión ou envorcadura do vehículo, cun mínimo de tres puntos de ancoraxe.


-Mantas, sabas e almofadas.

-Plástico para padiola.

-Cuña de material plástico e botella irrompible.

-Colares cervicais de diferentes tamaños.

-Dispositivo que permita colgar envases de soro.

-Instalación fixa de tres tomas rápidas, como mínimo, nos laterais, rotuladas coa palabra «Oxíxeno» ou o símbolo «O2», con capacidade mínima de 1.500 litros subministrada polo menos por dúas balas.


-Dous caudalímetros con humidificador (15 litros/minuto). O mantemento dos humidificadores seguirá os criterios establecidos no Real decreto 865/2003, do 4 de xullo.


-Máscaras de oxíxeno para uso adulto e pediátrico con conexións.

-Balón resucitador manual con entrada de oxíxeno e bolsa reservorio de tamaños adulto e pediátrico.


-Botica de primeiros auxilios que inclúa material de curas básico.

-Cánulas orofarínxeas de tamaño adulto e pediátrico.

-Dispositivo de aspiración de secrecións.

-Fonendoscopio, esfigmomanómetro, termómetro e lanterna de exploración.

-Cubo ou bolsa de residuos fixo.

-Toallas desbotables.

-Férulas de inmobilización de extremidades.

-Cadeira de traslado.

b.1.3. Persoal requirido.

-Un condutor, como mínimo, con titulación de técnico en emerxencias sanitarias ou coa acreditación ou os requisitos mínimos de formación e experiencia profesional establecidos na normativa vixente. Este técnico deberá dispor do carné de conducir establecido pola normativa vixente para este tipo de vehículos.


-Un axudante cando o tipo de servizo o requira.

b.2) Vehículo de servizos sanitarios.

b.2.1. Características do vehículo.

b.2.1.1. Xerais.

-Vehículo, como mínimo de tipo break, de categoría M, tipo mixto para transporte de persoas e carga, homologado segundo a normativa vixente.


As características de conformidade co establecido na normativa vixente.

-O compartimento posterior, de carga, deberá estar separado do habitáculo de pasaxeiros, que será destinado ao transporte de material sanitario. Este compartimento deberá reunir as características seguintes:


Os revestimentos interiores serán lisos. Chan no cal non se escorregue. Todos eles serán impermeables, lavables e resistentes aos axentes desinfectantes habituais.


Sistema de comunicación eficaz en toda a súa área de actividade.

Sinais reflectores triangulares de perigo.

Extintor de lume adecuado, tipo portátil de categoría II.

Ferramentas para a atención e mantemento do vehículo, segundo a normativa vixente.


Lanterna portátil.

b.2.1.2. Equipamento sanitario.

-Balón resucitador manual con entrada de oxíxeno e bolsa reservorio de tamaños adulto e pediátrico.


-Bala de oxíxeno de 300 litros.

-Máscaras de oxíxeno para uso adulto e pediátrico con conexións.

-Caixa de primeiros auxilios que inclúa material de curas básico.

b.2.1.3. Persoal requirido.

-Un condutor, como mínimo, con titulación de técnico en emerxencias sanitarias ou coa acreditación ou os requisitos mínimos de formación e experiencia profesional establecidos na normativa vixente. Este técnico deberá dispor do carné de conducir establecido pola normativa vixente para este tipo de vehículos.


b.3) Ambulancias todoterreo 4×4.

b.3.1. Características do vehículo.

-O vehículo terá a tipoloxía correspondente a este tipo de vehículos. Homologación segundo a normativa vixente.


-Terá faros antinéboa anteriores e posteriores.

-Os cristais do habitáculo sanitario deberán levar lámina translúcida homologada para protexer a intimidade dos usuarios.


-Indicadores intermitentes de parada.

As características serán conformes coa normativa vixente.

-Medidas interiores útiles mínimas: serán as indispensables para aloxar unha padiola de dimensións adecuadas para un adulto.


-Disporá de sistemas de aire acondicionado, calefacción independente, ventilación e iluminación independentes da cabina do condutor e axustables desde a propia cabina, así como extractor/ventilador eléctrico no teito que permita a renovación do aire. Igualmente, deberá dispor de medidas de illamento térmico e acústico aplicadas á carrozaría.


-Sistema de telecomunicación eficaz en toda a súa área de actividade.

-Sinais reflectores triangulares de perigo.

-Extintor de lume adecuado portátil e de categoría II.

-Ferramentas para a atención e o mantemento do vehículo, segundo a normativa vixente.


-Dúas conexións eléctricas de 12 V CC, como mínimo, na cabina sanitaria, que deberán cumprir o regulamento electrotécnico de baixa tensión e as súas instrucións complementarias.


-Kit de rescate básico, que conterá como mínimo un cortacintos, panca tipo «pata de cabra» e lanterna portátil.


b.3.2. Equipamento sanitario.

Os vehículos deberán dispor do seguinte equipamento:

-Padiola de dimensións adecuadas para un adulto, con dobre cinto de seguridade, situada no sentido da marcha.


-Portapadiolas que permita a fixación segura da padiola.

-O sistema de suxeición da padiola ao carro ou bancada terá que estar deseñado para ofrecer a máxima seguridade en caso de colisión ou envorcadura do vehículo, cun mínimo de tres puntos de ancoraxe.


-Mantas, sabas e almofadas.

-Plástico para padiola.

-Colares cervicais de diferentes tamaños, incluíndo os pediátricos.

-Dispositivo que permita colgar envases de soro.

-Bala de oxíxeno con manómetro, caudalímetro e humidificador fixo ou portátil.

-Máscaras de oxíxeno para uso adulto e pediátrico con conexións.

-Balón resucitador manual con entrada de oxíxeno e bolsa reservorio de tamaños adulto e pediátrico.


-Caixa de primeiros auxilios de socorrismo e primeiros auxilios, incluíndo material de curas básico.


-Cánulas orofarínxeas de tamaño adulto e pediátrico.

-Colchón de baleiro.

-Padiola de pas.

-Toallas dun só uso.

-Xogo de férulas de inmobilización de extremidades.

b.3.3. Persoal requirido.

-Un condutor, como mínimo, e un axudante cando o tipo de servizo o requira, coa acreditación ou os requisitos mínimos de formación e experiencia profesional establecidos por este decreto na disposición adicional.


-O condutor deberá posuír o carné de conducir previsto pola normativa vixente para este tipo de vehículos.




c) Vehículos de transporte sanitario colectivo.

c.1. Características do vehículo.

c.1.1. Xerais.

-Vehículo tipo furgón, categoría M e homologado segundo a normativa vixente.

-Faros antinéboa anteriores e posteriores.

-Porta lateral corrediza e acristalada, situada no lado dereito e con chanzo de acceso. O chanzo deberá ser practicable.


-Porta lateral no lado dereito e porta traseira. Todas as portas disporán dun sistema de apertura e peche desde o exterior e o interior, con piloto indicador de portas abertas no taboleiro de condución.


-Rampla ou sistema elevador para cadeiras de rodas.

-Indicadores intermitentes de parada.

As características de acordo co disposto na lexislación vixente.

-Disporá de sistemas de aire acondicionado, calefacción independente, ventilación e iluminación independentes da cabina do condutor e axustables desde a propia cabina, así como extractor/ventilador eléctrico no teito que permita a renovación do aire. Igualmente, deberá dispor de medidas de illamento térmico e acústico aplicadas á carrozaría.


-Os revestimentos interiores serán lisos. Chan en que non se escorregue. Todos eles serán impermeables, lavables e resistentes aos axentes desinfectantes habituais.


-Vehículo completamente acristalado, sen ningún pano traseiro pechado, con fiestra esvaradía en porta corrediza.


-Os cristais do habitáculo sanitario deberán levar lámina translúcida homologada para protexer a intimidade dos usuarios.


-Asentos para pacientes homologados segundo a normativa vixente, individuais, con respaldo reclinable con dous apoiabrazos e tapizado lavable e resistente aos desinfectantes habituais. Ao lado de cada asento, deberá situarse unha barra asa, ao alcance do usuario durante a marcha do vehículo.


-O vehículo disporá dun espazo para a ancoraxe de polo menos unha cadeira de rodas, con sistema homologado segundo a normativa vixente, ademais da padiola, que deberá ser un equipamento permanente no vehículo.


-Ademais da padiola, instalaranse un máximo de cinco asentos no habitáculo sanitario.


-Sistema de comunicación eficaz en toda a súa área de actividade.

-Sinais reflectores triangulares de perigo.

-Extintor de lume adecuado, de tipo portátil, categoría II.

-Ferramentas para a atención e o mantemento do vehículo, segundo a normativa vixente.


-Lanterna portátil.

c.1.2. Equipamento sanitario.

-Portapadiolas que permita a fixación segura da padiola.

-O sistema de suxeición da padiola ao carro ou bancada estará deseñado para ofrecer a máxima seguridade no caso de colisión ou envorcadura do vehículo, cun mínimo de tres puntos de ancoraxe.


-Cadeira de rodas pregable.

-Dispositivo que permita colgar envases de soro.

-Instalación fixa de tres tomas rápidas, como mínimo, nos laterais, rotuladas coa palabra «Oxíxeno» ou o símbolo «O2», con capacidade mínima de 1.000 litros subministrada polo menos por unha bala.


-Dous caudalímetros con fluxo máximo de 15 litros/minuto.

-Máscaras de oxíxeno para uso adulto e pediátrico con conexións.

-Caixa de primeiros auxilios que inclúa material de curas básico.

-Dispositivo de aspiración de secrecións.

-Tantas mantas e almofadas de viaxe como asentos homologados teña o vehículo.

c.1.3. Persoal requirido.

-Un condutor, como mínimo, coa titulación de técnico en emerxencias sanitarias ou coa acreditación ou os requisitos mínimos de formación e experiencia profesional establecidos na normativa vixente. Este técnico deberá dispor do carné de conducir establecido pola normativa vixente para este tipo de vehículos.


Disposición derrogatoria

Queda derrogado o anexo I C do Decreto 42/1998, do 15 de xaneiro, polo que se regula o transporte sanitario.


Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.


Santiago de Compostela, vinte de xaneiro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza