Diario Oficial de Galicia

xoves, 26 de maio de 2005

I. DISPOSICIÓNS XERAIS


Número do Dog:100Páxina do Dog:9.047
Data da Disposición:13 de maio de 2005
Sección:I. DISPOSICIÓNS XERAIS
Organismo:CONSELLERÍA DE SANIDADE
Rango:Orde
Título:Orde do 13 de maio de 2005 pola que se modifica outra do 19 de maio de 2003, sobre normalización do sistema de información e control da demanda de actividade programada de hospitalización, cirurxía e salas, na rede de hospitais do Servizo Galego de Saúde.


Orde do 13 de maio de 2005 pola que se modifica outra do 19 de maio de 2003, sobre normalización do sistema de información e control da demanda de actividade programada de hospitalización, cirurxía e salas, na rede de hospitais do Servizo Galego de Saúde.

A Orde do 19 de maio de 2003 normalizou o sistema de información e control da demanda de actividade programada de hospitalización, cirurxía e salas na rede de hospitais do Servizo Galego de Saúde.

Posteriormente, unha serie de normas, estatais e autonómicas incidiron tamén nesta materia, como ocorreu co Real decreto 605/2003, do 23 de maio, que estableceu as medidas para o tratamento homoxéneo da información sobre as listas de espera no Sistema Nacional de Saúde.

Tamén a Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do sistema nacional de saúde, abordou a regulación das garantías de seguridade, calidade, accesibilidade, mobilidade e tempo no acceso ás prestacións sanitarias; e a Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia, estableceu no seu artigo 133 u) o dereito dos usuarios a que determinadas prestacións sanitarias financiadas publicamente lles sexan dispensadas nuns prazos previamente definidos e coñecidos, que se establecerán regulamentariamente e de xeito progresivo, atendendo a gravidade, penosidade e impacto das patoloxías na calidade de vida das persoas enfermas, e as dispoñibilidades financeiras e capacidade da Administración sanitaria e os seus centros.

Por outra banda, malia que a regulación das listas de espera cumpre cos criterios fixados polo Real decreto 605/2003 antes citado, a Lei 7/2003, do 9 de decembro, ao establecer que determinadas prestacións sanitarias sexan dispensadas en prazos determinados regulamentariamente, contén unha garantía que só se poderá facer efectiva cando se lle recoñeza ao interesado a posibilidade de acudir a un centro sanitario acreditado para que se lle preste asistencia en tal prazo. Así, con data do 11-5-2005 (DOG nº 90) publicouse o Decreto 104/2005, do 6 de maio, de garantía de tempos máximos de espera na atención sanitaria, que pondera os elementos antes indicados para garantir a atención sanitaria nun prazo predeterminado.

Por tal motivo, cómpre facer os necesarios axustes nos instrumentos e soportes documentais dispoñibles, para adecualos ás determinacións normativas antes citadas.

En consecuencia, no uso das facultades que me confiren os artigos 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 22 de outubro,

DISPOÑO:
Artigo 1º.-Modificación do anexo I da Orde do 19 de maio de 2003.
Modifícase o contido do anexo I da devandita orde, que quedará redactado como se expresa no anexo I desta orde.

Artigo 2º.-Modificación do anexo III (continuación) da Orde do 19 de maio de 2003.

Modifícase o contido do anexo III (continuación) da devandita orde, relativo ao texto que debe figurar no reverso da «folla de inclusión no rexistro dos pacientes en espera», que quedará redactado como se expresa no anexo II desta orde.

Disposición transitoria
Todos os hospitais do Servizo Galego de Saúde deberán adaptar as «follas de inclusión no rexistro dos pacientes en espera» ao establecido nesta orde, antes do día 1 de xullo de 2005.

Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2005.
José Manuel González Álvarez
Conselleiro de Sanidade
ANEXO I
Nova redacción do anexo I da Orde do 19 de maio de 2003, sobre normalización do sistema de información e control da demanda de actividade programada de hospitalización, cirurxía e salas, na rede de hospitais do Servizo Galego de Saúde:

«ANEXO I
Categorías normalizadas
1. Pacientes en espera estrutural: inclúe os pacientes que, nun momento dado, están en situación de seren atendidos cando a súa espera é atribuíble á organización dos recursos dispoñibles. Atendendo á súa situación, estes clasifícanse en:

a) Pacientes programables: inclúe os pacientes que están en disposición de seren programados en calquera momento.

b) Pacientes en derivación: inclúe os pacientes en derivación a un centro concertado ou a outro centro do Sergas.

2. Pacientes en espera non estrutural: inclúe os pacientes que nun momento dado están pendentes de seren atendidos, pero a súa espera non é atribuíble

á organización dos recursos dispoñibles. Atendendo ás causas que motivan a espera, estes clasifícanse en:

a) Pacientes transitoriamente non programables: a súa programación non é posible nun momento dado, por algunha das seguintes causas:

-Espera médica, por motivos clínicos que contraindican ou desaconsellan temporalmente a atención.

-Espera por pospoñerse a actividade por vontade do paciente por circunstancias xustificadas.

b) Pacientes en espera tras a negación da derivación a un centro concertado ou a outro centro do Sergas».

ANEXO II
Nova redacción do anexo III (continuación) da Orde do 19 de maio de 2003, sobre normalización do sistema de información e control da demanda de actividade programada de hospitalización, cirurxía e salas, na rede de hospitais do Servizo Galego de Saúde:

«ANEXO III (continuación)
Instrucións do reverso do exemplar para
o paciente da folla de inclusión no rexistro
de pacientes en espera
Información para o paciente.
O médico que o atende considerou que o proceso require unha resolución non urxente, motivo polo que foi incluído na lista de espera do hospital.

A partir do momento en que vostede asine esta folla e a entregue no hospital, adquirimos o compromiso de poñer en marcha as accións necesarias para a resolución da súa demanda no menor prazo posible. Para conseguir este obxectivo de garantir a boa xestión da lista de espera, necesitamos da súa colaboración e comprensión nas seguintes cuestións:

1. Se cambia de domicilio ou de teléfono, rogámoslle que informe dos novos datos ao servizo de admisión; doutra maneira resultaríanos imposible localizalo.

2. Para confirmarlle a data na que será atendido, o servizo de admisión porase en contacto con vostede por vía telefónica.

a) Se despois de dous días consecutivos de chamada non é posible localizalo, enviarémoslle un correo certificado urxente, con aviso de recepción, e se no prazo de 7 días tras a recepción da carta aínda non se pon en contacto co hospital, entenderíamos que desiste da súa petición de asistencia, polo que sería excluído da lista de espera.

b) No caso de que vostede, antes de recibir a chamada, deixara de precisar a atención solicitada, agradeceriámoslle que nolo notificase para actualizar o rexistro de lista de espera, o que axudaría a unha máis rápida atención a outros pacientes.

3. Unha vez confirmada a data na que será atendido:
a) No caso de producirse algunha circunstancia que lle impida acudir ao hospital nos días sinalados, rogámoslle nolo comunique o antes posible, poñéndose en contacto co servizo de admisión.

b) Se non acode á cita, e o motivo polo que non o fai non é xustificado, o hospital entende que vostede desiste da súa solicitude de atención, polo que será excluído da lista de espera.

c) Consideraranse causas e circunstancias xustificadas para non acudir ou retrasar a intervención as seguintes:

-Nacemento de fillo ou neto, ou adopción: catro días naturais.
-Matrimonio: quince días naturais.
-Falecemento ou enfermidade grave dun familiar por consanguinidade ou afinidade, ata o cuarto grao inclusive: catro días naturais.

-Cumprimento dun deber inescusable de carácter persoal: mentres dura estritamente o dito deber.

-Forza maior: o tempo que tarde en desaparecer a causa que impide a comparecencia.

4. Co fin de diminuír o tempo de espera, este hospital pode contar co apoio doutros centros acreditados para a resolución da súa patoloxía. Se, ante a imposibilidade de operar nun prazo razoable no noso hospital, lle ofertamos acudir a outro centro, teña a absoluta certeza de que ese centro asistencial é de total garantía.

5. Se vostede ve que se supera a data prevista para prestar o servizo, sen que o hospital contacte con vostede, non dubide en chamar.

6. O Servizo Galego de Saúde garante que o tempo máximo de espera estrutural (non debida a causas médicas ou á decisión do paciente) nas intervencións cirúrxicas sexa de 180 días naturais. Por tal motivo, transcorridos 140 días de espera estrutural vostede poderá optar por continuar na lista de espera ou requirir a atención sanitaria en calquera outro centro que dispoña de acreditación na Comunidade Autónoma de Galicia. Para iso, poderá solicitar neste centro un certificado do tempo de espera, a relación de centros acreditados e os formularios necesarios, para o que lle facilitaremos a información que precise. Unha vez presentada a súa solicitude, o Sergas disporá dun prazo de 30 días para a contestación ou a realización da intervención. No caso de que non exista contestación nese prazo, entenderase que é favorable.

Esperamos satisfacer todas as necesidades de información sobre a súa situación na lista de espera. Non obstante, quedamos ao seu dispor para calquera aclaración, para o que poderá dirixirse ao servizo de admisión do hospital no horario que figura nesta folla.


Agradecémoslle a confianza depositada neste hospital.
A dirección do hospital».




© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería da Presidencia, RR.II. e Admón. Pública
Correo electrónico: webdogaxunta.es