Orde do 19 de maio de 2003 pola que se normaliza o sistema de información e control da demanda de actividade programada de hospitalización, cirurxía e salas na rede de hospitais do Servicio Galego de Saúde[1].

 

A Orde do 2 de setembro de 1992, estableceu a estructura básica do sistema de información na área asistencial da atención especializada do Sergas. Con esta estructura víñase cumpri-lo mandato establecido no artigo 23 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade polo que se establece que as administracións sanitarias crearían rexistros e elaborarían as análises de información necesarias para o coñecemento das distintas situacións das que se poidan derivar accións de intervención da actividade sanitaria.

 

Como consecuencia disto, a Orde do 15 de xuño de 1995, estableceu un sistema de información e control da demanda de actividade programada en hospitalización e cirurxía, tanto para a actividade propia como para a derivada a centros concertados. Tras un período de funcionamento, a Orde do 14 de xaneiro de 1997 veu axustar algúns aspectos que se manifestaron como pouco operativos. Co obxecto de avanzar na mellora da satisfacción do usuario mediante un mellor coñecemento do proceso asistencial, proporcionando información de fácil comprensión que mantivera no fundamental a homoxeneidade en tódolos centros, a Orde do 25 de novembro de 1998, regulamentou o procedemento de inclusión dos pacientes en colas de programación e estableceu as características básicas do formulario de solicitude de inclusión nelas, mellorando a equidade no acceso ós servicios sanitarios.

 

No ano 2001, o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde en uso das súas funcións de coordinación sanitaria, estableceu unha serie de criterios homoxéneos de medicións das listas de espera en todo o territorio nacional e aprobou un documento no que se inclúe a adaptación progresiva dos sistemas de información de cada servicio autónomo de saúde ás recomendacións efectuadas por un grupo de expertos. En consecuencia, a Comunidade Autónoma de Galicia debe adapta-lo seu sistema de información e control da demanda de actividade programada de hospitalización, cirurxía e salas, ás recomendacións aprobadas polo pleno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde para todo o territorio nacional. Esta adaptación afecta tanto á actividade propia do Sergas como á derivada a centros concertados.

 

En definitiva, a finalidade desta orde é garanti-la transparencia e homoxeneidade da información facilitada ó cidadán sobre a lista de espera e posibilita-la análise de resultados, necesidades e avaliación do funcionamento do noso sistema sanitario e do Sistema Nacional de Saúde.

 

En consecuencia, no uso das facultades que me confiren os artigos 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 22 de outubro

 

DISPOÑO:

 

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é a actualización do sistema de información e control da demanda de actividade programada de hospitalización, cirurxía e salas. Comprende tanto a actividade propia como a derivada a centros concertados.

 

Artigo 2º.-Rexistro de pacientes en espera.

1. O rexistro de pacientes en espera de atención programada de hospitalización, cirurxía e salas inclúe a tódolos pacientes pendentes da prestación dun servicio asistencial, con prescrición non urxente dunha atención médica indicada por un facultativo e aceptada polo paciente, e para a que está prevista a utilización dun recurso dependente do hospital (propio ou concertado).

Non inclúe os pacientes pendentes de atención cando esta sexa programada durante o episodio de hospitalización no que se establece a indicación.

2. Os pacientes incluídos no rexistro clasifícanse en función do tipo de espera, tal e como se recolle no anexo I.

3. Os hospitais, no momento da inclusión dun paciente no rexistro de pacientes en espera de atención programada, clasificarano segundo os tipos de rexistro que figuran no anexo II.

 

Artigo 3º.-Información ó usuario.

No momento da solicitude de inclusión no rexistro de pacientes en espera, deberá facilitárselles por escrito a tódolos usuarios do sistema, un número de teléfono de contacto co centro, así como información respecto do funcionamento do procedemento de inclusión no devandito rexistro. Esta información debe conter, como mínimo, a data e motivo da inclusión, as pautas de localización e os criterios de entrada e saída.

 

Artigo 4º.-Procedemento de inclusión no rexistro de pacientes en espera.

1. A inclusión dun paciente neste rexistro é un acto clínico que sempre deberá recollerse na folla de inclusión que se presenta no anexo III, que deberá ser asinada polo facultativo prescritor e o paciente. A data de inclusión será aquela na que a folla sexa asinada por ámbalas dúas partes (facultativo e paciente).

2. A folla de inclusión no rexistro de pacientes en espera constará de tres exemplares, un para a historia clínica, outro para o servicio de admisión do hospital e outro para o paciente.

O exemplar para o paciente deberá incluír no seu reverso as instruccións que figuran ó final do anexo III.

O exemplar para o servicio de admisión deberá arquivarse no propio servicio durante un período de alomenos dous anos.

3. A cobertura dos distintos epígrafes da folla corresponderalle ó facultativo responsable da inclusión e ó persoal do servicio de admisión, tal e como se especifica no anexo IV.

4. O responsable de entregarlle ó paciente o seu exemplar da folla debidamente asinado, cuberto e lexible en tódolos seus puntos será o facultativo prescritor ou o servicio de admisión, en función dos circuítos existentes en cada hospital relativos á circulación de pacientes, que deberán ser regulados formalmente polo director xerente do hospital.

5. O servicio de admisión recibirá o seu exemplar do folla directamente desde o servicio prescritor ou entregado polo propio paciente, cotexará os datos da folla de inclusión e cubrirá aqueles que sexan da súa competencia, incorporando tamén de xeito mecanizado ou mediante cuño a data de recepción.

Así mesmo, mecanizará no aplicativo informático e sen modificacións os datos tan só daquelas follas que estean asinadas polo facultativo prescritor e o paciente.

 

Artigo 5º.-Modificación das condicións do rexistro de pacientes en espera por iniciativa médica.

1. A modificación das condicións do rexistro de pacientes en espera por iniciativa médica, debe ser recollida no modelo de folla que se presenta no anexo V.

Esta folla constará de tres exemplares, un para a historia clínica, outro para o servicio de admisión do hospital e outro para o paciente. O exemplar para o servicio de admisión deberá arquivarse no propio servicio durante un período de alomenos dous anos.

A cobertura dos distintos epígrafes da folla corresponderalle a un facultativo do servicio responsable da prescrición.

2. O responsable, de entregarlle ó paciente o seu exemplar da folla debidamente asinado, cuberto e lexible en tódolos seus puntos será un facultativo do servicio responsable da prescrición ou o servicio de admisión, en función dos circuítos existentes en cada hospital relativos á circulación de pacientes, que deberán ser regulados formalmente polo director xerente do hospital.

3. O servicio de admisión mecanizará no aplicativo informático e sen modificacións os datos tan só daquelas follas que estean asinadas por un facultativo do servicio responsable da prescrición.

4. Deberá cubrirse unha nova folla para cada unha das modificacións que se produzan entre a inclusión e a saída do paciente do rexistro.

 

Artigo 6º.-Modificación das condicións do rexistro de pacientes en espera por iniciativa do paciente.

1. A modificación das condicións do rexistro de pacientes en espera por iniciativa do paciente, debe ser recollida no modelo de folla que se presenta no anexo VI.

Esta folla constará de tres exemplares, un para a historia clínica, outro para o servicio de admisión do hospital e outro para o paciente. O exemplar para o servicio de admisión deberá arquivarse no propio servicio durante un período de alomenos dous anos.

2. A cobertura dos distintos epígrafes da folla corresponderalle ó persoal do servicio de admisión que será o responsable, se procede, de entregarlle ó paciente o seu exemplar da folla debidamente asinado, cuberto e lexible en tódolos seus puntos.

3. O servicio de admisión mecanizará no aplicativo informático e sen modificacións os datos tan só daquelas follas que estean asinadas polo servicio de admisión e, se procede, tamén polo paciente.

4. Deberá cubrirse unha nova folla para cada unha das modificacións que se produzan entre a inclusión e a saída do paciente do rexistro.

 

Artigo 7º.-Derivacións a centros concertados.

1. O centro remitirá á Dirección Provincial do Sergas unha listaxe periódica dos pacientes que deriva ós centros concertados. Esta listaxe incluirá a seguinte información:

-Nome e apelidos do paciente.

-Teléfono de contacto.

-Data de inclusión.

-GNA.

-Tipo de rexistro de pacientes en espera.

-Prioridade.

-Diagnóstico/procedemento.

-Nome do centro concertado, se procede.

-Sinatura do servicio de admisión.

2. A Dirección Provincial do Sergas remitiralle a cada centro concertado a listaxe cos pacientes que deberá atender. O centro concertado deberá comunicarlle á Dirección Provincial do Sergas e ó centro que derivou ó paciente, no mesmo día que se produza, a resolución da demanda indicando o motivo.

Esta data será mecanizada polo centro remitente como a data de saída do paciente do seu rexistro.

3. O centro concertado tamén deberá comunicarlle ó centro remitente calquera outra circunstancia que supoña a non posibilidade de atención do paciente no centro ó que foi derivado.

 

Artigo 8º.-Procedemento de inclusión noutros centros do Sergas.

1. Para a inclusión na cola de programación doutros centros do Sergas, o servicio de admisión do centro remitente deberá elaborar e remiti-lo servicio de admisión do centro de destino unha listaxe dos pacientes ós que se lles ofertou e aceptaron a derivación. Esta listaxe incluirá a seguinte información:

-Nome e apelidos do paciente.

-Teléfono de contacto.

-Data de inclusión.

-GNA.

-Tipo de rexistro de pacientes en espera.

-Prioridade.

-Diagnóstico/procedemento.

-Nome do centro de destino.

-Sinatura do servicio de admisión.

2. O centro de destino deberá cumprimentar unha nova folla de inclusión no rexistro de lista de espera coa data de inclusión que figura na listaxe. O motivo de entrada destes pacientes que deberán mecanizar no seu aplicativo informático será prescrición facultativa.

3. Así mesmo, deberá comunicarlle ó servicio de admisión do centro remitente a data de recepción desta listaxe. Esta data será mecanizada polo centro remitente como a data de saída dos pacientes do seu rexistro.

4. O centro de destino tamén deberá comunicarlle o centro remitente calquera outra circunstancia que supoña a non posibilidade de atención dos pacientes.

 

Artigo 9º.-Movementos no rexistro de pacientes en espera.

1. Os motivos de entrada e saída dun episodio no rexistro de pacientes en espera de atención programada, recóllense no anexo VII, e deberán ser rexistrados na aplicación informática de forma obrigatoria.

2. Cada episodio do rexistro terá un único motivo de entrada e un único motivo de saída.

 

Disposicións adicionais

Primeira.-Os directores xerentes dos hospitais serán os responsables do correcto cumprimento no seu centro do establecido nesta orde.

Segunda.-Os servicios centrais do Sergas terán acceso ós datos introducidos no sistema informático de cada hospital, que serán recollidos de acordo cos criterios establecidos nesta orde.

 

Disposición transitoria

Tódolos hospitais do Sergas deberán adapta-los seus procedementos de inclusión no rexistro de pacientes en espera de actividade programada antes do 1 de xullo de 2003.

 

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas a Orde do 15 de xuño de 1995 pola que se completa a estructura normalizada do sistema de información sanitaria dos hospitais do Sergas, a Orde do 14 de xaneiro de 1997 que modifica á anterior, e a Orde do 25 de novembro de 1998 pola que se normaliza o procedemento de inclusión dos pacientes en colas de programación cirúrxicas e de hospitalización na rede de hospitais do Servicio Galego de Saúde.

 

Disposición derradeira

Esta orde entra en vigor o día seguinte ó de súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

 

ANEXO I

 

Categorías normalizadas

1. Pacientes en espera estructural: inclúe os pacientes que nun momento dado están en situación de ser atendidos e a súa espera é atribuíble á organización dos recursos dispoñibles. Atendendo á súa situación, estes clasifícanse en:

a) Pacientes programables: inclúe os de pacientes que están en disposición de seren programados en calquera momento.

b) Pacientes en derivación: pacientes os que se lles ofertou e aceptaron a derivación a un centro concertado ou a outro centro do Sergas.

2. Pacientes en espera non estructural: inclúe os pacientes que nun momento dado están pendentes de seren atendidos, pero a súa espera non é atribuíble á organización dos recursos dispoñibles. Atendendo ás causas que motivan a espera, estes clasifícanse en:

a) Pacientes transitoriamente non programables: a súa programación non é posible nun momento dado, por algunha das seguintes causas:

-Espera médica, por motivos clínicos que contraindican ou non aconsellan temporalmente a atención.

-Espera por estar en situación de: posponse por vontade do paciente.

b) Pacientes en espera trala negación da derivación a un centro concertado ou a outro centro do Sergas.

 

ANEXO II

 

Tipos de rexistros de pacientes en espera

 

01. Hospitalización cirúrxica.

Inclúe todos aqueles pacientes que precisan unha intervención cirúrxica en quirófano, prescrita por un facultativo dun servicio cirúrxico e para a que é necesario programa-lo ingreso no hospital.

 

02. Procedemento de cirurxía maior ambulatoria en quirófano.

Inclúe todos aqueles pacientes que precisan unha intervención de cirurxía maior en quirófano, prescrita por un facultativo dun servicio cirúrxico e para a que non é necesario programa-lo ingreso no hospital.

 

03. Procedemento de cirurxía menor ambulatoria.

Inclúe todos aqueles pacientes que precisan unha intervención de cirurxía menor, prescrita por un facultativo dun servicio cirúrxico e para a que non é necesario programa-lo ingreso no hospital.

 

04. Procedemento con ingreso en sala especial.

 

Inclúe todos aqueles pacientes que precisan a realización dun procedemento en quirofaniño (non cirúrxico), quirófano (non cirúrxico), salas de cardioloxía, salas de radiología intervencionista, salas de radioterapia ou salas de medicina nuclear, para o que é necesario programa-lo ingreso no hospital.

 

05. Procedemento ambulatorio en sala especial.

Inclúe todos aqueles pacientes que precisan a realización dun procedemento en quirofaniño (non cirúrxico), quirófano (non cirúrxico), salas de cardioloxía, salas de radiología intervencionista, salas de radioterapia ou salas de medicina nuclear, para o que non é necesario programa-lo ingreso no hospital.

 

06. Endoscopia con ingreso.

Inclúe todos aqueles pacientes que precisan a realización dunha endoscopia para a que é necesario programa-lo ingreso no hospital.

 

07. Endoscopia ambulatoria.

Inclúe todos aqueles pacientes que precisan a realización dunha endoscopia para a que non é necesario programa-lo ingreso no hospital.

 

08. Braquiterapia con ingreso.

Inclúe todos aqueles pacientes que precisan a realización nunha sala de braquiterapia dunha exploración para a que é necesario programa-lo ingreso no hospital.

 

09. Braquiterapia ambulatoria.

Inclúe todos aqueles pacientes que precisan a realización nunha sala de braquiterapia dunha exploración para a que non é necesario programa-lo ingreso no hospital.

 

10. Hospitalización médica con ingreso.

Inclúe todos aqueles pacientes que precisan atención médica para a que é necesaria programa-lo ingreso no hospital.

 

ANEXO III (continuación)

 

Instruccións do reverso do exemplar para  o paciente da folla de inclusión no rexistro

de pacientes en espera

 

Información para o paciente.

 

O médico que o atende considerou que o seu proceso require unha resolución non urxente, motivo polo que foi incluído na lista de espera do hospital.

 

A partir do momento en que vostede asine esta folla e a entregue no hospital adquirímo-lo compromiso de poñer en marcha as accións necesarias para a resolución da súa demanda no menor prazo posible. Para acadar este obxectivo e garanti-la boa xestión da lista de espera, precisamos da súa colaboración e comprensión nas seguintes cuestións:

 

1. Se cambia de domicilio ou teléfono, rogámoslle informe dos novos datos ó servicio de admisión; doutra forma resultaríanos imposible localizalo.

 

2. Para confirmarlle a data en que será atendido, o servicio de admisión porase en contacto con vostede por vía telefónica.

 

a) Se despois de 2 días consecutivos de chamada non é posible localizalo, enviaremos un correo certificado urxente con xustificante de recepción e se no prazo de 7 días, trala recepción da carta, aínda non se tivese posto en contacto co hospital, enten deriamos que rexeita a súa petición de asistencia, polo que sería excluído da lista de espera.

 

b) Caso de que vostede, antes de recibi-la chamada, deixara de precisa-la atención solicitada, agradeceriámoslle que nolo notificase para a súa exclusión da lista de espera, co que axudaría a unha máis rápida atención a outros pacientes en situación semellante.

 

3. Unha vez confirmada a data en que será atendido:

 

a) No caso de producirse algunha circunstancia que lle impida acudir ó hospital nos días sinalados, rogámoslle que nolo comunique o antes posible, poñéndose en contacto co servicio de admisión.

 

b) Se non acode á cita e o motivo polo que non o fai non é xustificado, o hospital entende que vostede renuncia á súa solicitude de atención, polo que sería excluído da lista de espera.

 

4. Co fin de diminuí-lo tempo de espera, este hospital pode contar co apoio doutros centros sanitarios acreditados para a resolución da súa patoloxía. Se ante a imposibilidade de operalo nun prazo razoable no noso hospital, ofertámoslle acudir a outro centro, teña a absoluta certeza de que nese centro a asistencia é de total garantía.

 

5. Se vostede ve que se supera a data prevista para prestarlle o servicio, sen que o hospital contacte con vostede, non dubide en chamar.

 

Esperamos satisfacer tódalas súas necesidades de información sobre a súa situación na lista de espera. Non obstante, quedamos á súa disposición para calquera aclaración, para o que poderá dirixirse o servicio de admisión do hospital no horario que figura nesta folla.

 

Agradecémoslle a confianza depositada neste hospital.

 

A dirección do hospital

 

ANEXO IV

 

Sección A: datos comúns.

 

Os datos seguintes son obrigatorios nos exemplares para a historia clínica, o servicio de admisión e o paciente.

 

a) Datos xerais.

Estarán preimpresos nos tres exemplares:

-Logotipo e nome do hospital.

-Teléfono do servicio de admisión.

-Horario de atención ó público do servicio de admisión.

 

b) Datos administrativos do usuario.

O formulario levará un espacio reservado para a etiqueta que contén os datos do paciente, que se colocará nos tres exemplares. Noutro espacio levará tamén en branco os seguintes epígrafes:

-Número de historia clínica.

-Número de tarxeta sanitaria.

-Apelidos e nome do paciente.

-Data de nacemento.

-Sexo.

-Enderezo actualizado.

-Teléfono persoal actualizado.

-Segundo teléfono de contacto.

A maioría destes datos están incluídos na etiqueta identificativa. O facultativo unicamente cubrirá de forma manuscrita os datos que falten.

 

c) Prescrición.

Consignaranse os datos da unidade que fai a inclusión en lista de espera. Levará os seguintes epígrafes, que cubrirá obrigatoria e completamente o facultativo que prescribe a atención:

-Médico prescritor: nome e apelidos do facultativo.

-Servicio prescritor: servicio ó que pertence o médico prescritor.

-Data de prescrición: data na que o facultativo prescritor asina a folla de inclusión.

 

d) Datos clínicos.

Este punto será cuberto polo facultativo que prescribe a atención.

O persoal do servicio de admisión introducirá no aplicativo informático os literais dos diagnósticos e procedementos escritos polos facultativos prescritores na folla inclusión en cola de programación, e asignará códigos CIE provisionais.

O persoal da unidade de codificación recollerá esta información e revisará e corrixirá, se é o caso, só os códigos CIE, sendo un deles o responsable desta actividade. Tras esta revisión, os códigos serán considerados validados e definitivos.

A codificación inclúe tódolos tipos de colas de programación definidos nesta orde e os que se incorporen con posterioridade á súa data de entrada en vigor.

 

e) Prioridade.

Este punto será consignado polo facultativo que prescribe a atención. Recollerase a prioridade clínica segundo o seguinte criterio:

-Prioridade 1: inclúe os pacientes nos que a súa atención, sendo programable, non admite unha espera superior ós 30 días.

-Prioridade 2: inclúe os pacientes con situación clínica ou social que admite unha espera relativa, sendo recomendable a atención nun prazo inferior a 90 días.

-Prioridade 3: inclúe os pacientes con patoloxías que permitan a espera no tratamento, xa que non produce secuelas importantes.

 

f) Data aproximada para ser atendido.

O facultativo prescritor cubrirá este punto en función do tempo previsto de espera para a patoloxía do paciente no momento da inclusión.

g) Paciente non derivable a centro concertado.

O facultativo deberá marcar se o paciente non se debe derivar a un centro concertado e o motivo polo que non se lle debe de oferta-la derivación.

 

h) Sinaturas.

Sinaturas do facultativo que prescribe a inclusión no rexistro de pacientes en espera e do paciente aceptándoa, que inclúe a lenda «o paciente xa asinou o formulario de obtención do consentimento informado».

 

i) Data de inclusión.

A data de inclusión é a que determina a antigüidade do paciente no rexistro.

O paciente pode asina-la folla de inclusión no momento da prescrición ou con posterioridade. No primeiro caso, a data de inclusión será a mesma que a data de prescrición. No segundo caso, a data de inclusión será aquela na que se entregue a folla de inclusión asinada polo paciente no servicio de admisión.

O paciente disporá de 90 días naturais para entregar no servicio de admisión do hospital a folla de inclusión asinada. Transcorrido ese tempo, a folla de inclusión no rexistro de pacientes en espera caducará.

 

Sección B: datos complementarios.

 

Os datos seguintes son obrigatorios nalgún dos tres exemplares.

 

a) Tipo de rexistro de pacientes en espera.

Constará nos exemplares para a historia clínica e o servicio de admisión. O facultativo prescritor sinalará o tipo de rexistro de que se trate:

 

01. Hospitalización cirúrxica.

02. Procedemento de cirurxía maior ambulatoria en quirófano.

03. Procedemento de cirurxía menor ambulatoria.

04. Procedemento con ingreso en sala especial.

05. Procedemento ambulatorio en sala especial.

06. Endoscopia con ingreso.

07. Endoscopia ambulatoria.

08. Braquiterapia con ingreso.

09. Braquiterapia ambulatoria.

10. Hospitalización médica con ingreso.

 

b) Estudio preoperatorio.

Este punto é obrigatorio nos exemplares para a historia clínica e o servicio de admisión. Cada hospital, atendendo ás súas particularidades e ós protocolos que existen consensuados co servicio de anestesia, consignará os estudios que considere oportunos. Os que a continuación se sinalan son a título orientativo:

-Exploración radiolóxica.

-Electrocardiograma.

-Analítica ordinaria.

-Analítica específica.

-Grupo sanguíneo/RH.

-Consulta de anestesia.

-Outras probas.

 

c) Anestesia.

Este punto é obrigatorio nos exemplares para a historia clínica e o servicio de admisión. O facultativo sinalará a que proceda, sen menoscabo da opinión do servicio de anestesia.

-Xeral.

-Local.

-Rexional.

-Combinada.

-Sedación.

-Sen anestesia.

Observacións: consignaranse datos ou aspectos relacionados coa anestesia que se consideren significativos.

 

d) Hemoterapia.

Este punto é obrigatorio nos exemplares para a historia clínica e o servicio de admisión. O facultativo sinalará se é preciso ou non:

-Apoio hemoterápico.

-Autotransfusión.

 

n) Data de recepción do formulario no servicio de admisión.

É obrigatorio no exemplar para o servicio de admisión.

 

e) Observacións.

Este punto é obrigatorio nos exemplares para a historia clínica e o servicio de admisión. Inclúe as consideracións do facultativo para o servicio de admisión. O facultativo prescritor formulará aquí as advertencias, notas e datos significativos do paciente que deban ser tidos en conta polo servicio de admisión. Tamén inclúe as consideracións do servicio de admisión: anotaranse tódalas circunstancias por parte de admisión que teñan relación coa programación da atención.

 

g) Información para o usuario.

É obrigatoria no exemplar para o paciente.

 

ANEXO VII

 

Movementos no rexistro de pacientes en espera

 

Motivos de entrada.

1. Prescrición facultativa.

Tódolos pacientes entran no rexistro trala formalización polo facultativo prescritor e o asinamento do paciente da folla de inclusión no rexistro de pacientes en espera.

 

Motivos de saída.

1. Demanda satisfeita programada polo hospital.

Satisfaise a demanda polo propio centro hospitalario de xeito programado. Trátase dun paciente que acode ó hospital cando é chamado polo servicio de admisión e é atendido polo mesmo problema polo que estaba en espera.

 

2. Demanda satisfeita urxente polo hospital. Satisfaise a demanda polo propio centro hospitalario de xeito urxente Satisfácese a demanda no propio centro hospitalario de xeito urxente. Trátase dun paciente que acode a urxencias e é atendido polo mesmo proceso polo que estaba en espera.

 

3. Excluído por orde facultativa.

Neste caso debe existir un informe médico onde se estableza a contraindicación permanente ou non necesidade do tratamento que motivou a súa inclusión.

 

4. Renuncia voluntaria.

Prodúcese cando os pacientes cos que se establece contacto indican que, a pesar de non resolve-lo problema e non ter indicación médica en contra, non están interesados en someterse ó proceso que demandaban, de acordo co exemplar para o paciente da folla de inclusión no rexistro de pacientes en espera.

 

5. Exitus.

Inclúe os pacientes que faleceron estando en espera.

 

6. Posponse por vontade do paciente sen causa xustificada.

Nesta situación, o paciente manifesta sen xustificación a súa imposibilidade de acudir ó centro.

 

7. Paciente non localizado.

Non se pode contactar co paciente aplicando o protocolo de localización, consistente en dúas chamadas telefónicas en 48 horas e unha carta certificada con xustificante de recepción, na que se establece un prazo de 7 días para que o paciente se poña en contacto co centro.

 

8. Satisfacción da demanda por outros medios.

Pacientes que resolveron o seu problema por iniciativa propia noutros centros.

 

9. Non acude á cita.

Pacientes cos que se establece contacto e se programou a actuación para unha data determinada. Dáse un prazo de 7 días no que o paciente non se pon en contacto co centro ou a causa pola que non acudiu non é xustificada.

 

10. Demanda satisfeita en centro concertado.

Satisfácese a demanda nun centro concertado. Trátase dun paciente que aceptou a derivación a un centro concertado e é atendido neste polo mesmo proceso polo que estaba en espera.

 

11. Inclusión noutro centro do Sergas.

Inclúese o paciente no rexistro de pacientes en espera doutro centro do Sergas. Trátase dun paciente que aceptou a derivación a outro centro do Sergas e foi incluído no rexistro de pacientes en espera do centro de destino polo mesmo proceso polo que estaba en espera.



[1] Inclúe a corrección de erros publicada no DOG nº 189, do 30 de setembro de 2003.