Decreto 42/1998, do 15 de xaneiro, polo que se regula o transporte sanitario.

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais é o órgano da Administración autonómica responsable da superior dirección e control do desenvolvemento das funcións e competencias que en materia de sanidade interior e asistencia social lle corresponden á Xunta de Galicia, Lei orgánica 1/1981 do 6 de abril, competencias que lle foron asignadas polo Decreto 29/1980 do 15 de outubro, e pola Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, de creación do Servicio Galego de Saúde, reformada pola Lei 8/1991 do 23 de xullo.

Dende o traspaso de funcións e servicios do Instituto Nacional de Saúde polo Real Decreto 1679/1990, do 28 de decembro, na nosa Comunidade Autónoma unicamente se fai referencia o transporte sanitario nas ordes sobre revisión de prezos e tarifas máximas polos servicios concertados de transporte sanitario e no artigo 2 do Decreto 99/1984 do 7 de xuño  (Diario Oficial de Galicia nº120, do 23 de xuño), que enumera os servicios de ambulancias e transporte sanitario como centros, servicios e establecementos sanitarios.

De acordo coa prevision establecida pola Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación do transporte terrestre e o Real decreto 1211/1990 que a desenvolve, faise necesario regula-la certificación técnico-sanitaria acreditativa das características técnicas, equipamento sanitario e dotación de persoal que cada vehículo concreto debe contar con carácter previo a obtención da autorización de transporte sanitario outorgada pola consellería competente nesta materia.

A falta dunha regulación autonómica xeral na materia, así como a consideración polo Real decreto 63/1995 do 20 de xaneiro, do transporte sanitario como prestación complementaria a cargo do Sistema Nacional de Saúde cando concurran as circunstancias e requisitos que este establece, é conveniente dicta-las normas oportunas nesta materia, respectando en todo caso, os requisitos e condicións sinaladas na normativa estatal.

Por iso, cumpridos os trámites que establece o artigo 130 da Lei de procedemento administrativo do 17 de xullo de 1958, por proposta conxunta dos conselleiros de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, de Industria e Comercio e de Sanidade e Servicios Sociais e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na sua reunión do día quince de xaneiro de mil novecentos noventa e oito,

 

DISPOÑO:

 

CAPÍTULO I

 

Obxecto e ámbito de aplicación

 

1. O presente decreto ten por obxecto regula-lo transporte sanitario terrestre que transcorra integramente no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

 

2. Para os efectos do presente decreto terá a consideración de transporte sanitario o desprazamento de persoas enfermas, accidentadas ou que teña a súa orixe noutra razón sanitaria, en vehículos especialmente acondicionados para o efecto.

 

CAPÍTULO II

 

Clasificación e medios de transporte

 

3. En consonancia co regulado na Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación de transporte terrestre, o transporte sanitario, atendendo á súa orixe de servicio, pode ser público, privado ou oficial.

1. Terá a consideración de transporte sanitario público o que se realice mediante retribución económica por entidade autorizada para tal fin.

2. Será transporte sanitario privado o que fagan as entidades sen ánimo de lucro, as empresas para o traslado do seu persoal accidentado ou enfermo e as entidades asistenciais privadas ós seus asegurados, todos eles prestados con vehículo e persoal propios, e non percibindose retribución independente polo servicio do transporte.

Por excepción poderá permitirse a percepción independente do prezo do transporte nas condicións establecidas no artigo 102.2º da Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación do transporte terrestre.

3. Considérase transporte sanitario oficial o que se realice con medios propios das estructuras sanitarias das administracións públicas e organismos dependentes deles para a realización do seu cometido.

 

4. O transporte sanitario realizarase exclusivamente en vehículos autorizados e axustarase ós seguintes tipos:

Tipo I. Ambulancias básicas. Destinadas ó desprazamento de paciente en padiola, con equipamento mínimo para prestar soporte vital básico (SVB) e sen estar acondicionada, nin dotada para a asistencia en ruta.

Tipo II. Ambulancias asistenciais. Dotadas de material de soporte vital básico (SVB) e acondicionadas para poder levar material de soporte vital avanzado (SVA) cando se precise, podendo prestar asistencia en ruta.

Tipo III. Ambulancias medicalizadas. Dotadas de material de soporte vital avanzado (SVA) permitindo asistencia en ruta nas que a practica asistencial é realizada por un médico.

Tipo IV. Vehículos de traslado colectivo sanitario. Son vehículos especialmente acondicionados para o traslado colectivo de pacientes cando non revista carácter de urxencia, e a súa situación clínica o permita por non supor un risco para a súa saúde ou a dun terceiro.

Tipo V. Vehículos de servicios sanitarios. Destinados ó traslado, urxente ou non, de persoal ou material sanitario e acondicionados para funcións sanitarias.

 

CAPÍTULO III

 

Certificación técnico-sanitaria

 

5. 1. Para a realización de transporte sanitario será necesaria a correspondente autorización administrativa outorgada pola consellería competente en materia de transporte, nas condicións que determine a súa normativa específica, logo da obtención da certificación técnico-sanitaria, emitida pola consellería competente en materia de sanidade. As certificacións estarán referidas a un vehículo concreto e deberán presentarse no momento da inspección do vehículo na entidade concesionaria da Inspección Técnica de Vehículos.

2. Para a expedición da certificación técnico-sanitaria, os vehículos deberán reuni-las características técnicas e dotación tanto de persoal como de material sanitario que para os distintos tipos de vehículos se establecen no anexo 1A do presente decreto. As características recollidas no anexo 1B que deberán reuni-los vehículos para obte-la clasificación, serán inspeccionadas pola entidade concesionaria da Inspección Técnica de Vehículos.

 

6. 1.Sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administativo común, as solicitudes de certificación técnico-sanitaria, segundo o modelo que se xunta como anexo, deberán presentarse na delegación provincial correspondente dirixidas á Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, xunto coa seguinte documentación:

a) DNI e NIF do solicitante, e se é o caso, escritura de constitución e documento acreditativo da representación que ostente.

b) Características técnico-sanitarias de dotación de medios materiais do vehículo conforme as especificacións que para cada tipo de que se trate se recollen no apartado A do anexo 1.

c) Relación de persoal sanitario que, se é o caso, prestará servicio no vehículo.

d) Xustificación de ter aboado a taxa correspondente.

2. Ademais as entidades titulares de vehículos de transporte público deberán achega-los seguintes documentos:

a) Xustificación de dispor dos medios que permitan a inmediata localización as vintecatro horas do día e en poboacións de máis de vinte mil habitantes ter un local aberto ó público co nome ou título rexistrado.

b) Licencia de apertura do local se é o caso.

c) Xustificante de alta no imposto de actividades económicas.

d) Relación de parque móbil dispoñible.

3. Á vista da documentación presentada, o servicio competente da delegación provincial, cos informes que considere pertinentes, e unha vez proceda á comprobación do cumprimento das condicións e requisitos establecidos no presente decreto, elevará proposta ó delegado provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais quen outorgará ou denegará a certificación técnico-sanitaria solicitada.

 

7. As certificacións técnico-sanitarias deberán ser renovadas anualmente a partir de cumprirse o segundo ano de antigüedade do vehículo, logo de verificación, levada a cabo polo servicio competente da delegación provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, dos requisitos técnico-sanitarios, equipamento e persoal destes. Realizaranse ademais cantas inspeccións se consideren precisas.

De non solicitarse a renovación no dito prazo a certificación quedará caducada.

 

8. A certificación técnico-sanitaria poderá ser revogada, logo de expediente, no caso de que se produzan alteracións das carecterísticas técnico-sanitarias do vehículo que impliquen o incumprimento dos requisitos establecidos no anexo 1 do presente decreto para cado tipo de vehículo.

Non obstante, o órgano competente da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais poderá, por solicitude da entidade, recualifica-lo vehículo sempre que este cumpra os requisitos establecidos no artigo 4º do presente decreto, o que supoñerá a revogación da certificación anteriormente concedida.

 

9. As resolucións de outorgamento, renovación, e revogación das certificacións técnico-sanitarias do vehículo, así como a autorización da consellería competente na materia de transporte, serán inscritas no Rexistro de Transporte Sanitario. Levarase a cabo a coordinación necesaria entre ámba-las consellerías para efectos de manter actualizado o rexistro.

 

10. O incumprimento das previsións do presente decreto no referente á certificación técnico-sanitaria, terá a consideración de infracción sanitaria para os efectos previstos na Lei xeral de sanidade e demais disposicións de xeral aplicación.

 

CAPÍTULO IV

 

Prestacións sanitarias

 

11. Considérase prestación sanitaria complementaria, nas condicións establecidas no Real decreto 63/1995, do 20 de xaneiro, o transporte de persoas enfermas ou accidentadas, cando cocorren algunha das circunstancias seguintes:

a) Unha situación de urxencia que implique risco vital ou dano irreparable para a saúde do interesado e así o ordene o facultativo correspondente.

b) Imposibilidade física do interesado ou outras causas médicas que, a xuízo do facultativo, lle impidan ou incapaciten para a utilización de transporte ordinario para desprazarse a un centro sanitario ou ó seu domicilio tras recibi-la atención sanitaria correspondente.

A avaliación da necesidade de prestación de transporte sanitario corresponderalle o facultativo que presente a asistencia e súa indicación obedecerá unicamente a causas médicas que fagan posible o desprazamento en medios ordinarios de transporte.

O seu financiamento será por conta do Servicio Galego de Saúde sempre que non exista un terceiro obrigado ó pagamento.

 

12. Non se consideran prestacións sanitarias obrigatorias, os seguintes traslados:

a) Traslado por asistencia continuada: é o traslado de paciendes desde o seu domicilio a un centro asistencial ou a inversa, por motivos diagnósticos ou terapéuticos.

b) Traslado por alta: é o traslado de pacientes desde un centro sanitario ó seu domicilio.

c) Traslado por transplante: é o traslado de pacientes, órganos ou persoal sanitario para a realización de transplantes.

d) Traslado de material biosanitario: é o traslado de material biolóxico, soporte de probas diagnósticas, ou medios terapéuticos que se realice entre centros sanitarios.

A planificación, organización e supervisión, así como os gastos ocasionados polos traslados descritos poderán ser asumidos polo Servicio Galego de Saúde, sempre que concorran circunstancias que así o aconsellen e exista crédito orzamentario dispoñible.

 

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

 

Primeira.- A vía útil dos vehículos autorizados para a relación de transporte sanitario a partir da entrada en vigor do presente decreto fíxase nun máximo de 8 anos, con posibilidade de prorrogala 2 anos máis se as condicións do vehículo e o seu equipamento son de conformidade.

 

Segunda.- A suspensión e revogación da certificación técnica-sanitaria comportará automaticamente a retirada da autorización de transporte sanitario. Para estes efectos, os órganos correspondentes das consellerías competentes en materia de transporte e sanidade actuarán coordinadamente.

 

DISPOSICIÓN DERROGATORIA

 

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto no presente decreto.

 

DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS

 

Primeira.- En canto non se estableza un procedemento específico, as direccións provinciais do Servicio Galego de Saúde continuarán asumindo no seu ámbito competencial de referencia a planificación, xestión e seguimento do transporte sanitario recollido no artigo 11º.

 

Segunda.- As empresas ou institucións titulares de autorización de transporte sanitario quedan suxeitas ó disposto na disposición transitoria única do Real decreto 619/1998, do 17 de abril.

A Administración sanitaria poderá establecer nos seus pregos de contratación cláusulas de melloras de puntuación para os vehículos que cumpran coas ditas características antes do prazo establecido por esta disposición para a súa implantación obrigatoria.

 

DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS

 

Primeira.- Este decreto entrará en vigor o mesmo día da sua publicación no Diario Oficial de Galicia.

 

Segunda.- Facúltanse as consellerías de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, de Industria e Comercio e de Sanidade e Servicios Sociais para dictar conxuntamente as normas e tomar medidas oportunas para o desenvolvemento e execución do presente decreto e para a modificación das características técnico-sanitarias incluídas no anexo.

 

ANEXO 1A

 

Características Técnico-Sanitarias

dos equipamentos comúns a

tódolos vehículos definidos

nesta norma

 

1. Condicións xerais para tódolos vehículos de transporte sanitario.

A empresa ou entidade responsable debe garantir en todo momento e demostrar no momento da inspección:

- Que o material sanitario se atopa en condicións de uso, especialmente que o funxible non exceda a data de caducidade.

- Que se realiza limpeza e desinfección periódicas e esterilización cando proceda, do habitáculo e do equipamento.

 

2. Persoal.

-Todo o persoal que preste os seus servicios en vehículos ambulancia contará con coñecementos das técnicas básicas de primeiros auxilios. O coñecemento destas técnicas básicas deberase acreditar mediante cursos de formación nas condicións que determine a normativa de desenvolvemento desde decreto.

- Todo o persoal que preste os seus servicios no transporte sanitario irá correctamente uniformado. No uniforme poderá consta-la razón social da empresa sempre que a denominación sexa exclusivamente sanitaria. O persoal estará identificado co nome e a súa categoría profesional.

 

3. Documentos obrigatorios.

a) De custodia no vehículo:

Ademáis dos documentos preceptivos do vehículo, a teor do disposto no Código de Circulación vixente, deberán contar con:

- Libro de rexistro de inspeccións para a certificación técnico-sanitaria.

- Libro de reclamacións. A disposición do usuario, no que poderá facer constar tódalas observacións en relación ó servicio que coide oportunas.

- Ámbolos dous libros indicados neste apartado, estarán encadernados, foliados e dilixenciados pola delegación provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

b) De custodia na empresa:

- A empresa queda obrigada a rexistra-la actividade diaria da totalidade dos seus vehículos, facendo consta-los seguintes datos mínimos:

- Data.

- Nome e apelidos do usuario.

- Matrícula do vehículo que realiza o traslado.

- Orixe e destino do traslado.

Este rexistro estará a disposición da Administración cando sexa requirido.

1. Características técnico-sanitarias das ambulancias básicas (tipo I).

Características técnico-sanitarias dos equipamentos comúns.

Equipamento sanitario.

-Padiola de dimensións adecuadas para un adulto, con dobre cinturón de seguridade, situada no sentido da marcha.

- Mantas, sabas e almofada.

- Plástico para a padiola.

- Cuña de material plástico e botella irrompible.

- Colariños cervicais de diferentes tamaños.

- Dispositivo que permita colgar envases de soro.

- Bala de osíxeno con manómetro, caudalímetro e humidificador.

- Máscaras de osíxeno para uso adulto e pediátrico, con conexións.

- Aparello de ventilación manual con máscaras de adulto e neno.

- Fonendoscopio, esfigmomanómetro, termómetro e lanterna de exploración.

- Caixa de socorrismo e primeiros auxilios, incluíndo material de curas básico.
- Cubo ou bolsa de residuos, fixo.

- Toallas dun só uso.

Persoal requirido:

- Conductor.

2. Características técnico-sanitarias das ambulancias asistenciais (tipo II).

Equipamento sanitario.

- Padiola de dimensións adecuadas para un adulto, con dobre cinturón de seguridade, situada no sentido da marcha, e colocada de forma que quede espacio libre na cabeceira.

- Portapadiola que permita desprazamento lateral e posicións de Trendelembug positivo e negativo de alomenos 30º.

- Ancoraxes para berces ou incubadora.

- Padiola de pas.

- Cadeira de rodas, encartable.

- Mantas, sabas e almofada.

- Plástico para a padiola.

- Cuña de material plástico e botella irrompible.

- Colariños cervicais de diferentes tamaños.

- Colchón de baleiro.

- Dispositivo que permita colgar envases de soro.

- Sistema de aspiración de secrecións, coas correspondentes sondas.

- Instalación fixa de alomenos tres tomas rápidas nos laterais, rotuladas coa palabra «Osíxeno». Capacidade mínima de 3.000 litros, subministrado por alomenos dúas balas.

- Dous caudalímetros con humidificador (15 litros/ minuto).

- Máscaras de osíxeno para uso adulto e pediátrico, con conexións.

- Aparello de ventilación manual con máscaras de adulto e neno.

- Táboa para resucitación cardiopulmonar.

- Fonendoscopio, esfigmomanómetro, termómetro e lanterna de exploración.

- Caixa de socorrismo e primeiros auxilios, incluíndo material de curas básico.

Persoal requerido:

- Conductor e axudante.

3. Características técnico- sanitarias das ambulancias medicalizadas (tipo III).

Equipamento sanitario:

a) Xeral:

- Armarios e caixóns suficientes para material sanitario, cun sistema de encravamento seguro.
Estarán etiquetados segundo o código de cores:

Azul: sistema respiratorio.

Vermello: sistema circulatorio.

Verde: material cirúrxico e diverso.

Laranxa: material pediátrico.

- Padiola de dimensións adecuadas para un adulto, con dobre cinturón de seguridade, situada no sentido da marcha, e colocada de forma que permita abordar ó enfermo por tódolos lados, deixando espacio libre na cabeceira.

- Portapadiola que permita desprazamento lateral, elevación e descenso, e posicións de Trendelembug positivo e negativo de alomenos 30º.

- Ancoraxes para berce ou incubadora.

- Padiola de pas.

- Cadeira de rodas, encartable.

- Mantas, sabas e almofada.

- Plástico para a padiola.

- Cuña de material plástico e botella irrompible.

- Colariños cervicais de diferentes tamaños.

- Xogo de férulas.

- Colchón de baleiro.

- Dispositivo que permita colgar envases de soro.

- Recipiente frigorífico ou isotermo con capacidade suficiente.

b) Sistema circulatorio:

- Monitor cardíaco e desfibrilador portátil con paletas que sirvan como electrodos para ECG e para desfibrilar. Rexistrador de electrodos dunha soa canle que permita, alomenos, tres derivacións.

- Maletín de resucitación cardiopulmonar.

- Táboa para resucitación cardiopulmonar.

- Fonendoscopio.

- Esfigmomanómetro fixo.

c) Sistema respiratorio:

- Ventilador artificial para respiración asistida e controlada con posibilidades de regulación da presión inspiratoria máxima, frecuencia respiratoria e volume minuto.

- Aspirador eléctrico, fixo ou portátil, que alcance unha presión de alomenos 300 mm Hg e fluxo de aire libre de alomenos 20 l/m.

- Equipo de entubación.

- Instalación fixa de osíxeno con alomenos tres tomas rápidas nos laterais, rotuladas coa palabra «Osíxeno». Capacidade mínima de 3.000 litros, subministrados por alomenos dúas balas.

- Dous caudalímetros con humidificador (15 litros/minuto).

- Bala de osíxeno portátil de alomenos 300 litros.

- Máscaras de osíxeno para uso adulto e pediátrico con conexións.

- Aparello de ventilación manual con máscaras de adulto e neno.

- Equipo de drenaxe pleural.

- Equipo de cricotiroidotomía.

d) Equipo vario:

- Xiringas e agullas estériles dun só uso.

- Tesoiras para cortar roupa.

- Luvas estériles e dun só uso non estériles.

- Material de curas ( vendas, algodón, esparadrapo de tea e de papel, compresas, gasas estériles e non estériles).

- Caixa de material estéril para pequena ciruxía.

- Sondas nasogástricas e de Foley.

- Bolsas de diurese.

- Termómetros clínicos.

- Lanterna de exploración.

- Martelo de reflexos.

- Lubricante hidrosoluble.

- Máquinas de rasurar.

e) Farmacia:

- Soros: glicosado, solución Ringer lactado, solución de bicarbonato sódico.

- Analxésicos.

- Adrenalina.

- Antagonistas do calcio.

- Antagonistas dos opiáceos (Naloxona).

- Antianxinosos.

- Antiarrítmicos.

- Antieméticos.

- Antihistamínicos.

- Antisépticos.

- Benzodiacepinas.

- Bloqueantes beta-adrenérxicos.

- Broncodilatadores.

- Corticosteroides.

- Diuréticos.

- Espasmolíticos.

- Estupefacientes: en compartimento pechado, baixo a responsabilidade do médico.

- Heparina.

- Insulina de acción rápida.

- Substitutos do plasma.

- Libro de rexistro dilixenciado, onde se anotará a utilización deste material, indicando data, nome e apelidos do médico ou enfermeiro que o utilice.

Persoal requirido:

-Médico e ATS/DUE, ambos con capacidade demostrable en transporte asistido, técnicas de reanimación e técnicas de soporte vital avanzado.

- Conductor e axudante.

 

4. Características técnico-sanitarias das ambulancias de traslado colectivo (tipo IV).

Equipamento sanitario:

- Cadeira de rodas, encartable.

- 7 mantas de viaxe e 7 almofadas pequenas, debidamente identificadas coa entidade propietaria do vehículo.

- Dispositivo que permita colgar envases de soro.

- Bala de osíxeno de 300 litros.

- Máscaras de osíxeno para uso adulto e pediátrico, con conexións.

- Caixa de socorrismo e primeiros auxilios, incluíndo material de curas básico.

- Dispositivo de aspiración de segregacións.

Persoal requirido:

- Conductor.

 

5. Características técnico-sanitarias dos vehículos de servicios sanitarios (tipo V).

Equipamento sanitario:

- Aparello de ventilación manual con máscaras de adulto e pediátrico.

- Bala de osíxeno de 300 litros.

- Máscaras de osíxeno para uso adulto e pediátrico, con conexións.

- Caixa de socorrismo e primeiros auxilios incluíndo material de curas básico.

Persoal requirido:

- Conductor.

 

ANEXO 1 B

 

Características Técnico-Sanitarias comúns

a tódolos vehículos definidos nesta

norma, salvo as aplicables ós

concertados por urxencias sanitarias 061

 

1. Identificación exterior e sinalización.

- Carrocería de cor branca.

- Franxa marela, rodeando o vehículo, reflectante. A largura será de 1/6 en relación á altura da carrocería do vehículo medida na súa parte lateral máxima, cun perfil superior e outro inferior en cor azul, que corresponderá ó 6% da largura da franxa marela.

- Inscrición da palabra «Ambulancia» na parte frontal (lexible por reflexión), na parte posterior e nas partes laterais en cor azul escura reflectante (excepto no tipo V, que levará a inscrición «Asistencia sanitaria»). O tamaño das letras será 2/3 do tamaño da franxa amarela.

- Inscrición da razón social da entidade (nome, enderezo e teléfono) exclusivamente na parte inferior de ámbalas portas dianteiras inmediatamente debaixo da franxa amarela. O tamaño das letras non será superior ó 1/3 do tamaño das letras do rótulo «Ambulancia».

- Sinalización óptica de preferencia de paso de tipo rotativo y sinalización acústica específica, que se axustarán ó disposto no vixente Código da Circulación.

 

1. Características técnico-sanitarias das ambulancias básicas (tipo I).

1. Características do vehículo.

- Vehículo tipo furgón, categoría M e homologado segundo a normativa vixente.

- Faros antinéboa anteriores e posteriores.

- Porta lateral no lado dereito, e porta traseira. Tódalas portas disporán dun sistema de apertura e peche desde o exterior e o interior, con piloto indicador de portas abertas no taboleiro de conducción.

- Indicadores intermitentes de parada.

Todas estas características de acordo co disposto no Código de Circulación vixente.

2. Condicións de habitabilidade.

- Medidas interiores útiles mínimas:

Longo: 195 centímetros.

Largo: 125 centímetros, ó nivel do asento do acompañante.

Alto: 115 centimetros de altura libre interna entre chan e teito.

- Habitáculo do conductor con capacidade para acompañante. Terá comunicación coa cabina sanitaria a través de ventá ou interfono.

- Cabina sanitaria:

- Disporá de sistemas de calefacción, ventilación e iluminación independentes da cabina do conductor e axustable desde a propia cabina. Así como medidas de illamento térmico e acústico aplicadas á carrocería.

- Revestimentos interiores lisos. Chan antiesvarante. Todos eles serán impermeables, lavables e resistentes ós axentes desinfectantes habituais.

- Claraboia superior translúcida practicable ou sistema de ventilación.

- Lúas translúcidas, fixas.

- Carrís para soporte, fixación e esvaramento de padiola con rodas ou patíns, cun sistema de seguridade que impida a saída fortuíta do carril.

- Asento do acompañante con cinto de seguridade, xunto á padiola.

3. Equipamento.

- Do vehículo:

- Sistema de telecomunicación, eficaz en toda a súa área de actividade.

- Sinais triangulares de perigo reflectantes.

- Extintor de lumes adecuado, tipo portatil, de categoría II.

- Ferramentas para a atención e mantemento do vehículo, segundo a normativa vixente.

- Polo menos dúas conexións eléctricas de 12 V CC na cabina sanitaria, que deberán cumpri-lo Regulamento electrotécnico de baixa tensión e as súas instruccións complementarias.

- Equipo para liberación de accidentados:

Coitela cortacintos de seguridade.

Panca «pata de cabra».

- Lanterna portatil.

 

2. Características técnico-sanitarias das ambulancias asistencias (tipo II).

1. Características do vehículo.

- Vehículo tipo furgón, categoría M e homologado segundo a normativa vixente.

- Faros antinéboa anteriores e posteriores.

- Porta lateral con banzo de acceso, no lado dereito, de corredeira e porta traseira con apertura de alomenos 90 graos. Tódalas portas disporán dun sistema de apertura e peche desde o exterior e o interior, con piloto indicador de portas abertas no taboleiro de conducción.

- Indicadores intermitentes de parada.

Sirena con dous tons e megafonía incorporada.

- Iluminación auxiliar halóxena de longo alcance, extensible e extraíble.

Todas estas características de acordo co disposto no Código de Circulación vixente.

Instalación de osíxeno.

- Instalación fixa de aporte de osíxeno que cumpra coa normativa vixente para este tipo de instalacións.

Instalación eléctrica.

- A instalación eléctrica do vehículo e da cabina asistencial serán totalmente distintas e independentes.

- Do vehículo: alimentará tódolos equipos eléctricos non asistencias.

- Da cabina sanitaria: alimentará tódolos equipos asistenciais.

- Disporá dunha fonte de enerxía auxiliar da do vehículo, con saídas de 12 V CC e de 220 V CA.

- Tomas de corrente: interiores:

- 3 para 12 V CC.

- 3 para 220 V CA.

E unha toma exterior de 220 V CA.

- Sistema autónomo de subministración de enerxía eléctrica á cabina asistencial consistente en equipo electróxeno ou sistema alternativo de baterías.

A instalación eléctrica faise a teor do disposto no Regulamento electrotécnico de baixa tensión e as súas instruccións complementarias.

2. Condicións de habitabilidade.

- Habitáculo do conductor con capacidade para acompañante. Terá comunicación coa cabina sanitaria a través de ventá ou interfono.

- Cabina sanitaria:

- Medidas interiores útiles mínimas:

Longo: 225 centímetros.

Ancho: 150 centímetros.

Alto: 150 centímetros de altura libre interna entre chan e teito.

- Disporá de sistemas de calefacción, ventilación e iluminación independentes da cabina do conductor, e axustables desde a propia cabina. Así como medidas de illamento térmico e acústico aplicadas á carrocería.

- Revestimentos interiores lisos. Chan antiesvarante. Todos eles serán impermeables, lavables e resistentes ós axentes desinfectantes habituais.

- Claraboia superior translúcida practicable ou sistema de aireación.

- Lúas translúcidas, fixas.

- Carrís para soporte, fixación e esvaramento de padiola con rodas ou patíns, cun sistema de seguridade que impida a saída fortuíta do carril.

- Asentos pregables, con cinto de seguridade con tres puntos de ancoraxe, un deles rotatorio e situado á altura da cabeceira da padiola.

- Superficie ou taboleiro de traballo.

- Armarios e caixóns suficientes para material sanitario, cun sistema de enclavamento seguro.

- Lavabo con auga corrente e desaugadoiro.

- Dispensador de xabrón e toallas dun só uso.

- Cubo ou bolsas de residuos, fixo e con sistema de tapa ou peche.

3. Equipamento.

- Sistema de telecomunicación eficaz en toda a súa área de actividade.

- Sinais triangulares de perigo reflectantes.

- Extintor de lumes adecuado, tipo portátil, categoría II.

- Ferramentas para a atención e mantemento do vehículo, segundo a normativa vixente.

- Equipo para liberación de accidentados:

Coitela cortacintos de seguridade.

Panca «pata de cabra».

-Lanterna portátil.

 

3. Carácterísticas técnico-sanitarias das ambulancias medicalizadas (tipo III).

1. Carácterísticas do vehículo.

- Vehículo tipo furgón, con teito sobreelevado, categoria M e homologado segundo a normativa vixente.

- Faros antinéboa anteriores e posteriores.

- Porta lateral no lado dereito de corredeira, e porta traseira con apertura de alomenos 180 graos. Tódalas portas disporan dus sistema de apertura e peche desde o exterior e o interior, con piloto indicador de portas abertas no taboeiro de conducción.

- Banzo de acceso á porta traseira.

- Indicadores intermitentes de parada.

- Sirena con dous tons e megafonía incorporada.

- Iluminación auxiliar halóxena de longo alcance, extensible e extraible.

Todas estas características de acordo co disposto no Código de Circulación vixente.

Instalación de osíxeno.

- Instalación fixa de aporte de osíxeno que cumpra coa normativa vixente para este tipo de instalacións.

Instalación eléctrica.

A instalación eléctrica do vehículo e da cabina sanitaria serán totalmente distintas e independentes.

- Do vehículo: alimentará tódolos equipos eléctricos non asistenciais.

- Da cabina sanitaria: alimentará tódolos equipos asistenciais.

- Disporá dunha fonte de enerxía auxiliar da do vehículo, con saidas de 12 V CC e 220 V CA.

- Tomas de corrente: interiores:

- 3 para 12 V CC

- 3 para 220 V CA

E unha toma exterior de 220 V CA.

Sistema autónomo de subministración de enerxía eléctrica á cabina asistencial consistente en equipo electróxeno ou sistema alternativo de baterías.

A instalación eléctrica farase a teor do disposto no Regulamento electrotécnico de baixa tensión e as súas instruccións complementarias.

2. Condicións de habitabilidade.

- Habitáculo do conductor con capacidade para acompañante. Terá comunicación coa cabina sanitaria a través de ventá ou interfono.

- Cabina sanitaria:

- Medidas interiores útiles mínimas:

Longo: 300 centímetros.

Largo: 150 centímetros.

Alto: 180 centímetros de altura libre interna entre chan e teito.

- Disporá de sistemas de calefacción, ventilación e iluminación independentes da cabina do conductor, e axustables desde a propia cabina. Así como medidas de illamento térmico e acústico aplicadas á carrocería.

- Aire acondicionado

- Revestimentos interiores lisos. Chan antiesvarante. Todos eles serán impermeables, lavables e resistentes ós axentes desinfectantes habituais.

- Carrís para soporte, fixación e esvaramento da padiola con rodas ou patíns, cun sistema de seguridade que impida a saída fortuita do carril.

- Asentos pregables, con cinto de seguridade con tres puntos de ancoraxe, un deles rotatorio e situado á altura da cabeceira da padiola.

- Superficie ou taboleiro de traballo

- Lavabo con auga corrente e desaguadoiro.

- Dispensador de xabrón e toallas dun só uso.

- Cubo para residuos fixo, con tapa automática e bolsas de plastico.

3. Equipamento.

- Do vehículo:

- Sistema de telecomunicación eficaz en toda a súa área de actividade.

- Sinais triangulares de perigo reflectantes.

- Extintor de lumes adecuado, tipo portatil, de categoría II.

- Ferramentas para a atención e mantemento do vehículo, segundo a normativa vixente.

- Equipo para a liberación de accidentados:

Coitela cortacintos de seguridade

Panca «pata de cabra».

- Lanterna portatil.

 

4. Características técnico-sanitarias dos vehículos de traslado colectivo-sanitario (tipo IV).

1. Características do vehículo.

- Vehículo tipo furgón, categoría M e homologado segundo a normativa vixente.

- Faros antinéboa anteriores e posteriores

- Porta lateral no lado dereito e porta traseira. Tódalas portas disporán dun sistema de apertura e peche desde o exterior e o interior, con piloto indicador de portas abertas no taboleiro de conducción.

- Banzo de acceso á porta traseira, e rampla ou sistema elevador para cadeiras de rodas.

- Indicadores intermitentes de parada.

Todas estas características de acordo co disposto no Código de Circulación vixente.

2. Condicións de habitabilidade.

- Disporá de sistemas de calefacción, ventilación, aire acondicionado e iluminación suficiente para todo o habitáculo.

- Medidas de illamento térmico e acústico.

- Revestimentos interiores lisos incluida a tapicería dos asentos. Chan antiesvarante. Todos eles serán impermeables, lavables e resistentes ós axentes desinfectantes habituais.

- Cristais tintados en todo o vehículo, de acordo co Código de Circulación.

- Asentos para pacientes reclinables e dotados con cintos de seguridade, con tres puntos de ancoraxe.

- Área ou plataforma intercambiable para aloxar cadeiras de rodas, con sistema de ancoraxe.

3. Equipamento.

- Do vehículo:

- Sistema de telecomunicación eficaz en toda a súa área de actividade.

- Sinais triangulares de perigo reflectantes.

- Extintor de lumes adecuado, tipo portatil, categoría II.

- Ferramentas para a atención e mantemento de vehículos, segundo a normativa vixente.

- Lanterna portatil.

 

5. Características técnico-sanitarias dos vehículos de servicios sanitarios (tipo V).

1. Características do vehículo:

- Vehículo, alomenos de tipo «break», de categoría M, tipo mixto para transporte de persoas e carga, e homologado segundo a normativa vixente.

- Faros antinéboa anteriores e posteriores.

- Indicadores intermitentes de parada.

Todas estas características de acordo co disposto no Codigo de Circulación vixente.

2. Condicións de habitabilidade.

- Compartimento posterior de carga, separado do habitáculo de pasaxeiros, que será destinado ó transporte de material sanitario. Este compartimento reunirá as seguintes características:

Revestimentos interiores impermeables, lavables e resistentes ós axentes desinfectantes habituais.

3. Equipamento.

- Do vehículo:

- Sistema de telecomunicación eficaz en toda a súa área de actividade.

- Sinais triangulares de perigo reflectantes.

- Extintor de lumes adecuado, tipo portátil, categoría I.

- Ferramentas para atención e mantemento do vehículo, segundo a normativa vixente.

- Lanterna portátil.

 

ANEXO 1C

 

Características dos vehículos

concertados por urxencias

sanitarias 061

 

Respectarán todo o relativo ó equipamento, equipo humano, características técnicas e condicións de habitabilidade xerais, coas seguintes particularidades:

A. Distintivos das ambulancias medicalizadas do 061:

- Gama cromática: azul, branco, laranxa.

- Cores RAL que corresponden os pantóns establecidos:

Pantón 2738 RAL 5002 (azul).

Pantón 151 RAL 2003 (laranxa).

- Tipografía corporativa:

Como tipografía logotípica empregarase a Futura Bold aplicándolle unha escala horizontal do 110%.

- Carrocería:

Os dous tercios dianteiros de cor azul, o último tercio branco.

Frontal:

- Cor azul, excepto a parte superior que levará os tercios central e dereito en branco co número "061" en laranxa.

- Tercio superior esquerdo en azul con letras "Urxencias sanitarias" en branco.

- Baixo a ventá frontal levará a palabra «Ambulancia» en branco e en maiúsculas. Lexible por reflexión.

Lateral:

- As primeiras dúas terceiras partes do vehículo en azul coa inscrición dos logos do Sergas e da Xunta de Galicia en branco na parte inferior das portas laterais.

- Na parte media do vehículo levará a inscrición da palabra «Ambulancia medicalizada» en branco e maiúsculas.

- Percorrendo as dúas terceiras partes inferiores do vehículo cuadrícula en branco fluorescente e azul, de tres filas.

- Tercio final do vehículo en cor branca, coa inscrición "061" en laranxa, debaixo "Urxencias sanitarias" en azul.

Parte posterior:

- Cor branca.

- Ámbolos cristais cubertos de cor branca coa inscrición «061» en laranxa e debaixo «Urxencias sanitarias» en cor azul.

- Baixo as ventás das portas posteriores a palabra «Ambulancia» en azul e maiúsculas.

B. Distintivos das ambulancias da R.T.S.U. (rede de transporte sanitario urxente) do 061.

Idéntica distribución de inscricións e logos. Á parte altérnase a distribución da cor azul e branca. Parte frontal e dous tercios laterais cor branca e o último tercio lateral e posterior en cor azul.

 

Vease también