Estrinximento

¿En que consiste?

O estrinximento consiste en deposicións infrecuentes e dificultosas ou mesmo dolorosas. Algunhas persoas cren que deben ter unha evacuación intestinal tódolos días, pero isto non é así necesariamente, senón que a frecuencia das deposicións varía entre persoas. En xeral o estrinximento é un problema de carácter benigno relacionado cun xénero de vida caracterizado fundamentalmente por falta de exercicio e unha dieta inadecuada. De tódolos xeitos, teña en conta que pode deberse a outras causas, como por exemplo o consumo de certos medicamentos, polo que é importante consultalo co seu médico.


¿Como se trata?

Tomar suficiente líquido, como mínimo un litro e medio ó día e preferiblemente de auga. Isto é especialmente importante nas persoas de idade, que frecuentemente non senten sensación de sede. Unha forma práctica consistiría en planifica-la cantidade mínima de líquido (exemplo unha botella ou xerra) que se deberá beber ó longo do día.

Aumenta-la toma de alimentos ricos en fibra para lograr un maior volume das feces. A fibra de trigo, as froitas e en xeral, os vexetais, son os alimentos máis recomendables.

Realizar exercicio físico regular: camiñar xornadas diarias de 45 ou máis minutos, un mínimo de tres veces por semana.

Tratamento do estrinximento


Determinadas medidas posturais como por exemplo eleva-los pés 20 cm poden favorece-la defecación.

Tentar adquirir unha “disciplina” na defecación, procurando facelo tódolos días e á mesma hora, (preferiblemente despois do almorzo) e dándose suficiente tempo.

Ademais, deberase acudir ó aseo no momento en que se produzan as ganas de defecar, evitando atrasalo para outro momento.

Non se automedique con laxantes xa que algúns poden ter efectos indesexables ou contraindicacións dependendo do seu caso particular. Ademais, é habitual que o seu uso continuado lles reste efectividade. Consulte co seu médico.

En ocasións poden ser útiles remedios caseiros como a inxestión en xaxún de auga morna ou zume de froitas.


Alimentos Recomendados


Froitas: laranxas, peras, mazás, ameixas, figos, uvas, etc.

Verduras e hortalizas: vexetais verdes e algunhas raíces como as cenorias e as patacas.

Grans, noces e legumes (chícharos, garavanzos, fabas).
Tome polo menos 5 porcións de froita e vexetais ó día, por exemplo 2 ou 3 pezas de froita e 2 ou 3 porcións de verduras ou hortalizas ó día. Substitúa o pan branco por pan integral. Consuma pasta e arroz integrais. Incorpore suplementos de fibra á súa dieta habitual, en forma de cereais comerciais integrais ou engadindo directamente farelo de trigo a iogures ou compotas. Teña presente que o aumento de fibra na dieta deberase facer gradualmente, é dicir, pouco a pouco.

Alimentos

Situacións especiais:

-Cambio brusco no hábito intestinal en persoas que nunca foron estrinxidas, especialmente se se acompaña doutras manifestacións como por exemplo vómitos, falta de apetito ou perda de peso.

-Estrinximento nas persoas encamadas ou relacionado con fármacos.




Lembre: unha alimentación equilibrada rica en fibra, inxerir abundantes líquidos, realizar exercicio físico regular e adquirir unha disciplina na defecación son medidas fundamentais no control do estrinximento


ESTAS MEDIDAS SON RECOMENDACIÓNS XERAIS. NON DUBIDE EN CONSULTAR CO SEU MÉDICO. EL PODERÁ MODIFICALAS E AXUSTALAS ÁS SÚAS CONDICIÓNS CONCRETAS.

O seu navegador non e capaz de executar o obxecto activeX que imprime a pantalla.