Anexo 3.- Bases do concurso

1. Poden participar no concurso todos os centros docentes que imparten ensino de 1º ciclo de ESO. Os centros docentes non participantes na Rede de Centros Promotores de Vida sen Tabaco do Programa Galego de Promoción da Vida sen Tabaco (PGPVST) deberán solicitar a súa integración ao inicio do concurso.

2. A participación no concurso é por clases completas, é dicir, de todos os escolares e un/unha educador/a, quen será a persoa de contacto coa organización.

3. Todos os escolares da aula e o seu docente asinan o compromiso segundo o cal se manterán sen fumar durante polo menos 6 meses, desde novembro de 2006 ata abril de 2007.

4. Cada aula comprométese a:

·    Traballar as unidades didácticas relacionadas coa prevención do tabaquismo propostas na guía “A experiencia de educar para a saúde na escola”

·    Elaborar un slogan, que consistirá nun lema cunha mensaxe positiva orientado á prevención do tabaquismo e que deberá ser acompañado dunha representación gráfica orixinal.

·    Desenvolver unha actividade creativa en relación coa prevención do tabaquismo, nalgunha das modalidades propostas.

·    A remitir a Dirección Xeral de Saúde Pública

o        O slogan e o proxecto da actividade creativa nos impresos facilitados polo programa antes do 15 de decembro de 2006

o        O desenvolvemento da actividade no soporte elixido (CD, DVD, vídeo, casete...) antes do 31 de marzo de 2007.

5. Só se admitirá no concurso un slogan e unha actividade creativa por aula. Non se devolverán os orixinais presentados, e cada participante ou o seu representante legal, cederán ao PGPVST os dereitos de utilización dos diferentes materiais elaborados para o concurso para a edición dun futuro material educativo ou doutro tipo, citando sempre a procedencia do material utilizado.

6. O/a director/a ou titor/a do centro deberá remitir a ficha de inscrición de participación mais o compromiso da clase antes do 16 de outubro de 2006 a través da páxina web (http://dxsp.sergas.es), por fax ou correo. A sinatura do titor/a e de cada un dos escolares participantes será considerada como proba de veracidade da información declarada.

7. Todos os participantes ao inicio do concurso manifestarán o seu hábito tabáquico, que se recollerá na ficha de compromiso clase e cumprimentarán o cuestionario inicial do concurso que deberán remitirse antes do 10 de novembro de 2006.

8. Cada escolar manifestará o seu hábito tabáquico, que se recollerá na ficha de compromiso da clase, asinará o compromiso individual e comunicarallo aos seus pais ou titores coa finalidade de que estean informados da súa participación. Este impreso quedará a cargo do educador/a de contacto.

9. Cada aula elixirá un escolar para que os represente e que terá a función de dinamizar aos seus compañeiros/as, recordandolles as datas de realización das actividades e os prazos de remisión, recibirá os adhesivos que certifican o seu cumprimento para pegar no cartel e ficha de seguimento e que poderá ser invitado a participar nos grupos de traballo para a mellora do concurso.

10. A clase participante será identificada co adhesivo co logotipo do concurso para que todo o centro coñeza a súa participación.

11. O/a educador/a fará un seguimento periódico do cumprimento dos compromisos do grupo, para o que utilizará a ficha de seguimento, que terá que remitir antes do 7 de maio de 2007.

12. Se durante o concurso, algún escolar do grupo fuma, a clase valorará a situación para decidir si continuar ou non. Cando o comportamento de fumar sexa mantido por algún escolar, o educador/a decidirá, despois de consultar aos responsables do PGPVST, se considera necesario o abandono do concurso

13. A organización do concurso poderá verificar as declaracións dos concursantes, salvo declaración expresa en contra dos seus pais ou titores, mediante as accións que consideren oportunas para comprobar a abstinencia de tabaco.

14. Aquelas clases que cumprisen todos os requisitos (cumprimento do compromiso e xustificación na ficha de seguimento, realización do slogan, actividade creativa e desenvolvemento das unidades didácticas de prevención do tabaquismo) terán unha opción para participar no sorteo do premio “Clases sen Fume”. A remisión en prazo de cada actividade obrigatoria será premiada cunha opción máis para o sorteo deste premio, podendo cuadriplicar as posibilidades de gañalo, o que será acreditado na ficha de seguimento mediante o adhesivo correspondente, remitido polo programa á recepción en prazo dos traballos.

15. Un xurado decidirá os premios ao mellor slogan e á mellor actividade creativa, segundo os criterios de innovación, calidade e adecuación ao programa, posibilidade de realización e capacidade de transmisión da mensaxe

16. Todas as aulas que cheguen ao final da competición, participarán no sorteo dos premios nacional e internacional.

17. Ao longo do concurso, e un ano despois, poderase contactar, cos centros docentes participantes, co obxectivo de avaliar o programa

18. Os docentes das aulas participantes poderán presentar os seus traballos ao premio especial á mellor Proxecto de centro de prevención do tabaquismo, que recolla as unidades didácticas e as actividades básicas para desenvolver en cada nivel educativo e que implique na súa realización a todos os escolares, pais, nais e docentes. O proxecto do docente gañador será elixido por un xurado segundo os criterios de coherencia coa normativa educativa da Xunta de Galicia. Os traballos deberán ser remitidos á DXSP antes do 16 de abril de 2007

19. As familias dos escolares poderán participar no concurso “Fogar sen Tabaco”, asinando o compromiso de non fumar no seu fogar durante os 6 meses do concurso. Haberá un premio especial que se adxudicará por sorteo, tras as comprobacións oportunas.

20. Os premios non serán, en ningún caso, acumulativos, podendo quedar desertos de non acadar a calidade axeitada. A non aceptación das datas propostas para o seu desfrute suporán a renuncia automática ao premio.