Ántrax (carbúnculo)

Ántrax (carbúnculo)

O ántrax, ou carbúnculo, é unha zoonose producida pola bacteria Bacillus anthracis, que forma esporas altamente resistentes á temperatura e á desecación e que poden permanecer viables nos chans contaminados por animais herbivoros, como ovellas, cabras e vacas afectados.

O home pode adquirir a infección por contacto, inxestión ou inhalación das esporas, normalmente procedentes de animais infectados ou dos seus produtos. En máis do 95% dos casos a infección é cutánea, debida a inoculación das esporas a través de pequenas abrasións na pel. A infección cutánea pode dar lugar a infeccións secundarias por exposición directa ás secrecións das lesións. Non se coñecen casos de transmisión persoa a persoa por vía respiratoria. A partir do ano 2009 nalgúns países europeos, se teñen descrito abrochos de ántrax asociados ao uso de drogas por vía parenteral ou inhaladas.

O período de incubación é, en xeral, de un a sete días tras a exposición, aínda que pode ser maior no ántrax por inhalación, onde se describiu un período de ata 43 días.

As formas clínicas varían segundo o xeito de exposición en: 1) Pulmonar ou por inhalación, cuns síntomas iniciais semellantes á gripe, con febre, mialxia, tose non produtiva e dor de cabeza. Entre 2 e 4 días despois comeza, bruscamente, fallo respiratorio e na radiografía de tórax, con frecuencia, obsérvase ensanche do mediastino, linfoadenopatía mediastínica e mediastineite hemorráxica. 2) Cutánea, con lesións normalmente localizadas en mans, brazos e cabeza. Despois de tres días da exposición aparece na zona de contacto inflamación con proído que progresa en 12-36 horas a pápula, vesícula e, de 2-6 días máis tarde, aparece unha escara negra con edema intenso e adenopatías rexionais. 3) Dixestiva, que pode presentarse como orofarínxea, por contacto coa mucosa, ou intestinal. Esta forma é pouco frecuente e o cadro clínico consta de dor abdominal intenso, náuseas, vómitos, febre, melena, hematemese e diarrea acuosa. Aos 2-3 días do inicio dos síntomas pode desenvolver bacteriemia, que pode ser fatal.

Os casos asociados ao uso de drogas, cun período de incubación de entre 1-2 días, adoitan presentar varias formas clínicas: 1) A máis frecuente e a infección dos tecidos brandos, incluída fascite necrotizante, abcesos ou celulite, con edema, dor, malestar e febre. 2) Sepse, incluso sen signos de infección de tecidos brandos. 3) Meninxite, normalmente hemorráxica con sangrado intracraneal, incluída hemorraxia subaracnoidea. 4) Signos e síntomas de ántrax por inhalación. Pódese consultar información para o manexo clínico do caso na páxina web de Public Health England (PHE) na seguinte [ligazón]

Ademais, o do ántrax é un axente dos clasificados como de posible uso para bioterrorismo, xa que é fácil de cultivar a partir de fontes ambientais e a forma inhalatoria ten unha letalidade alta, aínda que se precisan aerosois de 1 a 5μm e suficiente enerxía para se dispersar. En 2001, nos EEUU aconteceu unha emisión deliberada de esporas de ántrax a través do correo postal, que afectou a 22 persoas, a metade desenvolveron ántrax cutáneo e a outra metade inhalatorio, dos que morreron 5 casos.

O procedemento de actuación para cando se sospeita dunha emisión deliberada de esporas pódese consultar na ligazón ao carón desta páxina.

O Ántrax é de declaración obrigatoria e urxente polos laboratorios de microbioloxía e por atención especializada.