Zero discriminación e estigma polo VIH

Zero discriminación e estigma polo VIH

Estigma

Atributo que desacredita
Diferencia non desexada
Medo ao descoñecido ou mal coñecido
Xuízo medicamente inxustificado
Relacionado con actitudes e normas sociais
Provoca rexeitamento e hostilidade
Discriminación por estar infectado polo VIH
Comportamento de distinción, exclusión ou restrición.
Negación de oportunidades
Tratamento inxusto ou desfavorable
Violación dos dereitos humanos
Baseado nun estigma
 
Factores que favorecen o estigma e a discriminación:
1. Ignorancia das vías de transmisión.
As únicas vías para transmitir o VIH na nosa contorna son:
As relacións sexuais con penetración sen preservativo (anal, vaxinal ou oral).
Compartir material de inxección de drogas ou outro material punzo-cortante en contacto con sangue infectada.
Da nai ao fillo durante o embarazo, parto ou lactación.
O VIH non se transmite en ningún caso por:
Bicos, abrazos, aloumiños, darse a man ou tocarse.
Bágoa, suor, cuspe, tose ou espirros.
Compartir obxectos de uso común (pratos, cubertos, vasos, etc.), roupa ou alimentos.
Compartir vivenda, ducha, lavabo, retrete, piscina, instalacións deportivas, colexio, centro laboral, etc.
Mordeduras de animais nin picaduras de insectos.
2. Creenzas erróneas e estereotipos:
O VIH soamente afecta a persoas de grupos de risco. Falso, todos e todas somos susceptibles de infectarnos polo VIH.
A aparencia dunha persoa indica se está infectada polo VIH. Falso, a única maneira de saber se unha persoa está infectada polo VIH é a través dunha analítica específica de laboratorio para detectar o VIH.

Consecuencias:
1. Físicas:
O estigma e a discriminación polo VIH favorece o medo ao diagnóstico de infección polo VIH. Este medo dificulta a realización da proba do VIH, e polo tanto, favorece o atraso diagnóstico da infección polo VIH. A maior atraso diagnóstico maior deterioro do sistema inmunitario, peor calidade de vida futura e menor esperanza de vida.

2. Psicolóxicas: procesos de autoculpabilización, atribución persoal de responsabilidade, trastornos de ansiedade e depresivos.

3. Sociais: discriminación no ámbito familiar, de amistades, laboral, etc. o que favorece unha peor situación socioeconómica e maior dependencia.

4. Para a sociedade:
O atraso diagnóstico favorece o espallamento da infección polo VIH na sociedade e o tratamento e a asistencia sanitaria das persoas con atraso diagnóstico é máis costoso que o das persoas con diagnóstico precoz o que repercute negativamente no sistema social e sanitario público.

É responsabilidade de todos e todas a loita contra o estigma e a discriminación das persoas afectadas, non só porque é un dereito fundamental destas persoas, senón tamén porque é crucial para protexer e mellorar a súa saúde e para reducir o impacto negativo da epidemia na sociedade.