Sex Invaders

Sex Invaders

En novembro de 2013, a Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública iniciou a campaña Sex Invaders e os preservativos defensivos na rede social Facebook. Esta actividade estaba dirixida á mocidade galega e tiña por obxectivo previr as infeccións de transmisión sexual (ITS). Para acadar este obxectivo, creouse unha páxina en Facebook chamada Sex invaders e colgouse dentro dela un xogo que consiste en superar diferentes niveis nos que o xogador/a loitará contra diferentes parasitos, virus e bacterias que producen ITS. Ademais do xogo, a través desta páxina pódense facer preguntas anónimas ao equipo de especialistas en ITS da Consellería de Sanidade.

En 2013 desenvolveuse un concurso no que se sortearon catro iPad Mini e un iPhone 5c. Os iPad Mini concedéuselles aos xogadores/as que acadaron a maior puntuación nas catro primeiras semanas da campaña e finalmente entregouse un iPhone 5c ao xogador/a que acadou a maior puntuación das catro semanas.

Esta páxina foi galardoada co “Premio á mellor Campaña Interactiva” no Festival Internacional de Publicidade Social PUBLIFESTIVAL que se celebrou en Barcelona o 5 de xuño de 2014. Ademais foi finalista en MexilOnseTuits (Festival Social Media de Galicia) como unha das tres mellores pezas na categoría de Mellor Campaña Social e nominada na categoría de Acción Sanitaria na I Edición de los Premios á Sanidade de Galicia.

En 2018, a I Edición de SALUD FESTIVAL, un festival internacional de publicidade dos sectores alimentario e de saúde, concedeu dous premios a Sex Invaders polo vídeo preventivo denominado "Non reproduzas o VIH". Este vídeo foi publicado en decembro de 2017 con motivo do Día mundial da sida. Os premios concedidos foron:

- Mellor valor social en acción viral online
- Mellor mensaxe en peza gráfica

O 18 de xuño de 2018, a campaña Non reproduzas o VIH, desenvolta en Sex Invaders, foi novamente premiada no certame internacional de publicidade social PUBLIFESTIVAL na categoría de Mellor uso da mensaxe en acción viral online.