Procesos preventivos en materia de prevención de drogodependencias (carteira de servizos)

Procesos preventivos en materia de prevención de drogodependencias (carteira de servizos)

Os materiais e guías que se recollen neste documento constitúen un conxunto de instrumentos de grande utilidade para os profesionais que traballan no ámbito da prevención, para os mediadores sociais e para o conxunto da poboación.
Os programas que se inclúen nesta carteira de servizos responden aos criterios que comunmente se considera que deben reunir os programas preventivos:
  • Que exista evidencia científica, ou indicios razoables e suficientemente convincentes, acerca da súa eficacia.
  • Que existan probas da súa efectividade e factibilidade en condicións reais, incluíndo a consideración dos requisitos éticos e a aceptabilidade por parte da poboación a que van destinados.
  • Que sexan eficientes ou, o que é o mesmo, que consigan a efectividade desexada ao menor custo.
  • Que sexan oportunos, xa que non hai que esquecer que a elección dunha opción determinada supón, case sempre, rexeitar outras que compiten na captación duns recursos sempre limitados. Cómpre, por iso, seleccionar a acción máis rendible socialmente.
 
Ademais destas esixencias de eficacia, efectividade, eficiencia e oportunidade que responden a criterios éticos no manexo de fondos públicos, a carteira de servizos ten en conta outros requirimentos de racionalidade técnica para facer fronte ás distintas necesidades. Por esta razón inclúense:
  • Programas xerais e específicos.
  • Programas de prevención universal, selectiva e indicada.
  • Programas dirixidos a diferentes ámbitos: escolar, familiar, xuvenil, laboral…
  • Programas dirixidos a reducir as desigualdades: perspectiva de xénero (Programa Penélope), perspectiva cultural (Programa Acais) ou perspectiva social (Programa Itínere, Programa Sísifo).
 
En cada programa incluído na carteira –que, por suposto, está aberta a futuras incorporacións- faise unha descrición detallada dos seguintes aspectos: a súa xustificación (oportunidade), os seus obxectivos, a estratexia de intervención, o contexto de aplicación, o tipo de programa, a poboación destinataria, o modelo teórico que o sostén, as actividades e materiais, os contidos, a duración do programa, a metodoloxía da súa aplicación, os mecanismos e instrumentos de avaliación e o cronograma.