Pechado un episodio de alerta de dióxido de xofre na Coruña

Pechado un episodio de alerta de dióxido de xofre na Coruña

A Coruña, 28 de marzo de 2016.- Na mañá de hoxe, a estación da calidade do aire da Xunta na Grela, unha das seis coas que conta a Administración autonómica, indicou a superación do limiar de alerta de dióxido de xofre (SO2), establecido en 500 µg/m3).  

Ante este indicador, estableceuse un protocolo de actuación en situacións excepcionais de contaminación atmosférica para realizar un seguimento dos niveis de anhídrido sulfuroso no aire da zona e de ser necesario tomar medidas de precaución para a poboación.

Así, o estado de alerta mantívose dúas horas, tras o cal se rexistraron de novo parámetros normais sen risco para a saúde, volvendo á normalidade ao mediodía de hoxe desde o que non se volveu detectar un valor anómalo na zona. Por tal motivo, ás 15 horas quedou desactivada a alerta.

Hai que destacar que a superación dos limiares establecidos só se rexistraron na estación de A Grela (A Coruña), pero en ningunha das 5 restantes estacións da rede de Calidade do Aire de Galicia nin nas outras  dúas estacións nas que se analiza este composto no concello da Coruña.

En todo caso, coas análise realizadas hoxe procederase a realizar un exame en profundidade sobre as causas e orixe deste episodio puntual.