Clases sen fume

Clases sen fume

Programa de prevención do consumo de tabaco en escolares de 1º e 2º da ESO (12 a 14 anos de idade)

É un concurso educativo para a prevención do tabaquismo, dirixido a escolares de primeiro ciclo de ESO, é dicir de 12 a 14 anos, idade na que se dan os primeiros contactos co tabaco, tendo ás comunidades educativas como instrumento indispensable para a execución do proxecto.

Baséase no compromiso individual e colectivo (de toda a aula) de non fumar durante alomenos 6 meses, reforza o carácter voluntario da decisión de non fumar, facilita a presión de grupo positiva xerada pola complicidade dun grupo de adolescentes e un adulto (titor/a), e reforza a confianza nun mesmo e nos demais, ao tempo que utiliza a recompensa - premio como incentivo.

Este programa forma parte do "Plan Proxecta" da Consellería de Educación.

 

OBXECTIVO

Evitar o inicio do consumo de tabaco nos mozos e mozas galegos.

 

DESENVOLVEMENTO DO PROGRAMA

  • Todos os escolares da aula e o seu titor/a comprométense a non fumar durante os 6 meses que dura o programa. Antes do inicio do programa todos os participantes manifestan o seu consumo de tabaco.
  • Elaboración dun slogan, que consistirá nun lema orientado á prevención do tabaquismo, e preferentemente, dirixido a convencer aos mozos e mozas para non comezar a fumar, e que deberá acompañarse dunha representación gráfica orixinal.
  • Desenvolver unha actividade creativa en relación coa prevención do tabaquismo, nalgunhas das seguintes modalidades: deseño de materiais multimedia, anuncio publicitario, canción con baile, obra de teatro, xogos, revista xuvenil, periódico, cómic ou conto.
  • Desenvolver as unidades didácticas relacionadas coa prevención do tabaquismo propostas na guía “A experiencia de educar para a saúde na escola” do “Programa de Prevención do Consumo de Drogas”, para cada un dos cursos de 1º e 2º da ESO.

 

SEGUEMENTO DO PROGRAMA

  • Charlas de apoio a escolares e asociacións de pais e nais (a demanda).
  • Supervisión das actividades realizadas nas aulas.
  • Avaliación da abstinencia tabáquica a través dunha cooximetría (medición do monóxido de carbono en aire espirado) realizada por os técnicos das Xefaturas territoriais.
  • Cuestionarios de valoración aos escolares e os docentes.

 

PREMIADOS E ACTIVIDADES GAÑADORAS

  • Por sorteo. Realízase un sorteo entre todas as aulas que chegaron ao final do concurso, tendo cumprido todas as actividades obrigatorias.
  • Por un xurado. Integrado pola responsable do proxecto na Dirección Xeral de  Saúde Pública, xunto cos coordinadores do proxecto nas Xefaturas Territoriais da Consellería de Sanidade, e os representantes da Consellería de Educación.
  • Acto de entrega de premios: Arredor do 31 de maio Dia mundial sen tabaco, entréganse os premios nun acto lúdico presidido polas consellerías de sanidade e educación no que os escolares gañadores mostran as súas actividades.
  • Premios de Innovación educativa: Para os docentes das aulas das actividades gañadoras.