Estudo de contactos sexuais (ECS)

Estudo de contactos sexuais (ECS)

As infeccións de transmisión sexual (ITS) son un importante problema de saúde pública a nivel mundial e tamén en Galicia xa que son unha das principais causas de enfermidade aguda, infertilidade, discapacidade a longo prazo e morte, con graves consecuencias médicas e psicolóxicas para moitas persoas e con importantes custos económicos e sociais.

ESTUDO DE CONTACTOS SEXUAIS (ECS)

O estudo de contactos sexuais é unha medida voluntaria e importante para controlar o espallamento do VIH e doutras ITS. Sempre que se diagnostique un caso de infección polo VIH ou outra ITS, a persoa diagnosticada debería comunicar ás persoas coas que tivo relacións sexuais que acudan ó sistema sanitario para facer as probas diagnósticas que descarten ou confirmen a infección.
 
Beneficios da notificación das parellas

Para a persoa diagnosticada
 • Evita reinfectarse coas mesmas parellas.

Para as parellas sexuais
 • Tratamento precoz da ITS e previr complicacións da infección.
 • Diagnóstico e tratamento doutras posibles ITS concomitantes.


Infeccións que requiren notificación á parella

As principais infeccións nas que se recomenda o estudo de contactos son: infección polo VIH, infección gonocócica (gonococia ou gonorrea), sífilis, clamidiase xenital, linfogranuloma venéreo, a infección por Mycoplasma genitalium, tricomoniase, os piollos pato (“ladillas”) e a sarna.

Obxectivos

 • Interromper a cadea de transmisión das ITS.
 • Previr a reinfección da persoa diagnosticada.
 • Identificar ás persoas que tamén se infectaron e ofertarlles tratamento precoz.
 • Promover condutas sexuais seguras nas persoas con risco de infectarse.


Notificación

A notificación ás parellas debe realizarse o antes posible, normalmente nos 2-3 días posteriores ao diagnóstico da ITS. A notificación tratarase de maneira especial cando exista risco de sufrir violencia.

Información que se proporciona ás parellas sexuais:
 • Nome da ITS.
 • Que esa persoa estivo exposta a esa ITS e polo tanto pode estar infectada.
 • A necesidade de acudir ó seu médico/a para confirmar o diagnóstico da ITS e tratarse se for preciso.
 • O risco de complicacións da ITS.
 • A necesidade de seguimento médico.
 • Como deben ser as prácticas sexuais futuras (con preservativo mentres non se confirme o diagnóstico e ata que non se confirme a curación da ITS).