Enterobacterias produtoras de carbapenemasas

Enterobacterias produtoras de carbapenemasas

As enterobacterias son unha familia de bacterias que viven no intestino das persoas sen producir dano, dando lugar a unha situación que se denomina colonización. As especies máis importantes para a saúde humana son Klebsiella pneumoniae, Escherichia coli, Proteus mirabilis, Enterobacter spp., Serratia marcescens, Morganella morganii  e Citrobacter spp.

Con todo, cando as enterobacterias acadan outros lugares do corpo humano, producen unha infección que pode ocasionar enfermidade. As máis frecuentes son as infeccións urinarias (que están moi relacionadas co uso de dispositivos urinarios, principalmente a sondaxe vesical) e as infeccións respiratorias, en xeral debidas a microaspiracións.

Con menor frecuencia prodúcense infeccións de localización cirúrxica (superficias ou profundas), así como infeccións de catéteres ou doutros dispositivos intravasculares. En calquera das infeccións previas pódese detectar a enterobacteria en sangue (bacteriemia).

As enterobacterias transmítense por contacto directo coa pel e as mucosas da persoa afectada, cos seus fluídos (feces, ouriños) ou con feridas contaminadas; ou por contacto indirecto, a través de obxectos, materiais e superficies ambientais contaminadas, que estiveron en contacto recente coa persoa afectada.

As enterobacterias produtoras de carbapenemasas (en abreviatura, EPC) son un subtipo de enterobacterias que son capaces de producir carbapenemasas, uns enzimas que na meirande parte dos casos fan que a enterobacteria sexa resistente aos carbapenems, que son un grupo de antibióticos betalactámicos de última liña terapéutica; é dicir, que se reservan para tratar infeccións que non son sensibles a outros antibióticos.

A produción de carbapenemasas non é o único mecanismo de resistencia aos carbapenems do que poden dispor as enterobacterias, pero é o máis frecuente e relevante para a saúde, porque cando unha persoa está infectada cunha EPC non é infrecuente que queden moi poucas alternativas terapéuticas.

Deste xeito, para non ter que chegar a esta situación o máis eficaz é evitar a infección, a través da prevención e o control da transmisión das EPC dunha persoa a outra, especialmente nos hospitais e nos centros residenciais, xa que ambos lugares están asociados a un maior risco de transmisión das EPC.

Por este motivo, a instancias da Dirección Xeral de Saúde Pública e da Xerencia do Servizo Galego de Saúde elaboráronse tres Guías para o control das enterobacterias produtoras de carbapenemasas en Galicia, unha para os hospitais (GUÍA EPC-H), outra para os centros residencias (GUÍA EPC-R) e a outra para atención primaria (GUÍA EPC-P).

Na ligazón de abaixo hai un documento con preguntas e respostas destinado ás persoas con EPC.