Introdución

Introdución

Seguindo coa promoción da cultura de transparencia nas relacións coa cidadanía por parte da Xunta de Galicia, poñemos en coñecemento da poboación xeral os plans, programas e procedementos que se aplican no marco do control oficial en materia de saúde pública.

No contexto da protección da saúde, enténdese por control oficial o conxunto de actuacións das autoridades competentes encamiñadas a verificar o cumprimento da lexislación sanitaria de referencia aplicable aos lugares, actividades e servizos, así como sobre os produtos neles elaborados, almacenados, distribuídos, manipulados ou postos á venda no ámbito da nosa comunidade autónoma.

No contexto do reparto de competencias establecido polas normas que regulan á Xunta de Galicia e os seus Organismos, o control oficial de saúde pública enmárcase nos eidos da seguridade alimentaria e a sanidade ambiental.

As distintas actuacións comprenden técnicas de control, inspección, auditoría, vixilancia, toma de mostras, análise e verificación. Todas elas atópanse recollidas en plans e programas nos que se establecen os obxectivos que se deben cumprir co fin de garantir un axeitado nivel de protección da saúde da cidadanía. Asemade, co fin de unificar os criterios de actuación en todo o territorio da Comunidade Autónoma, elabóranse unha serie de procedementos xerais de actuación.

Os plans e programas teñen unha vixencia quinquenal, aínda que están suxeitos a actualización periódica segundo os cambios que se produzan na normativa vixente.

Poderase acceder a máis información nos espazos temáticos correspondentes da web da consellería.