Campaña 2018

Campaña 2018

MANIFESTO DÍA MUNDIAL DA SIDA 2018

A ONUSIDA invítanos o 1 de decembro de cada ano a celebrar un día adicado a visibilizar o problema da pandemia de sida en todo o mundo e a evolución desta epidemia en cada un dos países. Este ano a campaña vai dirixida, a incrementar a alerta e as accións sobre as persoas infectadas polo VIH que descoñecen que o están e polo tanto poden seguir transmitindo o virus e non se aproveitan dos beneficios que hoxe oferta o tratamento temperá.

Ao igual que pasa na maioría dos países, diminuír a fracción de persoas infectadas sen diagnóstico constitúe unha tarefa prioritaria nas estratexias para o control da infección polo VIH. Hoxe en día, a eficacia dos tratamentos antirretrovirais permítenos albiscar un futuro onde a infección polo VIH pode chegar a ser controlada. De feito a ONUSIDA recomenda centrar a maioría dos esforzos arredor da súa estratexia 90-90-90 para 2020; que consiste en diagnosticar polo menos ao 90% das persoas infectadas, tratar con tratamento antirretroviral polo menos ao 90% das persoas diagnosticadas e manter con carga viral indetectable ao 90% das persoas en tratamento.

Baixo o lema: “Coñece o teu estado fai a proba do VIH” a Consellería de Sanidade quere facer un chamamento a poboación para sensibilizala da importancia de facer a proba do VIH e conseguir diagnósticar as persoas que descoñecen a súa infección para mellorar o seu futuro. A pesar de que no último ano o atraso diagnóstico desta infección diminuíu en Galicia, compre seguir, desde as institucións sanitarias, implementando as medidas que contribúan a diagnosticar e tratar ás persoas afectadas o máis precozmente posible. Coñecer o estado serolóxico respecto da infección polo VIH é a principal medida para poder controlar esta infección no futuro inmediato.

Esta infección transmítese a través das relacións sexuais non protexidas, polo tanto, a prevención constitúe outro dos piares fundamentais para romper a súa cadea epidemiolóxica de transmisión. O fomento da seguridade nas relacións sexuais mediante a utilización do preservativo segue tendo plena vixencia e debe reforzarse o seu uso.

A discriminación e estigmatización das persoas afectadas mellorou notablemente desde o inicio da epidemia. Pero existe aínda traballo que realizar no campo dos seus dereitos. É necesario promocionar as actividades contra o estigma para erradicar por completo as dificultades, discriminación e rexeitamento que poidan afectar a estas persoas.

Os últimos datos epidemiolóxicos de Galicia respecto do VIH e a sida, coa diminución do número de casos e do atraso diagnóstico, permítennos ser optimistas de cara a conseguir os obxectivos que ONUSIDA marca para o ano 2020. Realizalo é posible de nós depende!

 

 

 

 

 

Estudo sobre Chemsex

A Xerencia de Xestión Integrada da Coruña do Servizo Galego de Saúde xunto co Instituto de investigación biomédica da Coruña (inibic) están a realizar un estudo sobre o Chemsex na nosa contorna. Este estudo analizará os resultados dunha enquisa sobre o uso de drogas recreativas no contexto das relacións sexuais entre homes que teñen sexo con homes. Esta enquisa é completamente anónima e tárdase aproximadamente 10 minutos en respondela.

Se estás interesado en participar neste estudo pincha na seguinte ligazón para cubrir a enquisa: https://goo.gl/forms/MTBwAKPiWrsaqjaB3

 

Dúbidas sobre ITS

Se tes calquera dúbida sobre este tema, podes contactar co persoal médico e de enfermería do Plan galego anti VIH/sida e outras ITS por teléfono ou por email.

Os datos de contacto son:

Teléfono: 881 542 996, 881 542 914, 881 542 913.

e-mail: plan.vih.its@sergas.es

Horario de atención: de luns a venres, 9:00-14:00 h.