Campaña 2017

Campaña 2017

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO DÍA MUNDIAL DA SIDA 2017

En 1988 a Organización Mundial da Saúde (OMS) propuxo o 1 de decembro de todos os anos como o Día Mundial contra a Sida, que foi apoiado pola Asemblea Mundial da Saúde e pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas. Desde ese ano ata 2004 ONUSIDA foi a encargada de organizar este evento para visibilizar e dar conta da evolución deste problema de saúde. A esta campaña adheríronse a maioría dos países, as administracións e servizos sanitarios e un numeroso e activo entorno de organizacións sociais que participan na loita contra esta epidemia. 

No ano 2005 ONUSIDA delega na organización independente Campaña Mundial contra a Sida todas as actividades relacionadas con esta campaña divulgativa. Este ano 2017 a campaña, Día Mundial da sida, ten o lema: A MIÑA SAÚDE, O MEU DEREITO.

Desde o principio da epidemia houbo a nivel mundial unha forte chamada a que todas as persoas afectadas tivesen dereito a asistencia sanitaria, incluíndo o acceso aos tratamentos antirretrovirais. O dereito a información sobre os mecanismos de transmisión da infección polo VIH así como os métodos de prevención. O dereito a intimidade e a non discriminación das persoas afectadas e das máis vulnerables a esta infección.

A día de hoxe, a situación en Galicia con respecto á infección polo VIH está mostrando unha tendencia favorable na súa evolución diminuíndo o número de casos desde o ano 2014, o que nos fai ser optimistas de cara ao futuro. A diminución é especialmente notable nos casos nos que o seu mecanismo de transmisión son as relacións sexuais desprotexidas. A importancia do tratamento antirretroviral neste fenómeno de diminución do risco de transmisión unido ás prácticas sexuais protexidas vainos permitir avanzar e consolidar nos próximos anos esta boa tendencia.

Exercitar e participar dos nosos dereitos á saúde contribuirá dun modo decidido para acadar mellores resultados no obxectivo común de ganar un futuro sen sida e sen infección polo VIH. Esa última etapa da infección polo VIH que constitúe a Síndrome de Inmunodeficiencia Adquirida (SIDA) mostra xa na nosa Comunidade cifras moi favorables pola diminución constante que presenta desde fai 20 anos. O reto agora é mellorar o diagnóstico precoz das persoas que están infectadas polo VIH e que descoñecen a súa infección. En Galicia acabamos de aprobar unhas ambiciosas recomendacións para diagnosticar a esas persoas e aportarlles os beneficios que aportan os tratamentos. Ofertarase a realización da proba de VIH nos centros sanitarios a miles de persoas para que poidan beneficiarse dun diagnóstico precoz e dun tratamento precoz.

Por ti, pola xente que queres, por todos; fai a proba do VIH. A túa saúde, o teu dereito ¡exercítao!.

 

 

Estudo sobre Chemsex

A Xerencia de Xestión Integrada da Coruña do Servizo Galego de Saúde xunto co Instituto de investigación biomédica da Coruña (inibic) están a realizar un estudo sobre o Chemsex na nosa contorna. Este estudo analizará os resultados dunha enquisa sobre o uso de drogas recreativas no contexto das relacións sexuais entre homes que teñen sexo con homes. Esta enquisa é completamente anónima e tárdase aproximadamente 10 minutos en respondela.

Se estás interesado en participar neste estudo pincha na seguinte ligazón para cubrir a enquisa: https://goo.gl/forms/MTBwAKPiWrsaqjaB3

 

Se tes calquera dúbida sobre infeccións de transmisión sexual (ITS), podes contactar co persoal médico e de enfermería do Plan galego anti VIH/sida e outras ITS por teléfono ou por email.

Os datos de contacto son:

Teléfono: 881 542 914, 881 542 996, 881 542 913.

email: plan.vih.its@sergas.es

Horario de atención de luns a venres, 9:00-14:00 h.