Antibióticos: resistencias e uso

Antibióticos: resistencias e uso

A resistencia aos antibióticos é hoxe un dos principais problemas de saúde pública

Os antibióticos son un dos fundamentos da asistencia sanitaria moderna xa dende que se empezaron a empregar en medicina, na década de 1940. De entón a hoxe, o seu papel foise ampliando do inicial tratamento de infeccións graves á prevención de infeccións en pacientes cirúrxicos, á protección dos pacientes con cancro e das persoas cun sistema inmune deficiente, e mais tamén á promoción do crecemento e á prevención de enfermidades no gando e outros animais produtores de alimentos.

Mais, a medida que se foron empregando, en parello foron xurdindo as resistencias aos antibióticos, que son resultado directo do seu uso, xa que, canto maior é este, maiores son as posibilidades de que as poboacións de bacterias resistentes sexan seleccionadas no contexto da supervivencia dos mellor adaptados, en detrimento das poboacións sensibles.

Como resultado da difusión da resistencia aos antibióticos, infeccións que no seu día eran tratables son agora máis difíciles de curar, resulta máis caro curalas, e comportan un maior sufrimento individual e dano colectivo.

A resistencia aos antibióticos é un problema mundial que está en expansión, debido a dúas circunstancias. Por unha banda, o mellor acceso aos antibióticos, asociado ao aumento dos ingresos, que se ben salva vidas, fomenta tamén un maior uso, mesmo o uso inapropiado, que impulsa a resistencia. Por outra, a intensificación da produción de alimentos de orixe animal, que resulta da crecente demanda de proteínas desta orixe, fomenta o uso de antibióticos na agricultura e na gandería que, de novo, impulsa a resistencia.

Deste xeito, vese que na orixe da resistencia aos antibióticos como problema aparece o seu uso inapropiado, e, por iso, a posible solución apunta á promoción do uso apropiado, que non é unha tarefa sinxela: son moitas e moi diferentes as persoas, as institucións e os intereses implicados.

Para abordar esta complexidade estanse a desenvolver planes, como, en España, o Plan estratéxico e de acción para reducir o risco de selección e diseminación da resistencia aos antibióticos, que contén seis liñas estratéxicas de intervención, entre as que figura a vixilancia do uso dos antibióticos e das resistencias aos mesmos. Neste senso, os datos de Galicia dende 2007 pódense consultar nas ligazóns desta páxina; os de Europa na ESAC-NET (uso) e da EARS-Net (resistencias), ambas do ECDC; e os do mundo, na OMS.

Asemade, para aumentar a conciencia do problema, dende 2008 e promovido polo ECDC, anualmente celébrase o Día europeo de sensibilización sobre os antibióticos; e, a partir de 2015, a OMS celebra a Semana mundial de sensibilización sobre os antibióticos.

Na mesma liña, a OMS proporciona unha serie de consellos xenéricos para promover o uso axeitado dos antibióticos e mesmo reducilo (mediante a prevención das infeccións) en diferentes colectivos humanos. Brevemente, hai que:

  • Prescrición de antibióticos: Só cando son verdadeiramente necesarios.
  • Uso de antibióticos: Só se son receitados por un médico.
  • Consumo de antibióticos: Sempre completar o tratamento prescrito, aínda que xa se atope ben.
  • Outro uso dos antibióticos: Nunca. Os antibióticos non se deben almacenar nin compartir.
  • Prevención das infeccións: Sempre, con boa hixiene de mans e respiratoria, mantendo ao día a vacinación, empregando preservativo para evitar as infeccións de transmisión sexual.